domingo, decembro 30, 2007

Ex Machina: Malos fumes


Xa o teño comentado respecto cada un dos volumen anteriores da serie Ex Machina, pero non podo deixar de insitir no incomprensible que me resulta a opción gráfica dun debuxante de talento como Tony Harris para esta cabeceira. Na miña opinión, a teimosía de Harris en construir as páxinas de Ex Machina a partir de referencias fotográficas tomadas con persoas reais que representan as escenas do cómic, o único que consegue é transmitir ós seus debuxos unha incómoda sensación de estatismo. Aquelas esquecibles fotonovelas, que non eran máis que cómics feitos a base de fotografías, daban sempre unha impresión lamentablemente forzada e estática, ó apareceren os personaxes conxelados nun escorzo hiperexpresivo e antinatural. Fronte a fotografía, a banda deseñada ten desenvolvido as súas proprias normas e recursos que conqueriron fixar, a través de convencións (certas posicións, perspectivas ou recursos como as liñas cinéticas), a sensación de movemento e acción. No caso que nos ocupa, a narrativa propria da banda deseñada vese entorpecida por xestos forzados, posicións esaxeradas e unha permanente sensación de imaxe artificialmente conxelada, sen que, na miña opinión, se perciba algún efecto positivo que compense a balanza.

Dito isto, Brian K. Vaughan segue adentrándose no mundo da política local de Nova York dende unha óptica moderadamente superheroica. Os cinco capítulos que integran este tomo desenvolven unha trama descomposta en ata tres narracións coas contradiccións proprias de certas sociedades (políticos, medios de comunicación e, finalmente, opinión pública) fronte ó consumo de marihuana coma fío conductor. A historia funciona correctamente e permite o avance dalgunhas subtramas (sobranceiramente, a introducción da nova becaria, January, irmá da anterior) que presumiblemente serán obxecto de tratamento polo miúdo máis adiante. A serie mantén, xa que logo, o tono e o nivel de entregas anteriores.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: En pe de guerra

Ningún comentario: