luns, abril 02, 2007

Catwoman: baixo presión



Lembro pefectamente a primeira vez que vin os debuxos de Paul Gulacy, concretamente nun número da serie Shang-Chi, Master of Kung Fu publicado a finais dos 70 pola editorial Vértice. A súa liña gráfica, claramente debedora de Jim Steranko, destacaba polo seu dinamismo, por unha sabia utilización do claroscuro e pola sensualidade das figuras femininas. Tres décadas máis tarde, Gulacy pasa a ser debuxante da serie regular de Catwoman, no que supón un cambio drástico na liña gráfica da colección, ata entón presidida por un estilo cartoon con acabado noir. Que o seu estilo resulte plenamente recoñecible sen ter quedado desfasado ven a demostrar o que xa se sabía, que no seu día foi un adiantado. Agora ben, malia que as súas virtudes seguen a ser considerables, certos defectos resultan tamén bastante evidentes: problemas nas proporcións, falta de profundidade, fondos descoidados (esa inverosímil escaleira de caracol no capítulo 28). Semella que boa parte da responsabilidade a este respecto correspóndelle ó entintador, un Jimmy Palmiotti cuio prestixio profesional, parece demostrarse, deriva doutras habilidades que van alén das estrictamente artísticas.

Gulacy chega á colección de Selina Kyle cando ésta retoma o tono que a presidira dende os seus inicios, tras o breve paréntese que supuxo o arco anterior. Catwoman regresa ó East End de Gotham coa pretensión de se constituir en protectora do mesmo, liberando ós seus habitantes das mafias locais. Nesta guerra, os mafiosos recurren a Zeiss, un asasino que pretende resultar temible e cuia definición gráfica e persoal resulta vulgar e un tanto ridícula. A trama, xa que logo, resíntese desta falta de carisma e da a sensación de prolongarse máis aló do necesario. O papel desenvolvido por Slam Bradley (ó que Gulacy, afeito a tomar modelos do cinema, caracteriza inspirándose claramente en Robert Mitchum) semella rutinario, tanto como a aparición dun Batman cuia presencia parece só xustificada por motivos comerciais.

Xa que logo, o guionista Ed Brubaker non parece excesivamente inspirado, se ben o arco argumental non remata neste volume que ven de publicar Planeta e que recolle os números 25 a 29 da serie orixinal. Haberá que agardar ó tomo seguinte para emitir un xuízo máis completo.

Entradas relacionadas

Catwoman: viaxe salvaxe
Catwoman: se vas a Roma

Ningún comentario: