mércores, decembro 26, 2007

Smoke City


Hai productos que entran polos ollos. Non tiña nengunha referencia do Smoke City de Benjamin Carre e Mathieu Mariolle, pero a súa atractiva portada primeiro e unha breve ollada ás súas páxinas interiores despois funcionaron coma unha convicente invitación á lectura.

Un fato de ex-convictos, co seu perdedor, o seu xenio informático, a consabida muller fatal e mesmo un par de ninjas, reúnense de novo para executaren un grande roubo cunha cidade feita de fume e escuridade como telón de fondo. A trama constrúese, como se pode intuir, coma apelación a unha vizosa tradición de obras de xénero negro, sen apenas pretensións de orixinalidade. Xa que logo, o xuízo que merece a historia é probablemente o único que permiten os seus propósitos, isto é, resulta unha lectura agradable e áxil, o cal é de seu bastante, pero a súa falta de ambición non deixa de ser un tanto decepcionante. É certo que estamos ante o episodio inicial dunha trama que promete ser máis longa e no que, consecuentemente, se presentan os personaxes, se sentan as bases da narración e se abandona ésta nun punto que remite directamente á súa continuación, de xeito que os plantexamentos iniciais poden verse mellorados no seu desenvolvemento. E porén, déixase sentir unha certa actitude conservadora dende a mesma concepción da obra, ó facer descansar sobre clixés de xénero parte esencial da definición dos personaxes e a trama.

En consonancia coa construcción argumental, o labor gráfico de Carre resulta máis evocador polo que promete que polo que ofrece. A ambientación, elemento esencial nunha trama destas características, é máis que correcta, con especial relevancia da cidade que da nome ó álbum. Noutros aspectos, como as expresións faciais dos personaxes ou o dinamismo das súas accións, amósase algo máis limitado. En calquera caso, todo indica que se trata dun autor que pode mellorar e convertirse nunha referencia a seguir dentro da BD. Por outra banda, o grande formato da obra na edición de Norma favorece en boa medida o seu traballo.

En definitiva, estamos ante unha obra correcta, de escasas pretensións e merecente dun xuízo meramente provisional, xa que a súa continuación pode levala a cotas máis altas ou reconducila á condición de prescindible.

Ningún comentario: