martes, decembro 02, 2014

The League of Extraordinary Gentlemen: Dossier negro

























A primeira miniserie da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios e a súa secuela participaban decididamente do propósito central da liña ABC Comics que Alan Moore lanzara ao mercado en 1999, isto é, ofrecer ao lector de cómic comercial norteamericano unha alternativa ao tebeo superheroico ou, se se prefire, imaxinar como sería o cómic popular de finais do século XX de non ter caído no monopolio de facto dos superheroes. Axudado polo vistoso debuxo de Kevin O'Neill, Moore, botaba man de figuras literarias fortemente asentadas no imaxinario popular para reconvertelos en protagonistas dunha aventura posmoderna, un crossover de tradicións literarias deliberadamente lixeiro e construído a partires da única idea de reunir os personaxes. Tanto a posterior triloxía Century (1910, 1969, 2009) coma a derivación máis recente coa dinastía Nemo coma protagonista (Corazón de xeo e As rosas de Berlín) van afastándose cada vez máis do concepto orixinal, acollendo a novos personaxes de perfís máis diversos (menos icónicos e populares case todos eles, e tamén máis vinculados á  tradición literaria anglosaxona), e engadindo unha sementeira de referencias e chiscadelas inabarcables para o lector medio.

As diferenzas entre estes dous momentos da cabeceira parecían aínda maiores pola ausencia de Dossier negro (Planeta, 2014), capítulo que marca a liña divisoria entre ambas etapas e que permanecía inédito ata agora por unha cuestión de dereitos legais. De feito, a súa lectura resulta totalmente esclarecedora, xa que a súa función semella ser a de dar por pechada a primeira etapa e dar paso á segunda. Ambientada a finais dos anos 50, a obra relata como dous membros do grupo orixinal, Mina Harker e Allan Quatermain, rouban o dossier do servizo de intelixencia británico  que fai referencia ás sucesivas encarnacións da Liga. A peripecia do roubo e fuxida dos protagonistas combínase con extractos do documento, no que se adiantan boa parte das aventuras que Moore e O'Neill desenvolverían posteriormente, ao tempo que se suxiren outras das que, nun retrouso borgiano, nada máis saberemos. Máis outra vez, Moore xoga á ventriloquia, reproducindo códigos, imitando voces e amoreando referencias: unha obra teatral presuntamente shakesperiana, capítulos perdidos da Fanny Hill de Cleland (con referencias a Swift e o seu Gulliver), un relato de ton humorístico no que o Jeeves de Woodehouse combate luras lovecraftianas, narracións pulp, escritura automática estilo beatnik... O tomo conclúe cunha reivindicación da fantasía e da capacidade transformadora da imaxinación humana, unha mensaxe que atopamos noutros traballos do escritor británico.

Se nas primeiras achegas Moore se abandonaba á aventura steampunk, desta volta elabora un aparatoso tratado intertextual que, lonxe de poñer as cousas doadas, esíxelle ao lector paciencia e flexibilidade para se adaptar aos continuos cambios de código, ademais dunha notable solvencia cultural. Alén da satisfacción que proporciona a identificación de referencias ou a descuberta de figuras ata agora descoñecidas (no meu caso, por exemplo, a de Bulldog Drummond, aquí baixo o nome de Hugo Drummond), a lectura pode chegar a resultar esgotadora. Malia a súa densidade, é posible que sexa en Dossier negro onde o concepto da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios cobra verdadeiro sentido e onde o autor fai xustiza ao legado cultural que manipula. Son as fantasías creadas polo ser humano as que vixían o devir do mundo, unha idea fermosa que Moore desenvolve cunha furia pouco habitual na súa produción recente.

Ningún comentario: