xoves, febreiro 11, 2010

A escena do crime



Ed Brubaker era prácticamente un recén chegado a Vertigo, e por extensión a DC e ao mainstream norteamericano, cando escribiu A escena do crime (Norma, 2000). Ata entón colleitara boas críticas como autor independente (autor completo, lembremos, xa que el mesmo debuxara algúns dos seus traballos previos) e desenvolvera algún traballo menor para o selo adulto de DC, como un one-shot de 1995 sobre o presidente adolescente Prez. Os catro números de A escena do crime que Norma publicou en dous tomos pretendían ser o arco inaugural dunha serie regular (ou colección de miniseries) de orientación noir que finalmente non tivo continuación, se exceptuamos unha historia de 8 páxinas para o Vertigo Winter’s Edge de 1999. A lectura actual desta miniserie non deixa de suscitar curiosidade, non porque amose unha faciana descoñecida do escritor norteamericano senón precisamente polo contrario: el era o mesmo mais o contexto era outro.

A little piece of goodnight, título deste primeiro arco argumental, reúne todas as características dos relatos de xénero negro polos que Brubaker devece e que desenvolve agora na súa serie Criminal. Resulta significativo que un produto que no 99 fallou no seu intento de ampliar o catálogo de xéneros dun selo que, incapaz de desviarse dos subprodutos derivados de Sandman, estaba a morrer de éxito, se nos ofreza agora pola maior editorial norteamericana coma a quintaesencia do traballo de autor. En algo debeu de mudar o mercado e dalgún xeito debemos de evolucionar os lectores. Brubaker, pola contra, está onde estaba.

Nestes catro capítulos asistimos ao plantexamento e resolución, cun pulso narrativo moi semellante ao que agora nos ten afeitos, dunha trama na que agroman moitos dos tópicos do xénero negro cos que Brubaker gosta de xogar. Moitos dos personaxes e escenarios claman por un desenvolvemento para o que non hai espazo e que xa non chegaría. Malia iso, a miniserie funciona correctamente e a única discordancia con traballos máis recentes é, se cadra, unha maior claridade. É probable que esta diferenza de ton, que o aproxima ao policíaco e o alonxa do máis xenuino hard boiled, sexa debida ao traballo de Michael Lark nos lápices. Lark viña daquela de asinar traballos como Terminal City, cun acabado luminoso próximo á liña clara, e aínda que as súas pranchas para A escena do crime revelan un cambio de rexistro evidente, non chega á perfección noir que acadaría en Gotham Central ou mesmo en Daredevil, tamén con Brubaker. Porén, o seu traballo nesta miniserie resulta tamén salientable, contando co entintado de Sean Phillips, que tamén tería os seus coñecidos (Sleeper, Criminal, Incógnito) momentos de gloria con Bru, e coas cores de James Sinclair. Hai, en todo o dito, motivos abondo para unha reedición desta obra?

Entradas relacionadas

Ningún comentario: