Atila
O cuarto álbum da Colección Castelao sitúa ao político e artista rianxeiro en Barcelona durante a Guerra Civil. Inacio e Iván Suárez relatan a súa experiencia na confrontación bélica ao tempo que indagan no seu pasado familiar.
Se consideramos a auxe actual da banda deseñada biográfica e engadimos a indiscutible centralidade da figura de Castelao na cultura galega, era cuestión de tempo que alguén se atrevese a narrar en viñetas a vida e obra do artista e político rianxeiro. Foron o escritor Inacio e o debuxante Iván Suárez os que asumiron o reto, contando coa imprescindible cooperación da editorial Demo, que creou expresamente a Colección Castelao para acoller os oito álbums nos que darán conta da traxectoria vital dun dos persoeiros máis relevantes da historia recente de Galicia. Non é sinxela a angueira que teñen por diante os autores, que se ven na tarefa de facerlle xustiza a un personaxe polifacético e de perfís máis ríspetos do que suxire a actual asunción institucional da súa figura, mais tampouco debemos pasar por alto o compromiso do editor e da Libraría Kómic, colaboradora na edición, que asumiron xa dende o inicio un compromiso a longo prazo pouco habitual no exiguo mercado editorial da banda deseñada.
A opción escollida polos autores afástase dos esquemas das biografías tradicionais. No canto de acometer unha narración completa e exhaustiva, Inacio e Suárez preferiron fragmentar o relato, centrando cada volume nun capítulo vital de Castelao. Dende o inaugural O pobre tolo (Demo, 2012), que narra o desterro do rianxeiro en Estremadura, ata a súa experiencia da Guerra Civil en Barcelona no presente Atila (Demo, 2015), os autores van debullando retrincos da vida de Castelao seguindo unha orde cronolóxica, pero sen unha continuidade directa entre álbums. A súa aproximación ao personaxe parte sempre do persoal, escollendo un pretexto (a predilección de Castelao pola escrita de Teixeira de Pascoaes, a súa amizade co veciño de Rianxo que inspiraría o relato Peito de lobo, o fértil percorrido por Europa a principios dos anos 20) como fío condutor para o desenvolvemento argumental do álbum. Atila transcorre no ano 1938, sendo Castelao deputado da II República e vivindo en Barcelona, onde se atopaba tamén o goberno republicano. Os autores fan un breve percorrido pola vivencia da Guerra Civil, ao tempo que rememoran os anos de infancia que o persoeiro viviu na Arxentina e a súa relación co seu pai. O título fai referencia ao álbum de ilustracións Atila en Galicia, que o artista publicara un ano antes e no que se retrata a cruel pegada que a confrontación bélica deixou no noso País.
Tanto neste álbum coma nos precedentes os autores privilexian a faceta humana de Castelao fronte a súa condición de artista ou político. Intúese unha vontade de fuxir do panexírico, a renuncia a presentalo coma un heroe do galeguismo ou un xenio da ilustración. O seu legado político e cultural está implícito nuns relatos que semellan máis preocupados por descubrir a dimensión persoal da figura. Malia o loable deste propósito e estando fóra de dúbida o rigor histórico da recreación de Inacio e Suárez, a caracterización do personaxe principal peca dunha atonía que resulta especialmente incompatible cunha figura coma a de Castelao, cuxo labor político, cultural e artístico derivaba dun firme compromiso ideolóxico. O achegamento dos autores, que prefire o valor cualitativo dos pequenos detalles aos grandes acontecementos vitais, resulta agradecido pola súa falta de convencionalismo, pero falla se o protagonista se nos presenta finalmente sen as arestas propias de alguén tan afastado da neutralidade coma Castelao.
Quedan aínda catro álbums por diante e moitas vivencias do protagonista por relatar, estamos perante un proxecto ambicioso que precisa tempo e merece ser valorado en conxunto. Ata a data, os autores demostraron seren capaces de manter unha cadencia anual cun nivel de calidade moi parello. Un pequeno pulo nas próximas achegas situaría o proxecto á altura que demanda a figura do seu protagonista.
[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 20 de abril de 2016]
Ningún comentario:
Publicar un comentario