venres, febreiro 24, 2006

Profesor Bell: o mexicano de dúas cabezas

Image hosting by Photobucket

Dada a pluralidade e diversidade de elementos que mestura esta obra de Joann Sfar, se cadra unha das súas maiores virtudes sexa a coherencia final. O personaxe principal que da nome á serie entronca abertamente cos detectives e aventureiros da literatura anglosaxona de principios do século XX; a trama constrúese sobre os rasgos típicos do relato fantástico decimonónico; pola súa banda, o tono da narración fuxe do académicamente aventureiro ou terrorífico mediante unha saludable ironía. En definitiva, un pastiche no mellor sentido, unha obra na que as numerosas referencias icónicas se alinean ó servizo dunha trama (e non ó contrario) e na que a persoal voz do autor se deixa sentir en todo momento.

Sfar conduce a historia coa súa habitual soltura. Os distintos episodios sucédense sen que o autor se deteña excesivamente en presentar ou definir os personaxes; é o proprio transcurso da historia o que delimita os caracteres. Nun dos rasgos máis característicos deste autor, o absurdo xurde alí onde a trama precisa avanzar, demostrando que a irracionalidade posta ó servizo dunha narración pode ser unha ferramenta extremadamente útil.

O estilo gráfico de Sfar caracterízase pola imaxe caricaturesca e a sinxeleza do trazo e, sendo evidentes as súas limitacións, as súas solucións narrativas resultan sempre eficaces, aproveitando ó máximo a capacidade expresiva dos recursos dos que fai uso.

Polas páxinas de Profesor Bell: o mexicano de dúas cabezas desfilan zombies, fantasmas de saba branca, mulleres mortas, homes xigantes e apariencias espectrais varias, ademáis do home bicéfalo a que alude o título. E malia o tratamento irónico cando non abertamente humorístico do autor, o ambiente creado non deixa de ser desacougante. En Francia xa saíron varios volumes máis desta serie, mentres que aquí só se editou un segundo tomo, publicado tamén por Sins Entido. Dende logo, eu penso lelo.

mércores, febreiro 22, 2006

Yo ya he estado aquí

Image hosting by Photobucket

Jordi Balló e Xavier Pérez recollen en Yo ya he estado aquí as súas reflexións respecto do que eles denominan as “ficcións da repetición”, é dicir, os elementos que compoñen a estructura habitual das obras de carácter serial. Hai detrás do proxecto unha evidente idea reivindicativa destes productos, moitos deles característicos da cultura de masas e, polo tanto, cuia calidade é posta habitualmente en dúbida. Mediante capítulos curtos e con abondosos exemplos, os máis deles ben coñecidos de todos, os autores visitan os lugares comúns desta técnica narrativa, poñendo de manifesto as notables posibilidades que xurden dun tratamento axeitado dos mesmos. A composición dos grupos persoais, a definición de espacios, o tratamento de asuntos como o amor ou a morte, os problemas de continuidade temporal, todos estes extremos son tratados con peculiaridade nas obras seriais e certeiramente examinados na obra que nos ocupa.

Malia a seriedade do tratamento e o atinado da análise, a obra presenta algunhas eivas salientables. A que para min sería fundamental é o difusamente que se delimita o concepto esencial do ensaio. Os autores comezan a referise ós elementos das ficcións seriais sen apenas deslindar este concepto, de xeito que o lector deberá deducilo tanto dos rasgos de estilo que se van debullando como dos exemplos que se aportan. O resultado é un tanto confuso, ó aludiren os autores tanto a productos de cuio carácter seriado non cabe nengunha dúbida como a outros máis discutibles. Non presenta dificultades a asunción da serialidade de coleccións de cómics, series de televisión ou novelas protagonizadas por un mesmo protagonista; máis problemático, porén, é extender os atributos da serialidade ó conxunto da obra dun autor, sen máis elementos que o xustifiquen, ou a aquelas obras que non teñen máis en común que a pertenza a un mesmo xénero. De feito, a confusión entre os elementos de xénero e os rasgos da serialidade é frecuente en todo o texto.

Por outra banda, a vontade dignificadora dos productos seriais non debería ser incompatible cunha certa actitude crítica cara os rasgos que a caracterizan. De igual xeito que os elementos propios das ficcións seriais abren un abano de posibilidades susceptibles dun uso acertado, non é menos certo que que unha mala utilización dos mesmos conduce a un grave empobrecemento da obra. Balló e Pérez eluden calquera referencia ó perigo que deriva dun mal uso das dispositivos seriais e a valoración que lles merece a práctica totalidade das obras mencionadas é cando menos xenerosa.

