domingo, decembro 26, 2010

Asterios Polyp



É tanto o que se ten escrito sobre Asterios Polyp (Sins Entido, 2010), o celebrado regreso de David Mazzuchelli, que pouco de novo ou orixinal pode dicirse agás, se cadra, posicionarse nos debates xurdidos ao respecto. Xa que logo, o primeiro é sumarse ao que ninguén discute: o asoballante dominio gráfico de Mazzuchelli. Cada páxina deste Asterios Polyp é unha pequena alfaia, froito dunha coidada reflexión ou dun talento artístico incontestable, probablemente das dúas cousas. A simplificación máxima das formas, a adopción dun rexistro amable, case infantil, a limitación das cores... Mazzuchelli opta por camuflar a complexidade do seu debuxo, ao tempo que invisibiliza ou fai ostentación das súas trampas narrativas. Deliberadamente ou non, a obra traslada a reivindicación da beleza dende o contido cara o soporte, conformando un fermoso obxecto con sustancia física de seu, o libro. A coidadosa edición de Sins Entido consegue manter o equilibrio entre a beleza interior e a habitualmente menosprezada beleza externa.

O recoñecemento unánime da obra no seu aspecto formal contrasta coa controversia respecto da súa valoración global, o que non resulta estraño dadas as moi altas pretensións de Mazzuchelli. Asterios Polyp é, efectivamente, unha obra ambiciosa, algo que non pode considerarse de seu negativo, pero que obriga ao seu autor a estar á altura das expectativas xeradas por el mesmo. Neste debate sitúome entre os que pensan que o debuxante de Cidade de cristal estraga grande parte dos seus esforzos ata afogar o seu propio relato. Probablemente o principal referente de Asterios Polyp non se atope na narrativa gráfica, senón na literatura e, por ser máis exactos, na literatura norteamericana. A obra sitúase na vocación de trascendencia e universalidade que caracteriza á grande novela americana, ese Santo Graal que todo novelista ianqui cun bo concepto de si se sente obrigado a perseguir, en demasiadas ocasións a costa da súa propia obra. Mazzuchelli non oculta a súa vocación de profundidade, ao contrario, incorpóraa ao seu discurso de maneira explícita. Lamentablemente, as respostas ofrecidas semellan non estar á altura das preguntas plantexadas e a obra pode considerarse, nese plano, fallida.

Sería unha arrogancia inxustificable ademais de inútil facerlle calquera recomendación ao autor, máxime cando este conseguiu por méritos proprios converterse nunha referencia ineludible do cómic norteamericano. Só cabe recoller o moito de salientable que hai neste Asterios Polyp e agardar pola súa próxima obra.

Entradas relacionadas

Ningún comentario: