domingo, maio 13, 2007

Y o último home: Bonecas de papel



Hai dous recursos narrativos que o escritor Brian K. Vaughan emprega con especial eficacia: os flashback e os cliffhangers (se se me permiten os barbarismos). De feito, o éxito dunha serie como Y o último home radica, ó meu entender, en que a interesante premisa inicial (un único home nun mundo no que só quedan mulleres) e o seu contexto editorial (o selo Vertigo, dirixido a lectores dunha certa idade) facilitan un uso intelixente e sustancioso daqueles elementos narrativos. Todo o contrario do que acontece noutra serie do mesmo guionista de (para min inexplicable) éxito, Runaways, construida sobre unhas bases explotadas ata a saciedade (adolescentes en fuga) e cuio destinatario (público igualmente adolescente) limita en maior medida a súa liberdade creativa.

Tras uns últimos números dubitativos, Y… recupera o pulso narrativo nesta nova entrega que ven de publicar Planeta e que baixo o título Bonecas de papel recolle os números 37 a 42 do orixinal americano. O conxunto de secundarios que se foron presentando durante meses permiten o desenvolvemento de tramas secundarias, ó tempo que a liña argumental principal avanza lentamente. Mención especial merece a atención de que é obxecto 355, un personaxe secundario atractivo e moi correctamente definido por Vaughan, cuio pasado vemos parcialmente desvelado neste tomo.

Pia Guerra debuxa os tres primeiros dos seis capítulos que compoñen o volume, abondo para demostrar que a súa evolución se consolida. Marcada ainda por un certo estatismo, a mellora nas expresións resulta evidente, tanto como a maior riqueza nos encadres e na narrativa. Os tres números restantes corren a cargo de Goran Sudzuka, debuxante moi próximo en estilo e calidade á anterior e cuio esforzo por manter a liña gráfica da serie facilita a súa lectura.

Para rematar, querería chamar a atención sobre uns erros de rotulación que veñen a desmerecer outros méritos da edición, como a correcta traducción da mesma.

Entradas relacionadas:
Y o último home: Moza con moza

Ningún comentario: