martes, maio 08, 2007

Cousa do Pantano: no pantano



Cando Alan Moore empezou a escribir a Cousa do Pantano non era o autor consagrado que é hoxe, senón un prometedor escritor que chegaba ó mercado americano tras unha interesante traxectoria en Gran Bretaña. Nestes primeiros anos, Moore foi quen de gañarse o prestixio con historias honestas e ben construidas, ensanchando sen excedelas as fronteiras dos xéneros correspondentes. Sería anos máis tarde que, coñecendo os xéneros dende dentro e dispoñendo de maior liberdade creativa, foi quen de sobardar os seus límites e aportarlles unha ollada posmoderna e desmitificadora de indiscutible influencia posterior.

A aterraxe de Moore no mercado americano tivo lugar na serie da Cousa do Pantano, dando lugar á que é considerada como a mellor etapa do personaxe ata o punto de que, concluida a súa estadía, este non volvería a disfrutar non xa dun estándar de calidade semellante, senón dunha estabilidade ou alcance popular equiparables. Moore xoga cos presupostos da serie, partícipe dunha idea de terror máis próxima ós célebres cómics da EC que á do cinema terrorífico daqueles anos, e aproveita a natureza vexetal do seu protagonista para incluir modestas reflexións sobre a naturaza humana. O resultado non é un tratado filosófico, senón a demostración de que o talento atopa saídas mesmo en situacións pouco propicias.

Cómpre non deixar de salientar a axuda que supuxo o contar co concurso no apartado gráfico de John Totleben e Stephen Bisette, dous autores discretos pero con oficio e cun estilo claramente debedor de autores esenciais do medio como Berni Wrighston.

Recupero a edición desta serie que levou a cabo Norma hai uns anos agora que Planeta está a reeditala e constato que, malia os anos transcurridos, segue a ser unha obra intelixente e de lectura agradable.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Xa lle botara o ollo a esta reedición, agora supoño que lle botarei tamén as máns ;-)
¿Haberá cartos para todo? XD

Ollo de Vidro dixo...

A min últimamente xa non me preocupa tanto o dos cartos (xa o Euribor me ten afeito a pasar estreiteces) como o tempo para poder ler...