martes, maio 08, 2012

Flash Gordon de Alex Raymond











Planeta reeditaba hai uns anos dous volumes (Planeta, 2006) que recollían a totalidade das páxinas dominicais protagonizadas por Flash Gordon que elaborara o seu creador, Alex Raymond. Contemplando o seu traballo e coñecendo contexto no que viu a luz (a cabeceira nacía en 1934, época dourada das comic-strips norteamericanas, permanecendo o autor no título ata 1945), resulta doado imaxinar o impacto que provocou no lector a proposta de Raymond, especialmente (aínda que non só) pola faceta gráfica. Neste senso, se esta edición permite unha correcta valoración do traballo do autor é precisamente polo coidado con que se presenta o material, en estricta orde cronolóxica e nun formato (máis ancho que longo, de 24 x 31 cm aproximadamente, correspondéndose coa media páxina de xornal que ocupaban as pranchas orixinais) incómodo de ler mais idóneo para a súa apreciación. Isto, que parece de sentido común, non o é tanto se atendemos ás infames edicións (cronoloxías caóticas, páxinas retocadas, tamaños ridículos) das que esta mesma obra foi obxecto durante anos.

A evolución do debuxo resulta ben perceptible, dende unhas primeiras pranchas impersoais, que mimetizan os estándares do seu tempo, cara unha ilustración moito máis xenuína. Para liberar o seu estilo gráfico, Raymond pasaría dunha narración moi descritiva (as primeiras pranchas tiñan en torno a dez cadriños, distribuídos en catro bandas) a outra moito máis sintética, que lle permitiría debuxar menos viñetas de maior tamaño. Tras experimentar con pranchas de apenas tres cadriños, terminaría acomodándose nun formato recorrente de dúas tiras compostas por dúas ou tres viñetas, o que lle permitiría desenvolver os rasgos que farían del unha referencia inelubible da historia do cómic norteamericano: figuración realista, académica, sumamente elegante; perfecto sentido da composición; coidado da ambientación, cunha escenografía poderosa, paisaxes evocadoras, edificacións e maquinarias fantasiosas, etc.

As condicións de edición orixinal (lembremos, media páxina en cadencia semanal) determinan de xeito claro a configuración dun argumento que avanza imparable en liña recta, no que os acontecementos se suceden sen pausa nin reflexión. A lectura continuada revela unhas liñas mestras sinxelas e unhas estruturas comprensiblemente repetitivas, que se basean na reiterativa presentación ao lector das marabillas dun planeta exótico, Mongo, cos seus países e continentes, razas e pobos, flora e fauna. Os personaxes están escritos a machado, cun Flash repugnantiño de tan heroico, unha Dale Arden apoucada e dependente, un Zarkov desdebuxado e un malvado de opereta, Ming. Do emperador para abaixo prima o matriarcado, con fermosas raíñas que se namoran irremediablemente dun Flash que compatibiliza a súa fidelidade ao eterno feminino con algún que outro pecadiño carnal. Se o debuxo resulta digno de admiración aínda hoxe, os argumentos reclaman un lector comprensivo, atento ao contexto histórico e ás condicións de edición.

O inmenso talento gráfico de Raymond, a súa exuberancia creativa e tamén o seu sentido da aventura permitiron que a cabeceira se destacase fronte outras semellantes, facéndose cun lugar de seu na historia do medio, gozando de aceptación e boas etapas artísticas tras a saída do seu creador (algo imputable tamén ao talento dos artistas que o substituíron) e chegando á actualidade coma unha icona perfectamente actualizable (houbo unha serie de TV en 2007, sempre soa algún proxecto de adaptación ao cinema e tamén atopamos novas versións en cómic). Malia a súa morte prematura, a influenza de Raymond chega bastante máis aló dos seus contemporáneos e a súa condición de clásico do medio é, a día de hoxe, incontestable.

Ningún comentario: