xoves, abril 12, 2007

Catwoman: Final de percorrido



Se o volume anterior da serie de Catwoman amosaba, na miña opinión, un preocupante descenso de calidade, esta nova entrega ven a confirmar a tendencia, sendo ainda máis evidentes os seus defectos. O tomo recolle os números 30 a 33 e 37 da serie orixinal; os tres números que faltan forman parte da saga-crossover Xogos de guerra, á que Planeta decidiu dedicar un volume aparte, o cal xa non é un bo comezo (considero unha falta de respecto que o lector deba escoller entre mercar un volume con números de series que non sigue ou ter incompleta a serie que si sigue).

No primeiro dos capítulos que conforman o volume asistimos á conclusión da historia de Zeiss iniciada no anterior. A resolución, orixe do personaxe incluida, resulta rutinaria e carente de interese. A seguir, unha historia en dous números que probablemente marca o nivel máis baixo de calidade da serie ata o momento. Nela, Selina enfróntase a unha secta exipcia cuio líder quere (¿están sentados?) celebrar un matrimonio ritual con ela, no que supón non só o abandono do tono urbano e noir habitual, senón a asunción duns esquemas argumentais claramente anticuados. Os tres números seguintes poden lerse independentemente, o non teren entre si máis relación que o seu escaso interese: o primeiro céntrase nas relacións persoais entre distintos personaxes (Selina e Bruce Wayne, Holly e Karon, Slam e o seu fillo); o segundo retoma os escenarios habituais da serie, plantexando unha insípida historia de gangsters; o terceiro céntrase nada menos que no cumpreanos de Selina.

Semella que Ed Brubaker, outrora tan inspirado nesta serie, chegou a un punto en que xa non sabe cara onde conducila. Pola súa banda, o debuxo de Paul Gulacy mantén os defectos comentados respecto do volume anterior, ata o punto de que a intervención primeiro dun Sean Phillips non especialmente inspirado e despois dun descoñecido Diego Olmos, resulten un alivio. O decaemento da serie é un feito en todos os seus aspectos; veremos como evoluciona.

Entradas relacionadas

Catwoman: se vas a Roma
Catwoman: Viaxe salvaxe
Catwoman: Baixo presión


2 comentarios:

Anónimo dixo...

¿Vas seguir mercando a serie?

Ollo de Vidro dixo...

Penso que Planeta vai editar outros dous tomos antes de pasar a serie a formato grapa. Seguramente mercarei eses dous tomos pero, se non recupera o nivel de calidade, o máis probable é que a deixe para entón. As restriccións orzamentarias son moitas e os productos interesantes moitos.