Chega ás librarías galegas Cidade de cristal, adaptación á banda deseñada da novela homónima de Paul Auster a cargo de Paul Karasik e David Mazzuchelli, un título esencial do cómic de autor norteamericano das últimas décadas que acaba de ser vertido ao galego por Xavier Queipo.
Moitos dos elementos que caracterizan a escrita de Paul Auster están xa presentes en Cidade de cristal (1985), primeira peza da Triloxía de Nova York que o daría a coñecer a mediados dos 80 coma unha das voces máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea. Nela, Auster invoca xa conceptos que serían recorrentes na súa obra, coma o azar, ao tempo que xoga coas expectativas do lector, transformando o que nun primeiro momento semella ser un misterio detectivesco nunha requintada reflexión sobre a linguaxe e a identidade. En Cidade de cristal atopamos personaxes que adoptan pseudónimos ou suplantan identidades, xogos de palabras, xiros metaliterarios e a cidade de Nova York como gran símbolo indescifrable que rematará por esnaquizar a personalidade do protagonista.
Case unha década máis tarde, o escritor Paul Karasik e o debuxante David Mazzuchelli levarían a cabo unha ambiciosa adaptación da novela á banda deseñada, asumindo a complicada tarefa de transportar a unha linguaxe visual un texto complexo, no que as pasaxes máis puramente narrativas conviven con outras cun alto grao de abstracción. As diferenzas entre unha e outra linguaxe obrigaron a Karasik e Mazzuchelli a levar a cabo unha minuciosa reconstrución da obra de Auster na que está implícita unha fonda reflexión sobre os mecanismos narrativos dun e outro medio. É difícil considerar estoutra Cidade de cristal coma unha copia ou un produto derivado. Os autores non simplificaron o orixinal nin se limitaron a traspoñer argumentos, senón que quixeron dar resposta a un reto creativo, o de ir máis aló da pura semellanza formal e acadar a igualdade de efecto no lector empregando técnicas diferentes. O seu foi un labor de tradución, de procura de equivalencias, e unha lectura actual do seu traballo, case vinte anos despois da súa publicación orixinal, confirma a brillantez con que deron resposta ao desafío.
Tras deixar a súa pegada no tebeo de superheroes (seus son títulos relevantes coma Daredevil: Born again e Batman: Year One, ambos con Frank Miller coma guionista), o debuxante David Mazzuchelli emprendeu un proceso de evolución artística que o levou a publicar varios traballos que se afastaban dos estándares daquel xénero. Mais sería a súa colaboración con Paul Karasik, guionista, editor e profesor, a que o consagraría coma un dos artistas máis interesantes do panorama internacional. En Cidade de cristal Mazzuchelli adopta un acabado gráfico que semella inspirado nos grandes nomes do cómic de prensa norteamericano, coma Milton Caniff ou Frank Robbins: mancha negra sobre fondo branco, fortes contrastes, trazo sintético. No narrativo, as páxinas organízanse de acordo cunha grella de nove viñetas por prancha (3 x 3), de novo un estándar moi empregado no cómic norteamericano dos anos 50 e 60, e que se adoita relacionar con autores coma Harvey Kurtzman e os cómics de xénero da editorial EC Cómics. Xa que logo, os autores adoptan un código narrativo que ten coma referente os clásicos do tebeo popular norteamericano, cómic de xénero (negro, bélico, terrorífico...) e concibido para o consumo. O equivalente en historieta ao substrato pulp que está presente na novela de Auster.
Mais como diciamos, ademais dunha premisa detectivesca, a novela contén unha reflexión sobre a imperfección da linguaxe concretamente sobre a incapacidade das verbas para referirse a significados unívocos. O propio protagonista será vítima dese desprazamento entre significante e significado, ao asumir nomes diversos (Daniel Quinn, Paul Auster, Henry Dark, Peter Stillman) ata que a súa propia identidade quede borrada definitivamente. O relato desdóbrase, alternando os lances narrativos de acabado realista cunhas pasaxes especulativas que Karasik e Mazzuchelli resolven mediante un sofisticado artificio narrativo, no que as imaxes adquiren un significado simbólico que chega a contaminar aspectos formais, coma a estrutura de páxina, a tipografía ou os globos de texto. Os autores achéganse ao cómic experimental, mais sempre co texto orixinal como referente. A exuberancia dos recursos despregados e a elegancia do debuxo de Mazzuchelli converten estes fragmentos nunha lectura fascinante, ademais de nunha brillante exploración dos límites da linguaxe do cómic á hora de expoñer conceptos abstractos.
Cidade de cristal converteuse por dereito propio nun dos cómics de autor máis influentes de finais do século pasado, pasando a ser un referente ineludible para entender o cómic independente norteamericano das últimas décadas, ademais dun fito na traxectoria dos seus dous autores. Karasik e Mazzuchelli crearon un misterioso dobre da novela orixinal, que recolle o seu discurso e o amplía con coherencia. Cómpre celebrar, xa que logo, a súa publicación en galego, máis aínda se o encargado da tradución é Xavier Queipo, que ademais de ser un dos nosos mellores narradores acaba de ser premiado como membro do equipo que verteu ao galego o Ulises de James Joyce. A súa coidadosa versión engrandece aínda máis a edición de El Patito, á que só podemos obxectar que reduza o tamaño das pranchas con respecto á versión orixinal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario