Kike Benlloch é un dos poucos autores galegos cunha traxectoria longa e estable como guionista de cómics. Ademais de ser membro fundador do colectivo Polaqia, coordinador de publicacións diversas (Mmmh!!, Barsowia, H2Oil) e comisario de exposicións sobre cómic, Benlloch ten publicada unha decena de títulos propios, ademais dunha chea de relatos breves espallados en cabeceiras como Barsowia, Golfiño ou BD Banda. Entre os seus colaboradores atopamos algunhas das figuras máis relevantes da BD galega actual, como David Rubín, José Domingo, Alberto Vázquez ou Manel Cráneo, con quen asinaría este Dámsmitt, álbum que foi publicado orixinalmente en 2006.
A acción de Dámsmitt transcorre nun entorno fantástico, coidadosamente elaborado por Benlloch e Cráneo. A arquitectura e o vestir dos personaxes remiten a algunha gran vila centroeuropea de finais do século XIX, pero os autores non só non a identifican, senón que engaden invencións tecnolóxicas anacrónicas (robots, maquinaria) que aproximan a ambientación ao steampunk. A recreación deste escenario é un reto ao que Cráneo responde con acerto, cun debuxo minucioso e detallista que proporciona a atmosfera que o relato demanda.
Mais lonxe de abandonarse á especulación fantasiosa, en Dámsmitt o imaxinario preséntase en tensión co real, nun argumento que incorpora elementos históricos como a decadencia dos grandes imperios europeos e a emerxencia dos movementos obreiros, o socialismo e o anarquismo. Na obra hai, xa que logo, un discurso político e máis concretamente unha reflexión sobre o poder, pero ese é só un dos fíos que se cruzan nun argumento que tamén incorpora unha intriga, unha historia de amor ou cuestións como a pertenza a unha tradición familiar ou mesmo étnica. Se Benlloch é quen de abrir tantas liñas argumentais en apenas 60 páxinas de relato é porque a súa obra suxire moito máis do que amosa, algo habitual na súa escrita e que neste caso acada unha das súa mellores expresións. Un dato máis, o volume conta cun gabancioso prólogo do prestixioso historietista norteamericano Jason Lutes.
Como diciamos, Dámsmitt foi publicado orixinalmente en 2006 pola editora madrileña Dibbuks, mais se un lector se achega hoxe a algunha libraría especializada galega poderá atopalo con toda probabilidade nos seus andeis, xa que os autores mercaron e redistribuíron o excedente editorial da obra a través de Demo Editorial, que é propiedade de Manel Cráneo, para impedir que se destruíse ou se saldase. Un esforzo que fala do amor dos autores pola súa obra e unha oportunidade que os amantes da boa banda deseñada non deberían deixar pasar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario