De The Private Eye (Panel Syndicate, 2014) falouse, e non pouco, cando Brian K. Vaughan e Marcos Martín anunciaron o seu lanzamento a principios de 2013. A serie comercialízase exclusivamente en versión dixital mediante a plataforma Panel Syndicate, creada ad hoc polos autores, sendo especialmente rechamante o feito de ser o lector quen decide con liberdade o prezo que quere pagar polo produto. Isto, unido á boa proxección comercial do equipo Vaughan-Martín, serviu para estimular de novo o debate sobre a dialéctica entre cómic impreso e dixital e o futuro do medio. Do cómic en si tamén se falou, aínda que menos. Fíxose unha valoración maioritariamente positiva do capítulo inaugural, que foi a tarxeta de presentación da serie, pero por desgraza o seu desenvolvemento posterior foi absorbido en boa medida polo debate de fondo. Unha mágoa xa que a obra ben merece un achegamento.
Vaughan sitúa a acción nun futuro próximo no que todos os cidadáns teñen unha identidade secreta e agochan o seu aspecto baixo disfraces pintorescos. Este comportamento deriva dun suceso traumático acontecido anos antes, cando toda a información cidadá almacenada nunha nube virtual foi divulgada de forma masiva. A exposición indiscriminada dos segredos, a negación da intimidade, a violación máxima do dereito á privacidade levarían os cidadáns a interpoñer identidades ficticias nas súas relacións sociais. Nese contexto, Vaughan presenta un misterio criminal, un asasinato que debe ser resolto por un paparazzi, realmente un investigador privado. Unha premisa e en boa medida un argumento que se axeitan aos canons do xénero negro, mais afastado do revival noir contemporáneo polo desenvolvemento gráfico de Marcos Martín, auténtica antítese do tópico grim and gritty. O seu debuxo de trazo fino e liña clara, unido á luminosidade das cores que aporta Muntsa Vicente, contrastan abertamente coa tradicional escuridade dun xénero que non por casualidade se define pola ausencia de cor. Nada de atmosferas opresivas senón o contrario: espazos abertos, sol californiano e un desfile de personaxes que semellan saídos dun baile de Entroido. Gran parte do pracer que proporciona este primeiro volume, composto polos cinco primeiros capítulos da serie, deriva do magnífico labor de Martín e Vicente, que foron quen de imprimirlle á serie unha estética de seu. Á exuberancia dos deseños de Martín, a metade de camiño entre a tradición europea da ciencia ficción e a estética superheroica, e á súa minuciosa construción de espazos, cómpre sumar unha depurada narrativa, vistosa e funcional a partes iguais, que aproveita con intelixencia as posibilidades que ofrece o formato pantalla.
Mais sería inxusto obviar o papel dun Brian K. Vaughan que segue a situarse a metade de camiño entre o tebeo comercial e o cómic de autor, aportando títulos de entretemento e dirixidos a un público amplo á marxe (aínda que con inevitables tanxencias) do tebeo de superheroes. Estes primeiros números de The Private Eye ofrecen intriga e acción ben conducida, pirotecnia argumental en doses episódicas, sen descoidar un subtexto concibido para ser lido en clave actual. Non deixa de ser unha xogada intelixente que Internet estea no texto (a palabra pecha este primeiro volume) e no subtexto da obra, mais tamén ao seu redor, debido ao mencionado sistema de comercialización e o debate que trouxo consigo. Hai que dicir ademais que Vaughan concede nesta obra menos espazo ao humor, a ironía e os diálogos faiscantes, unha contención que beneficia o seu traballo sen restarlle axilidade.
A previsión inicial dos autores é que a serie dure uns dez capítulos, polo que o final deste primeiro volume nos sitúa xusto na metade do camiño. As expectativas son boas e a brevidade pode ser un argumento máis a prol da obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario