Obras coma a recente Rashomon (Norma, 2012) mostran a evolución dun Víctor Santos que, sen renunciar aos que sempre foron os seus sinais de identidade, revélase agora coma un creador moito máis sólido e maduro. Os seus intereses temáticos apenas teñen mudado dende que se dera a coñecer hai máis de dez anos coma membro do colectivo 7 monos. Os seus traballos máis recentes confirman a súa tradicional querenza polo relato de acción nas súas distintas variedades de xénero (da fantasía canónica ao xénero negro, pasando polo pulp, as historias de yakuzas, o western...). Tamén este Rashomon co que se achega ao universo creativo do escritor xaponés Ryonosuke Akutagawa e que mestura o xénero policial cos tradicionais relatos de samuráis. Como fixera Akira Kurosawa coa película homónima de 1950, Santos reinterpreta varios relatos do autor xaponés, nomeadamente o coñecido como "Na fraga", conto breve e dunha singular frialdade formal no que Akutagawa emprega as formas do relato detectivesco (apenas consolidadas daquela, o texto data de 1922) para reflexionar sobre a procura da verdade material ao tempo que retrata a complexa orde social do Xapón feudal.
Os que
me coñecen saben que é unha narración pola que sinto debilidade e sobre a que xa
teño escrito, o que probablemente faga de min a persoa menos indicada para
opinar sobre a adaptación dun Santos que, no canto de cinguirse ás
estreitas marxes do texto orixinal, elixe traducir o conto aos
seus propios parámetros artísticos. As diferenzas entre unha e outra versión non
son de simple detalle, senón que atinxen a elementos esenciais da arquitectura
do relato. Tratándose da investigación dun crime, non parece precisamente
accidental que Akutagawa optara por reducir
o investigador a unha figura implícita, un xuíz ausente sen voz de seu. O
lector accede ás declaracións das testemuñas e dos implicados sen a guía dese
observador cualificado que é o detective. Santos,
pola contra, introduce un comisario de creación propia, Heigo Kobayashi,
acompañado dun arquetípico axudante. Consecuencia directa desta decisión é a
perda da equidistancia fronte as versións dos feitos que dan as partes xa que o
investigador, como non pode ser doutro xeito, manifesta as súas intuicións,
chegando mesmo a suxerirse unha solución ao enigma nun epílogo engadido por Santos. O resultado non só é moito máis
convencional que o do relato orixinal que, lembremos, ten xa noventa anos,
senón que altera notablemente o efecto que produce a lectura. O texto de Akutagawa invitaba ao lector a ocupar a
posición que o investigador (ausente) deixaba libre, calibrando sen intermediarios
as declaracións contraditorias dos implicados e aventurando por que varios
deles mentirían e non precisamente para seren absoltos, senón para inculparse. Mentres
o relato orixinal esbozaba incógnitas e invitaba ao lector a facerse preguntas,
a adaptación de Santos ofrece un
enigma e insinúa unha solución. A obra conta, xa que logo, coa coherencia que
lle dá a persoal visión do autor, malia o cal coido que a súa versión arrédase
do seu referente precisamente nos aspectos que lle concedían máis singularidade
e forza.
Coido
que non debe deixar de salientarse o notable salto cualitativo de Santos coma debuxante. Aínda que as claves do seu
grafismo seguen a ser as mesmas (trazo ríspeto e unha narrativa áxil e
intuitiva), os seus deseños revelan agora influenzas perfectamente dixeridas,
coma a de Michael Avon Oeming (lóxico) ou Mike Mignola. A variedade na posta en páxina, o amplo abano de
recursos despregados e o perfecto aproveitamento do branco e negro invitan a
recrearse na contemplación das páxinas deste álbum, ao tempo que demostran a
madurez acadada polo seu autor.
Entradas relacionadas
Ningún comentario:
Publicar un comentario