Se a banda deseñada infantil conta hoxe cun referente en Galicia, ese é Marcopola, a illa remeira, serie creada polo vigués Jacobo Fernández Serrano que alcanza xa o seu terceiro álbum. Cun excelente pulso narrativo e un engaiolante desenvolvemento gráfico, a cabeceira demostra que o cómic para cativos pode cumprir cos mesmos estándares de calidade que o destinado a un lector adulto.
Dicía McLuhan que os medios de masas que deixan de selo ou se converten en arte ou desaparecen. Esa parece ser a encrucillada na que se atopa o cómic en xeral e o infantil en particular, a de reivindicarse coma un produto valioso e de calidade ou esmorecer lentamente. Hai xa tempo que os cómics deixaron de ser lidos de forma masiva polos máis cativos. Nas últimas décadas, as tradicionais revistas de historietas, os tebeos editados en grampa, foron desaparecendo dos quioscos a medida que eran substituídas por outras alternativas de ocio, fundamentalmente as tecnolóxicas. Mais iso non quere dicir que o cómic infantil desaparecera. Simplemente transformouse, deixou de ser un produto de consumo masivo e adoptou novas formas: os seus contidos tenden a ser máis sofisticados e están mellor editados, adoptando formatos de vocación máis duradeira e, por tanto, tamén máis caros.
Jacobo Fernández Serrano representa entre nós a mellor versión desta nova forma de facer cómic infantil. A súa carreira como historietista parte da revista Golfiño, para a que creou a serie Os amigos de Archimboldo Roque, posteriormente compilada en álbum. En anos seguintes colaborou con outras cabeceiras coma Retranca, BD Banda ou Dos veces breve, ao tempo que se ía consolidando coma un dos máis recoñecidos ilustradores de literatura infantil do país. Mesmo probou sorte con éxito coma escritor, con varias novelas publicadas, entre elas Mil cousas poden pasar, pola que lle sería concedido o Premio Merlín en 2009.
Hai xa uns anos que Fernández Serrano lanzou Marcopola, a illa remeira, serie de banda deseñada dirixida aos lectores máis novos. O primeiro álbum, As orixes de Marcopola, foi publicado inicialmente en castelán e tivo versión galega en 2012, inaugurando a colección Merlín Cómics de Xerais. Despois chegarían Os piratas da lúa (2013) e o máis recente Dragoneta! (2014), ambos publicados xa orixinalmente en galego. A serie ten coma protagonista a Marcopola, unha illa que se desprende do fondo mariño e se dedica a viaxar polo mundo en compañía do seu amigo Libro. Como suxire o nome do personaxe, os de Marcopola son relatos viaxeiros, que xiran arredor da descuberta de terras descoñecidas, da interacción con novos personaxes e das aprendizaxes que a protagonista vai tirando das súas vivencias.
En Dragoneta!, terceiro álbum da serie, o alquimista Bisgovius transforma en dragoa a Demoneta, a malvada serpe mariña que aparecía na aventura inaugural da cabeceira. Para conservar o seu novo estado, a dragoa deberá cometer unha boa acción, algo que lle resultará máis complicado do que pode parecer. O encontro con Marcopola e Libro nos mares do Ártico resultará decisivo para ela. Como é habitual nas súas obras, Fernández Serrano crea unha narración cun claro sentido didáctico mais combinado con elementos lúdicos, coma a exaltación da aventura, da amizade e da experiencia vital. A serie conta xa cun nutrido grupo de secundarios e non renuncia a manter unha continuidade difusa, incorporando elementos de aventuras anteriores que resultarán recoñecibles ao lector habitual.
Boa parte da forza da serie reside no seu exquisito acabado gráfico. Fernández foi quen de desenvolver un imaxinario visual tan atractivo coma accesible para os lectores máis novos. De trazo fino e lineal, os seus debuxos semellan ser froito dun proceso de estilización moi consciente, simplificando as formas, eliminando os trazos superfluos e economizando nos fondos. As súas figuras son esquemáticas pero moi expresivas, perfectamente matizadas pola dozura das cores. O tamaño dos cadriños e a sobria posta en páxina axudan a guiar aos lectores máis novos e tamén a aqueles pouco familiarizados coa linguaxe da banda deseñada.
O álbum péchase anunciando unha cuarta aventura da illa remeira, Avoa power, confirmando a boa saúde da que goza a serie. Unha ledicia, considerando as escasas alternativas de BD galega infantil existentes no mercado actual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario