O díptico ¡García! (Astiberri, 2015 e 2016) chega a ser por momentos unha lectura vertixinosa. Abundan os lances de acción que Luis Bustos, debuxante en estado de graza, resolve cunha mestura de expresionismo milleriano e forza kirbyesca. A reinterpretación do Val dos Caídos coma escenario de serie B xa na secuencia inicial do primeiro tomo establece o enfoque dun relato no que atopamos tamén pseudociencia retrofuturista, mercenarios uniformados, superviláns de opereta e un heroe fóra de contexto. Mais a axilidade no ritmo impregna tamén aqueles intres nos que a pausa facilita o retrato (deformado?) da España da crise. A ollada alieníxena de García, heroe volto á vida tras décadas en hibernación, reflexa un país decadente no social e politicamente convulso. Pola súa banda, o lector descubrirá un país que, ben metido xa no século XXI, non cortou aínda os fíos que o unen ao mundo do que procede o protagonista. Por máis que aos fachas lles toque o papel de malos condenados a perder, ¡García! retrata a complicada relación da España actual co seu pasado fascista, que non está tan morto e soterrado coma o “amado líder” de antano.
Bustos e Santiago García crearon un cómic complexo, que aposta forte a ser relato de acción e entretemento inmediato pero non renuncia a dar testemuño do noso presente. Polo camiño, permítense aínda homenaxear a tradición historietística hispana, cun Roberto Alcázar redivivo coma protagonista. Que este “noso” Capitán América desconxelado e volto ao presente non sexa un ex-combatente na Segunda Guerra Mundial senón un superpoli franquista non deixa de ser unha consecuencia do lugar que a Historia lle reserva ao noso país. Hai que roelo. Sen deixarse levar pola nostalxia nin caer nunha erudición innecesaria, Santiago García recupera un legado cultural que gozou dunha popularidade inmensa no seu tempo e o converte en materia prima para unha narración plenamente actual. Non é o primeiro en facelo, Rafael Marín e El Torres entre outros tentaron algo semellante con Iberia Inc. e o frustrado Vórtice respectivamente. García e Bustos resolven o encrucillado con elegancia, sendo quen de xogar con distintas barallas sen perderse nin facer trampas. Velaí a grande virtude deste ¡García!, un cómic dunha peza coma o seu protagonista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario