venres, novembro 28, 2014

Culturgal 2014 (e a banda deseñada)


Achégase o Culturgal 2014, un evento que en poucos anos se ten convertido con merecemento nun referente para a cultura do país nos seus diferentes eidos. Paga a pena botarlle un ollo ao programa desta edición que, coma en anos anteriores, vén inzado de actividades e propostas de todas as disciplinas e para todos os gustos. A destacar o conxunto de actividades dirixidas aos máis cativos e tamén a presenza de diversos actos relacionados co revival Bravú que estamos a vivir nestes días. Nesta casa, correspóndenos pór de relevo a Mesa Redonda arredor da revista dixital de humor satírico O Botafumeiro, que vai xa polo seu segundo número (aínda non a descargastes?), e que terá lugar o venres 5 de decembro ás 20:30 no Espazo Foro.

Polo demais, de preguntarnos se a presenza da banda deseñada no evento garda proporción coa relevancia do medio en Galicia a resposta ten que ser negativa. Todos sabemos do magnífico momento que está a atravesar a BD galega, cun bo número de autores de sona internacional (e medrando), cunha chea de profesionais de talla indiscutible que traballa de forma incansable e cunha canteira que non para de producir novos talentos. Aínda que moitos destes autores publican en editoriais de fóra de Galicia, case todos eles teñen obra publicada en galego por empresas galegas. E non só iso, nos últimos anos constatamos a aparición e consolidación de proxectos editoriais da terra consagrados á publicación de banda deseñada. O Culturgal pode ser o espazo no que todo cobre sentido, no que os autores e as editoras de BD poidan comparecer, presentar as súas propostas e divulgar o seu labor. Diante terían un público amplo, no que abundarán persoas que non len cómic de forma habitual pero que si están interesadas na cultura. Que mellor lugar para darse a coñecer, presentar as propias creacións e gañar novos lectores?

Isto non é ningún reproche. Estou convencido de que esta idea se lle ocorreu antes que a min a moitos dos actores interesados e que a súa ausencia se debe a impedimentos ou dificultades que descoñezo. Limítome a expresar un desexo, o de asistir a un Culturgal no que o cómic galego teña o protagonismo que merece xunto coas restantes disciplinas artísticas e culturais do país.

Ningún comentario: