Xerais vén de publicar As orixes de Marcopola, primeiro álbum da serie Marcopola, a illa remeira de Jacobo Fernández Serrano, que supón ademais a estrea dunha nova colección, Merlín Cómic, consagrada á banda deseñada infantil e xuvenil. Cómpre lembrar que a editorial que dirixe Manuel Bragado levou a cabo no seu día un intenso labor de edición de BD, tanto de tradución coma de produción propia, que viviría a súa etapa máis vizosa nos anos 90 e que foi esmorecendo dende entón ata practicamente desaparecer na actualidade. Agardamos que este renovado interese de Xerais polo cómic permita que os moitos autores de talento que hai no país conten cunha nova canle de publicación para os seus traballos, contribuíndo á mellora das súas posibilidades de desenvolver unha carreira profesional.
A elección do título inaugural parece acertada, dada a longa traxectoria de Fernández Serrano no eido, xa sexa coma autor de banda deseñada (Os amigos de Archimboldo Roque), coma ilustrador (A filla do ladrón de bicicletas, As aventuras de Nunavut) ou mesmo coma escritor (Mil cousas poden pasar). Debuxante sutil e narrador experto, Fernández Serrano desenvólvese con comodidade no xénero infantil, cuxos códigos domina ata o punto de incorporalos a obras dirixidas a outro perfil de lector, caso de Aventuras de Cacauequi. As orixes de Marcopola foi publicado orixinalmente en castelán en 2009, sendo concibido xa inicialmente coma o primeiro dunha serie de álbums cuxa continuación, Os piratas da lúa, anuncia Xerais para a primavera do ano próximo.
A protagonista da historia, a illa Marcopola, aborrece da súa vida sedentaria no medio do océano e devece por viaxar e ver mundo. A súa sorte mudará o día que, tras desprenderse do fondo mariño, comeza a desprazarse polo mar coa axuda dun remo. Na súa andaina coñecerá xente e fará amigos, recibirá e dará axuda, saberá do perigo e confrontará os seus medos. A súa é a historia dunha aprendizaxe, a de alguén que quere abrirse ao mundo, medrar, e que no camiño termina recoñecendo o valor da amizade e da axuda mutua. Fernández Serrano envolve nunha engaiolante poética visual un relato que reborda imaxinación e sentido lúdico. No seu esforzo por facer a obra accesible aos lectores máis novos, o autor simplifica sensiblemente o seu trazo sen restarlle unha miga ao seu persoal carácter, completando uns deseños tan sinxelos coma atractivos. A viveza das cores, a linearidade do relato e unha narrativa gráfica perfectamente engraxada fan deste álbum un agasallo idóneo para rapaces que comezan a ler e no que os seguidores do autor atoparán moitos dos elementos que caracterizan a súa obra.
O presente volume pode considerarse representativo da produción recente de Fernández Serrano, cuxa madurez e calidade converten ao artista vigués nunha das voces máis persoais e interesantes da BD galega actual. Motivos para felicitarnos pola tradución ao galego desta primeira aventura de Marcopola e para agardar coas mellores expectativas o seguinte álbum da serie.
[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 4 de novembro de 2012]
Entradas relacionadas
Lois Pereiro, breve encontro
Entradas relacionadas
Lois Pereiro, breve encontro
Ningún comentario:
Publicar un comentario