martes, febreiro 11, 2014

Fashion beast


Un lector pouco informado que atopase un exemplar de Fashion beast (Panini, 2013) nunha libraría pensaría, con toda probabilidade, que se trata dun cómic de Alan Moore, no mesmo sentido en que V de Vendetta, Watchmen ou The League of Extraordinary Gentlemen son cómics de Alan Moore. Sen embargo, os lectores medianamente informados (se cadra estou trabucado, pero coido que son maioría, cando menos entre os que visitan puntos de venda especializados) saben que isto non é exactamente así. Coma outras obras publicadas pola editora norteamericana Avatar Press (Alan Moore’s Magic Words ou The Courtyard, por exemplo), estamos perante unha adaptación á banda deseñada dun traballo que non foi concibido inicialmente como tal por parte do escritor británico. Neste caso, trátase do guión dun proxecto cinematográfico que o egrexio Malcom McLaren lle encargou a Moore contra finais dos 80, que nunca chegaría a rodarse, e que agora chega a nós convertido nun cómic serial de 10 números. Agora ben, contradicindo o que rotundamente anuncian as capas do cómic, tanto na súa edición orixinal coma especialmente na edición española, os autores deste cómic non son Moore e McLaren (“de Sex Pistols”, como enfaticamente lembra a cuberta de Panini), que serían os creadores do texto que o inspira, senón Anthony Johnston, responsable da “adaptación secuencial” (?) e o debuxante Facundo Percio, encargado do apartado gráfico.

Coido que axuda a comprender este relato lembrar que foi na época da que data este proxecto, entre finais dos 80 e principios dos 90, cando tivo lugar o auxe internacional das supermodelos. Mulleres como Claudia Schiffer, Naomi Campbell, Linda Evangelista ou Cindy Crawford invadían revistas, vallas publicitarias e espazos de ocio, traendo tras de si un mundo de desfiles, beleza, glamour e tamén descubrindo a uns deseñadores que reclamaban para si a condición de artistas. A música poñíaa George Michael. Axiña chegaron as primeiras sátiras que se cebaban na frivolidade, impostura e vaidade deste mundiño, aínda que reflectían tamén unha inconfesable fascinación polo mesmo. Prêt-a-Porter, filme pouco afortunado de Robert Altman, podería ser paradigma desta tendencia. E é neste contexto cando, seica, Malcom McLaren lle encomenda a Alan Moore a o guión para unha fita ambientada no mundo da moda.

O resultado, Fashion beast, é un conto de fadas escuro, ambientado nunha sociedade temerosa do holocausto nuclear que vive sometida ao ditado das tendencias estéticas. Protagonizan o relato dous mozos que buscan o triunfo, ela como modelo, el como deseñador. Atoparano, cada un ao seu xeito, mais con significados ben distintos. Mentres que o éxito dela é só individual e confirma as relacións de poder vixentes (a ditadura do deseñador Celestine), o suceso del cuestiona o poder establecido e trae consigo a liberación popular. Adivíñanse xa nesta trama algúns elementos característicos da escrita de Moore daqueles anos: a descrición dunha sociedade acovardada pola ameaza da bomba que é case unha cita de Watchmen, unha chamada á revolta popular que conecta directamente con V de Vendetta e a configuración dun escenario sinistro e abafante que ben podería sintetizar as semellanzas entre estes dous títulos capitais. Non se pode deixar mencionar unha certa inxenuidade de fondo, que se cadra sorprenderá aos coñecedores do Moore máis descrido, pero que non deixa de estar en consonancia co ton de fábula que preside a narración e que vén confirmado por unha posta en escena deliberadamente artificiosa.

 Precisamente nesa proposta estética, excesiva e teatral, reside boa parte do interese desta obra, na que as sombras acubillan a criaturas deformes e os nomes dos protagonistas son epítetos (Doll e Tomboy). Cómpre salientar o minucioso labor de Facundo Percio, que foi quen de caracterizar con eficacia dous personaxes principais tan complicados coma os que suxería o guión (unha muller que semella un home efeminado e un home que semella unha muller masculina) e crear unha atmosfera opresiva mais cun punto kitsch e démodé, unha caste de Fantasma do paraíso en cómic. É ese aire de ópera rock retro o que lle concede a Fashion beast un interese que vai máis aló da explotación do nome dos seus creadores orixinais, conseguindo transmitir a sensación de que, de terse chegado a rodar, o filme sería hoxe un título de culto.

Ningún comentario: