venres, xuño 20, 2014

Fuerza X Integral

























Aconteceu hai case 15 anos, así que a historia é máis ou menos coñecida. O número 116 de X-Force (Vol. 1) abría unha nova etapa na serie, coa chegada dun novo equipo creativo, o escritor Peter Milligan e o debuxante Michael Allred, cunha remuda radical do elenco de protagonistas e, sobre todo, cunha dirección creativa totalmente afastada da precedente. Sorprendeu daquela que esta profunda transformación da cabeceira non se traducise na cancelación do primeiro volume da serie e a apertura dun segundo cun novo número 1, unha manobra á que Marvel adoita recorrer con menos motivos cando quere incrementar as vendas dos seus títulos. Sen embargo, vista con distancia, esta circunstancia pode resultar coherente cun cómic que semella concibido precisamente para rachar coas convencións implícitas do cómic comercial norteamericano.

O conxunto da etapa, que Panini recompila agora nun volume unitario baixo o título Fuerza-X Integral (Panini, 2014) e que tería continuación posteriormente baixo a denominación X-Statix, pode resumirse a partir do capítulo inaugural da mesma, o mencionado número 116. O lector que chegara a el dende a etapa precedente atoparía unha formación totalmente renovada, composta por personaxes de aparencia extravagante, nomes revirados (Sluk, Zeitgeist, U-Go Girl...) e poderes que, nalgún caso, resultaban escatolóxicos (dende o vómito ácido de Zeitgest aos suores letais do Anarquista). O debuxo plano, colorista e con aire retro de Michael Allred acentuaba as distancias coas convencións superheroicas, ao tempo que remitía certeiramente a Madman, título da súa creación que, coma este, sobordaba constantemente as fronteiras do tebeo de heroes enmascarados. Dende a paródica orixe de Zeitgest ata o lance final, coa morte de practicamente todos os membros do equipo, incluído o que dende o inicio se nos mostra como figura central, o conxunto do capítulo semella concibido coma unha deliberada inversión dos tópicos do tebeo comercial americano, toda unha declaración de principios que os autores confirmarían no percorrido posterior.

Nos capítulos seguintes, Milligan e Allred introducirían máis personaxes grotescos, ironizarían sobre a angustia existencial mutante así coma sobre oas rivalidades internas nos equipos superheroicos, parodiarían os cameos publicitarios de Lobezno e mesmo introducirían argumentos políticos reais, case un tabú no tebeo comercial estadounidenese, coma o xa esquecido conflito do neno balseiro Elián. O resultado é un cómic que cuestiona os códigos do tebeo de superheroes sen perderse en transgresións infantiloides, mantendo unha sana distancia irónica. Canda Milligan e Allred, cómpre recoñecer o labor de Laura Allred nas cores e o de Darwyn Cooke, que debuxa o capítulo 124, centrado en U-Go Girl, e de Duncan Fegredo, que xa colaborara con Milligan e ilustra o capítulo que pecha o tomo. Lamentar tan só a elección dun formato de edición, a Colección Extra Superhéroes de Panini, que non proporciona os mínimos de calidade que demanda unha obra coma esta.

Ningún comentario: