"Xa era hora", Misty Knight por Paul Renaud (Captain America #16) |
2 de Abril. W.A.S.P. lives matter. Como nos chistes. Un directivo de Marvel comparece ante os medios e di que trae unha noticia boa e outra mala. A mala, que as vendas da soi dissant Casa das Ideas baixaron nos últimos meses; a boa, que o asunto está en vías de solucionarse porque o culpable está identificado. E quen é?, preguntaría algún dos presentes. Pois os negros, as mulleres e a xente de sexualidade estraña. Volve por outra! Os lectores, segundo este ghicho, van cheos xa de tanta “diversidade” e reclaman volver ao heroe varón norteamericano de raza branca, tan maltratado (risas enlatadas) nos últimos tempos. Maticemos. Quen dixo tal cousa foi un alto executivo do departamento de vendas da compañía e os fundamentalistas da conta de resultados sonvos así, implacables, insensibles e un pouco marulos tamén (algún comercial na sala?), de aí o perigo deixarlles xogar cun micro. O xiro conservador en Marvel é previsible, os universos superheroicos móvense de forma pendular e antes ou despois as cousas volven ao rego. Pero estes xiros copernicanos adoitan deixar un pouso tamén, algo que perdura. Veremos. Entrementres, manteñan os micros lonxe do Departamento de Vendas.
Detalle da cuberta de Gran Bola de Helado de Conxita Herrero |
5 de Abril. O de Conxita. Todos vistes xa a Conxita Herrero, non? E aínda que a súa intervención podería matizarse nalgúns aspectos, estaremos de acordo en que na cuestión de fondo está no certo, non? E non vos parece que a eventos que tenden á artrose coma o Saló venlles ben unha chuzada de cando en vez? Pois xa está.
A Marine vénselle as raíces, debuxo de Pia Guerra |
23 de Abril. Pia Guerra. Di o tópico que os totalitarismos son bos para a creación artística, que nada como un bo réxime ditatorial para refinar o talento dos creadores. Trátase dun clixé vantaxista, que eleva a norma casos concretos e obvia a moita morralla que tamén se produce onde hai opresión, mais de pensarmos no caso concreto de Pia Guerra debemos recoñecer que a que fora debuxante de Y o último home está especialmente inspirada dende o ascenso ao poder de Donald Trump. As sátiras gráficas que vén divulgando polas redes sociais nos últimos meses teñen acadado unha popularidade (viralidade, ya tu sabes) que soborda con moito o círculo de lectores de cómic entre os que era coñecida ata agora. Tal foi o éxito dalgunhas das súas representacións do millonario zoupón que algún emprendedor mesmo aproveitou para lucrarse con elas, comercializándoas como merchandising sen permiso da autora nin moito menos compensación económica. A imaxe que acompaña estas liñas, coa festa da democracia francesa como pretexto e na que apunta con sutileza cara a mala raza da rampante Marine Le Pen, é un dos exemplos máis recentes da agudeza de Guerra. Vamos directos cara unha distopía pero as fábricas da imaxinación funcionan. A destrución do mundo colleranos gozando das marabillas da creatividade humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario