domingo, abril 09, 2017

Autobom 2017: É que ninguén pensa nos nenos? Reflexións sobre a liberdade de expresión e a censura

La Clave: Guitián, Leandro e Sekone. Foto de Sara Roca (Nave 1839)

















O pasado 1 de abril celebrouse na Nave 1839 o Autobom, o xemelgo primaveral do Autobán, o evento de autoedición e BD de autor coruñés por excelencia. Aínda que nun formato máis comprimido que o de verán, os organizadores programaron unha intensa xornada de actividades na que, ademais do mercado de fanzines, houbo proxección de curtas, elaboración dun cómic en grupo, concertos ilustrados (Strikeback e Pulpiño Viascón) e unha mesa redonda sobre censura e liberdade de expresión na que participaron Alberto Guitián, Leandro Barea e Sekone e que tiven o pracer de moderar. Mola ver a Nave ateigada de xente con ganas de pasar un bo anaco compartindo actividades creativas. Para min foi estupendo saudar a urbanoscar, insubstituíble na condución do evento, atopar a coñecidos, coñecer a xente, desvirtualizar a algunhas persoas e tamén ser desvirtualizado por outras. 

A mesa redonda viña claramente mediatizada pola actualidade. Se non abondaba co acontecido na cidade dende o Entroido, na semana previa ao acto fíxose pública a investigación xudicial do Concelleiro de Cultura da Coruña pola denuncia da Hydra Suprema das Viúvas de Lugo. Tamén uns días antes coñecemos a condena penal de Cassandra Vera polos chistes de Carrero Blanco. Foi unha sorte poder contar na mesa con Guitián, que explicou diante dunha sala ben concorrida como xurdiu a encomenda dos carteis de Entroido, cales foron as súas ideas no proceso creativo e como viviu a polémica posterior. Leandro falou dos límites implícitos e explícitos que atopou nos anos que traballou como humorista gráfico para La Voz de Galicia: prohibido facer moca do Rei (emérito), prohibido representar a musulmáns, prohibido usar a palabra "cacharro" na edición luguesa... Pola súa banda, Sekone falou das súas experiencias en eidos tan diversos como o deseño gráfico aplicado á moda, o grafitti, os murais ou mesmo os obradoiros impartidos en centros de ensino. A parola entre eles foi moi fluída, en gran parte por manteren puntos de vista moi semellantes.

A cousa cambiou cando se lle cedeu a palabra ao público e Luis Sendón pediu a opinión dos convidados sobre o caso Cremades. Estes mantiveron de novo posturas moi semellantes, contrarias á suspensión do espectáculo aínda que favorables a outras formas de crítica. Entre o público había voces disonantes, mulleres que participaran na campaña contra o youtuber e outras que, con diferentes matices, expresaron a súa indignación por que unha programación sostida en parte con cartos públicos acollese o espectáculo dun machirulo rancio que banaliza a violencia contra as mulleres nos seus vídeos. Mesmo tomou a palabra un membro do equipo de goberno local que defendeu a súa propia posición (favorable á suspensión) perante o caso. Tamén dende o público chegaron outras voces máis matizadas. Foron uns momentos de debate acalorado, con moitas mans pedindo a palabra e xente erguendo a voz por non poder estar calados. Coido que ningún deles quedou sen expoñer a súa postura, grazas tamén á xenerosidade da organización, que permitiu que o debate se prolongase máis aló do horario previsto inicialmente. Aínda que a situación se volveu máis difícil de manexar, agradecín a viveza deste tramo final da mesa redonda. Houbo debate real, a xente estaba enchufada e as ideas voaron pola sala coma shurikens. É posible que ningún dos intervintes mudase a súa postura pero coido que a discusión valeu para que quedaran demostrados tanto o interese como a complexidade do tema, así coma a variedade de argumentos que se poden achegar. Non se lle pode pedir moito máis a unha mesa redonda.

Ningún comentario: