venres, xaneiro 14, 2011

Zona templada



Un dos nomes literarios do pasado ano 2010 foi o do escritor norteamericano Jonathan Franzen, cuxa aparición na portada da revista Time seica debe considerarse garantía da excelencia da súa recente novela, Freedom, omnipresente nas consabidas listas co mellor do ano que agroman nestes días. Por este motivo, pode resultar interesante traer á memoria Zona templada (Seix Barral, 2005), un traballo probablemente menor (ou non?) dentro da súa obra, pero que atinxe a un tema que interesa neste blog, o cómic.

Zona templada é un breve exercicio de memoria persoal e familiar que foi publicado orixinalmente en The New Yorker e The Guardian e que sería recollido en 2005 na prestixiosa antoloxía anual The Best American essays. Seix Barral publicaría a versión castelá en 2005, nun libriño de apenas 80 páxinas, integrado na colección Únicos e que conta cun extenso prologo por Gustavo Martín Garzo. A narración está ambientada nos 70, anos nos que a fervenza contracultural e o seu modelo de vida adxunto puxeron a proba os alicerces da institución familiar en Norteamérica. Franzen relata como, con dez anos, comezou a tomar conciencia da imperfección do seu entorno: as rifas entre os seus pais, a rebeldía dun dos seus irmáns, a rivalidade cos seus compañeiros de escola... Non estamos perante o retrato dunha infancia dura nun ambiente inhóspito, senón fronte a simple constatación de que o mundo non é perfecto para ninguén e que a sensación de seguridade que todo cativo precisa para medrar cun certo equilibrio psicolóxico non deixa de se soster nun espellismo cando non unha mentira coidadosamente tecida polos pais. Para expoñer a súa desorientada percepción infantil, Franzen toma coma contrapunto as tiras de Charlie Brown das que era lector entregado, identificándose intuitivamente coas coñecidas angustias e insatisfaccións que padecía o seu protagonista.

Sen agachar a súa admiración por Schulz, Franzen recoñece tanto o dano que na percepción popular da súa obra causou a sobrexplotación comercial das súas creacións coma unha certa decadencia no período máis serodio da súa produción. Porén, a identificación do escritor-neno co personaxe de Charlie Brown demostra que as tiras de Schulz non trasladan a un universo infantil as neuroses proprias da idade adulta, senón que en boa medida retratan os medos e inseguridades dos propios nenos ata o punto de resultaren recoñecibles por eles mesmos.

Ningún comentario: