sábado, xullo 28, 2012

Na procura de Ed o Riseiro


Como xa dixen nalgures, a inclusión deste Na procura de Ed o Riseiro (Rinoceronte, 2012) engade unha nota de cor aos títulos escollidos por Rinoceronte Editora para iniciar a súa liña de BD. Malia a súa longa traxectoria e unha notable produción, o seu autor, Kim Deitch, non é moi coñecido no noso entorno e nin sequera adoita citarse entre os “imprescindibles” do underground norteamericano no que poderiamos encadralo. Calquera comparación en termos de difusión ou popularidade entre esta obra e Contrato con Deus, Persépole, Palestina e as restantes obras do catálogo de Rinoceronte resulta absurda. Estamos, xa que logo, perante a aposta arriscada dentro da aposta arriscada que é esta liña editorial, á que lle desexamos toda a sorte do mundo.

Non é difícil atopar semellanzas entre esta obra e O bulevar dos soños rotos (La Cúpula, 2007), única monografía do autor publicada en castelán ata a data. Aquel traballo ofrecía unha desacougante perspectiva sobre a animación infantil actual situando o lector perante as orixes do xénero, fitas de animación tan exentas de corrección política coma alonxadas dos estándares que hoxe caracterizan os produtos dirixidos aos cativos. De xeito semellante, Na procura... toma coma pretexto os programas infantís da TV norteamericana dos anos 50 para mergullarnos unha vez máis no particular universo do seu autor, un circo de pesadelo habitado por personaxes alucinados, gatos suburbiais e criaturas grotescas. O realmente fascinante é constatar que ese submundo labiríntico e estraño que Deitch retrata con detallismo obsesivo non é o resultado dunha pura fabulación do autor, senón que parte de referentes ben reais. E así, se en O bulevar... a materia prima eran os filmes dos precursores da animación infantil, o Smilin’ Ed que aperece en Na procura... existiu realmente, e tanto a escasa información coma os poucos vídeos que se poden atopar na rede demostran que a imaxe que difunde Deitch ten máis de retrato que de caricatura. O paso do tempo e sobre todo o devir da industria do entremento para nenos fannos contemplar hoxe como bizarros e extravagantes uns produtos que non eran menos inocentes que calquera dos seus equivalentes actuais, de xeito que a obra no seu conxunto se nos revela, baixo a apariencia dun puro delirio, coma unha lúcida reflexión sobre o pasado e presente de certas manifestacións da cultura popular.

Sobre a presente edición coido que cómpre salientar, en primeiro lugar, o labor de Rafael Salgueiro na tradución dun texto que se intúe difícil e cheo de matices. Algo semellante acontece coa tipografía e rotulación, que Deitch incorpora como parte esencial do seu grafismo e que na presente edición é obxecto dun coidadoso tratamento para aproximarse ao máximo ao acabado orixinal. Por último, recoñecer tamén o acerto que supón manter o limiar de Bill Kartalopoulos, presente xa na edición de Fantagraphics (pode descargarse de balde aquí), unha perfecta introdución ao autor e a súa obra que, coma o resto do libro, merece unha atenta lectura.

Entradas relacionadas

venres, xullo 20, 2012

Qadriños: Indignádevos (ou non)


Ás veces, vendo as reaccións que se dan no microverso dixital dos afeccionados e lectores de cómic teño a sensación que o movemento indignado inventámolo nós. É certo que normalmente hai motivos ou, dito doutro xeito, hai xente por aí que vai provocando, cometendo erros graves, tendenciosos e que revelan un gran descoñecemento desta disciplina que nos gusta. Nesta nova anotación en Qadriños suxiro unha actitude máis zen pola nosa banda, ao interpretar que sucesos como o asunto da RAE e o vocablo "manga" ou o recente Premi Nacional de Cómic de Catalunya a un non-cómic son efectos colaterais do avance da banda deseñada e a súa apertura a novos espazos. Ou polo menos quero pensar que así é.

xoves, xullo 12, 2012

Cerebus: Alta sociedade


Resulta complicado achegarse a unha obra como Cerebus de Dave Sim sen un bo feixe de xuízos previos. O título chegou a converterse nun mito, alimentado non só polas súas boas críticas, senón tamén polo xeito en que foi publicado orixinalmente (paradigma da autoedición, froito dun desexo de manter a independencia creativa por parte do seu autor), polo bloqueo da súa edición internacional (relacionado tamén coas arelas de Sim de manter o control absoluto sobre o seu traballo) e polo peculiar carácter e mesmo a ideoloxía do autor, presentes na súa obra e expostos torrencialmente en entrevistas e reportaxes. Difícil, xa que logo, deixar de lado a antipatía persoal, o recoñecemento que merece o seu éxito contracorrente ou as moitas achegas críticas á súa obra.

Hai que dicir que malia a súa pretensión de situarse á marxe da industria editorial, Sim non tivo outra opción que a de publicar inicialmente a súa obra no único formato que daquela resultaba viable en termos de mercado, o comic-book. Dende unha perspectiva actual pode parecernos obvio que se o seu propósito a partir dun certo intre foi o de crear un macrotexto (os célebres 300 capítulos, desenvolvidos ao longo de 25 anos de carreira) subdividido en relatos dunha extensión notable, resultaría máis acaída unha publicación en formato libro (xa me entenden) que unha secuenciación episódica mensual ou bimestral. Mais como dicía, esta opción non era sostible en 1977, cando arranca o proxecto, e non o sería ata moito despois: as primeiras compilacións chegarían a finais dos 80 e a reedición sistemática en tomos a mediados dos 90.


Aclaro todo isto porque unha lectura conxunta do primeiro volume traducido ao castelán, Alta sociedade (Ponent Mon, 2010), revela que a forza do relato, cando menos nesta primeira etapa, non reside precisamente no equilibrado da súa estrutura, senón no efecto acumulativo que provoca a sucesión de capítulos. De feito, se atendemos aos primeiros episodios non está nada claro que a intención inicial do autor fose a de tecer a densa fábula política que remataría sendo. Sim crea un escenario no que se introduce timidamente ata derivar cara os xogos de poder como elemento temático central. A sensación é de certa improvisación e parece relacionada coa planificación a curto prazo que implica a edición en formato comic-book. Mais como adiantaba, a aposta de Sim é outra, a lenta creación dunha atmosfera mediante a constante suma de acontecementos. A deliberada densidade dalgúns episodios unida ao requintado de certos recursos visuais parecerían agochar unha vontade de impresionar ao lector por riba dos valores reais do texto, que os ten e abondo.

Sim posúe ademais un trazo fino e de beleza pouco discutible, que lembra a un Neal Adams (mencionado na dedicatoria) estilizado. O seu debuxo daría para unha longa análise, pola súa brillante posta en páxina e o despregue de recursos narrativos ben visibles (chegando a caer na ostentación, como dicía), a integración da tipografía na imaxe ou o aproveitamento das posibilidades do branco e negro. Ao meu entender, o máis interesante é a mestura de diferentes rexistros gráficos nunha síntese persoal, de xeito que un protagonista extremadamente caricaturesco e de expresividade cartoon (o personaxe de Cerebus xurde como parodia de Conan, seica) convive con secundarios de acabado realista nun entorno de aspecto tamén realista dentro do fantástico. Entre estes dous rexistros habería aínda un terceiro, o representado por Cascuda Lúa, parodia do Cabaleiro Lúa (e de novo chiscadela a Neal Adams, lembremos que o personaxe foi a resposta Marvel ao Batman de Adams e que o seu primeiro debuxante foi un Bill Sienkiewicz que imitaba sen apenas disimulo o estilo daquel) que Sim retrata cun estilo deformante diferente. A perfecta convivencia destes distintos estilos ilustra o difícil de etiquetar que resulta esta obra, na que superpoñen aventura, humor, fábula política, romance e parodia.


Non podemos dicir que non pasara o tempo para Cerebus. Moitos dos seus valores están ligados á súa condición de obra adiantada ao seu tempo (coido que ninguén pode discutir que o foi) e o impacto da súa lectura tería sido maior, sen dúbida, de ter chegado a nós hai unha década. Porén, coido que o seu interese vai máis aló do simplemente histórico e que segue a pagar a pena achegarse a ela hoxe.

martes, xullo 10, 2012

Case completo



Case completo
(La Cúpula, 2012) permite comprobar que as semellanzas entre o debuxo de Joost Swarte e o de Hergé van moito máis aló da simple sintonía entre dúas das figuras máis salientables da liña clara (termo debido ao primeiro, lembremos). Se o relato As aventuras de Hergé hai 50 anos, recollido neste volume, recoñece explicitamente a débeda, o exemplo máis paradigmático da mesma sería a figura de Jopo de Pojo, a creación máis popular de Swarte, que gasta pantalóns de golf e cuxa figura lembra a Tintin en todo menos no rostro. Pero hai moito máis: recoñezo nos debuxos de Swarte rostros, acenos, liñas cinéticas, escenarios, obxectos... que podería rastrexar, mutatis mutandi, nos álbums de Tintin. O labor de Swarte sería o de cartografar e reconstruír o debuxo de Hergé segundo unha visión non menos persoal que a orixinal, e consagralo a fins novos e distintos.

Ocórrense moitos motivos que explican que un artista cunha débeda tan clara goce dun recoñecemento tan amplo e unánime. O primeiro, Swarte era quen de adoptar outros rexistros gráficos e de novo a presente compilación ofrece exemplos; ademais, malia as semellanzas o seu debuxo presenta tamén rasgos propios: un sentido do espazo único, o gusto pola experimentación formal ou a relevancia da tipografía entre outros. Se ademais reparamos no aspecto argumental, as distancias son aínda maiores. Fronte a un Hergé que se moveu sempre nas estreitas marxes da estrutura narrativa tradicional (plantexamento-nudo-desenlace), os relatos de Swarte exploran continuamente outras posibilidades, cando non se deixan levar directamente polo absurdo ou o caos, iso sen mencionar a insistencia con que introduce tópicos inéditos na obra do pai de Tintin: o sexo, a violencia e unha visión do mundo moito máis atípica e vertixinosa que a do seu referente. Os relatos escolmados neste volume revelan un autor que se sitúa constantemente na fronteira do coñecido, que abre camiños e busca novas formas de expresión, dirixíndose a un lector cuxa existencia sería probablemente dubidosa no tempo en que moitos dos traballos foron publicados orixinalmente. Malia recoñecerse como incompleto, estamos perante un compilatorio imprescindible.

mércores, xullo 04, 2012

Criminal: O último dos inocentes



A contraposición entre big city e small town é un tópico moi frecuentado pola ficción norteamericana. As pequenas vilas adoitan representarse coma o espazo no que ten lugar o tránsito da infancia á primeira idade adulta e no que o individuo comeza a definir a súa personalidade e formar a súa moral. A gran cidade é o destino ao que conduce a ambición e o desexo de madurar; representa as oportunidades, a posibilidade de medrar, mais tamén os perigos, a proximidade do pecado e o risco de dexeneración. É probable que esta visión recorrente, que tampouco é exclusiva da cultura norteamericana, reflicta a influenza dos relatos bíblicos (lembremos a Babilonia do Apocalipse) e en calquera reproduce ideas que veñen de antigo (pensemos no Beatus ille... de Horacio).

O último dos inocentes (Panini, 2012), a máis recente entrega da serie Criminal de Ed Brubaker e Sean Phillips, ofrece unha nova versión deste tópico, cun protagonista que retorna á vila natal (Brookview) tras un longo período na gran cidade (Nova York). Aínda que os autores elixen amosarnos o pasado dos personaxes na vila seguindo o rexistro gráfico dos cómics de Archie, a realidade reflectida afástase decididamente dos parámetros da comedia teen que a devandita cabeceira representa. Brubaker e Phillips matizan os tópicos sobre cidade e vila demostrando que a inocencia dos protagonistas comezara a esvaerse xa na primeira adolescencia e que a decadencia moral non é exclusiva do personaxe que viaxou á big city. Esta utilización de diversos códigos gráficos introduce unha notable novidade nunha cabeceira que ata de agora mantivera unha homoxeneidade formal absoluta, o que explica a grande atención que se lle ten prestado en críticas e recensións. Sen tratarse dun recurso totalmente novidoso (os mesmos autores fixeron algo semellante en Sleeper, onde Phillips se aproximaba ao rexistro gráfico do tebeo superheroico para narrar a adquisición de superpoderes polos personaxes, ou no uso paradigmático que Alan Moore e Rick Veitch lle deron en Supreme), a discordancia entre forma e fondo consegue darlle un xiro irónico coherente cunha trama que Brubaker pecha cun aquel cínico e descrido, moi propio do noir contemporáneo, pero non excesivamente habitual na cabeceira.

Entradas relacionadas
Criminal: Covarde
Criminal: Lawless
Criminal: Os mortos e os moribundos
Criminal: Mala noite
Criminal: Os pecadores

xoves, xuño 28, 2012

Qadriños: A Biblioteca Nodal da Coruña estrea Comicteca



Efectivamente, despois duns meses que pareceron eternos, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña pon de novo os seus fondos de BD para adultos a disposición dos lectores. Se chamamos as cousas polo seu nome, diremos que a tal Comicteca está nos corredores do segundo andar, fóra de calquera lugar que poidamos considerar Sala. Malia iso, entendemos que se fixo un esforzo por mellorar o servizo e aprezamos especialmente a recatalogación dos fondos que, ao contrario que antes, están agora ordenados baixo un criterio. Tanto que se fala de "compartir" bens culturais, reivindico aquí e sempre esta rudimentaria forma de descarga legal. Unha opinión máis detallada sobre a Comicteca, aquí.

*O debuxo é de Joost Swarte, autor da obra coa que inaugurei esta nova andaina da Comicteca.

xoves, xuño 21, 2012

Vertixe en Nova Orleáns



Na máis recente Paisaxe de papel refírome á pouco casual conivencia entre o selo Vertigo de DC Comics e a cidade de Nova Orleáns. Jazz, vudú e vampiros, Mardi Gras, o Katrina, cemiterios e o barrio francés. Todo aquí, Vertixe en Nova Orleans.

mércores, xuño 20, 2012

Qadriños: Breve refutación de Méndez Ferrín




















Unha lonxana afirmación de Méndez Ferrín sobre as lecturas da súa infancia ofréceme o pretexto para volver a Qadriños cunha anotación na que repaso as orixes de Superman e o Capitán Marvel, o litixio entre National (hoxe DC Comics) e Fawcett a propósito do suposto plaxio e a posterior "reconciliación" de ambos personaxes.

sábado, xuño 16, 2012

Nick Furia, axente de SHIELD




















Como é sabido, en 1965 Marvel cómics optou por transformar a Nick Furia, ata entón rudimentario soldado da Segunda Guerra Mundial, en axente secreto hipertecnoloxizado, mudanza que se presta a proveitosas análises en clave sociolóxica (como retrato dunha sociedade cuxo interese polo belicismo convencional decae na mesma medida en que aumenta a súa fascinación pola espionaxe sofisticada), pero vale tamén para explicar a política editorial dunha Marvel sempre disposta a se reciclar ventando os cambios nas preferencias do público.

Planeta reeditaba recentemente (2010) os capítulos da cabeceira Strange Tales na que se introducía a este Furia renovado canda algún dos seus secundarios habituais (caso de Dum Dum Dugan), ao tempo que se presentaba a organización SHIELD e a súa oposta Hydra, cun líder supremo na sombra coma némese. Malia que os primeiros capítulos da serie correron a cargo de Stan Lee e Jack Kirby, o nome que invariablemente se emparella con estes cómics é o de Jim Steranko, que asumiría primeiro o acabado dos lapis de Kirby e finalmente pasaría a ser guionista e debuxante do serial. Nunha lectura actual, non sorprende a escasa trascendencia dos capítulos producidos por Lee e Kirby, limitándose o seu labor a establecer o novo escenario e limitándose a cumprir asepticamente nos argumentos trazados.

A entrada de Steranko supón unha inxección de forza e unha certa viraxe argumental. Finaliza o ciclo de Hydra e comeza a introducir variantes de xénero, con elementos de ciencia ficción ou o célebre pastiche holmesiano (recreación apenas disimulada de O can dos Baskerville) que pecha este volume. Porén, é na faceta gráfica onde o traballo de Steranko resulta máis salientable. No momento en que pasa a ser responsable único do debuxo abandona a liña discreta que mantivera cando remataba os bosquexos de Kirby para optar por un grafismo moito máis enérxico e innovador. Coma o seu antecesor, aposta por uns deseños de maquinaria e demais gadgets tecnolóxicos espectacular e rupturista, pero é nas solucións narrativas onde o seu labor resulta máis imaxinativo. Ademais dos recursos máis obvios (collages ou dobres pranchas espectaculares), Steranko experimenta constantemente na estrutura de páxina, descompoñendo a moi conservadora planificación que predominara ata ese intre. En ocasións, as  fronteiras das viñetas desintégranse, con imaxes que se superpoñen limpamente; noutros casos, o artista xoga co tamaño dos cadriños para producir efectos de ritmo; hai anacos de narración sen texto, algún deles ben coñecido; tamén perspectivas extremas, deformación expresionista, xogos de cor... Steranko desbota a narrativa invisible e desafía constantemente ao lector. O arriscado da súa aposta, así coma a forza e elegancia do seu debuxo explica a popularidade que acadaría o artista malia a súa escasa produción, ao tempo que xustifica a vixencia dunha cabeceira que, doutro xeito, tería moitos menos motivos para ser reivindicada hoxe.

martes, maio 29, 2012

Clase maxistral de David Rubín na Coruña













Chégame o aviso de que o vindeiro xoves 31 ás 19:00 David Rubín dará unha clase maxistral baixo o título O proceso de creación dunha novela gráfica: El héroe no Corte Inglés da Coruña. O acto terá lugar no 2ª andar con entrada gratuíta ata encher o aforo. Máis información aquí. Eu non podo asistir pero seguro que paga a pena. Animádevos (e comentade)!