Non deixa de resultar estraño o pouco que se ten estudado un fenómeno como o das produccións seriais, tan familiar e, baixo as súas diferentes formas, de consumo tan masivo na actualidade. Nese senso, e a pesares das obxeccións anteriores, a obra que nos ocupa resulta especialmente destacable, ó aportar unha serie de categorías a ter en conta, así coma un feixe de reflexións de interese indiscutible.

luns, febreiro 13, 2006

Non te quero pero...

Image hosting by Photobucket

Se algo caracteriza ó xénero do “slice of life” é a pretensión de realidade. As situacións descritas e os personaxes protagonistas rezuman normalidade; non hai grandes acontecementos, nen paixóns desmedidas; as historias constrúense coa sinxeleza e a cotidianeidade como pilares.

Estes principios son de aplicación a No te quiero pero..., obra de Fermín Solís editada por Astiberri que retrata unha serie de acontecementos cativos dun reducido grupo de personaxes nun preciso instante da súa vida. Unha tímida crise de parella, un rapaz que tenta sair dunha relación, as dificultades de ter unha certa idade e vivir ainda cos pais...

Trátase, como digo, dun retrato de situación, un intre na vida duns personaxes. Se o intre retratado fose dous meses adiante ou atrás no tempo, a relato non sería nen máis nen menos interesante. O ton de sobriedade que preside o volume é probablemente máis meritorio do que podería parecer: non hai excesos humorísticos, nen pretensións de trascendencia. Agora ben, a simplicidade devén doadamente en simplismo, como acredita a escenificación do debate entre tebeo superheroico e “slice of life”, pueril e inocentona.

O problema deste modelo narrativo é, ó meu entender, que non se pode contar unha historia dende a contención absoluta e pretender ó tempo apelar ó entusiasmo do lector. Hai apenas un par de días que lin este cómic e xa prácticamente o teño esquecido. Non hai nel nada incorrecto, nada criticable. Nen destacable.

mércores, febreiro 08, 2006

Cidade de Cristal

Image hosting by Photobucket

Paul Karasik visitou A Coruña nunha das primeiras edicións do Salón do cómic “Viñetas dende o Atlántico”. Deu daquela dúas magníficas charlas, tan amenas como repletas de coñecemento e amor pola banda deseñada. A unión dun talento tan notable cun debuxante da personalidade de David Mazzuchelli predispuña a un excelente resultado, calquera que fose o proxecto en que se embarcasen. Se éste consistía nada menos que en adaptar ó cómic un dos mellores textos de Paul Auster, Cidade de cristal, un non pode pensar en dous autores capaces de levaren a cabo con éxito angueira semellante.

Vaia por diante que son un escéptico das adaptacións de calquera tipo. Cústame entender a necesidade de trasladar obras de éxito dun medio a outro. ¿Por qué toda novela de éxito debe ter versión cinematográfica? ¿Cantos cómics se teñen levado ó cinema nos últimos anos? ¿Qué balance podemos facer desas adaptacións, cal é a súa aportación? Hai que ter unha visión raquítica para pensar que a calidade da materia adaptable garante a excelencia do resultado; pola mesma, todo medio ten innumerables obras mestras que non parten doutra anterior. Tendo a pensar, ademáis, que a tarefa adaptadora tende inevitablemente a trasladar o continxente (unha trama), ante a imposibilidade de apropiarse do que realmente convirte unha obra en destacable: a mestría narrativa no medio de que se trate.

Dito isto, debo salientar que a reinterpretación que de Cidade de cristal fixeron Karasik e Mazzuchelli resulta interesante de seu. Os autores optaron por transformar as simetrías literarias de Auster en simetrías gráficas, partindo dun esquema clásico de nove cadriños por páxina. Precisamente, xa que non podían apropiarse do persoalísimo estilo literario de Auster, Karasik e Mazzuchelli desenvolveron toda unha serie de recursos propios da banda deseñada, maximizando a expresividade do medio nunha dirección converxente coa obra orixinal. Dito doutro xeito, os autores desta novela gráfica buscaron o seu propio camiño para chegar ó mesmo destino que Auster coa súa Cidade de cristal. É a comunicación entre recursos artísticos coa trama como nexo o que dota de sentido a esta nova versión.

A obra ven de ser reeditada por Anagrama (a obra fora editada previamente por La Cúpula), dentro da súa colección Panorama de Narrativas. É este un dato curioso, xa que se emprega na edición dun cómic un formato pensado para novelas, coas conseguintes eivas: reproducción mellorable, reducción do tamaño, papel de gramaxe inaxeitada, non inclusión das cubertas orixinais... Agora ben, a opción sinalada ten igualmente unha consecuencia positiva, e é que o grao de difusión desta obra será equivalente ó do resto de obras de Auster publicadas por Anagrama, algo que sería inimaxinable se a editorial fose outra. E se non, que llo digan ós de La Cúpula.

martes, febreiro 07, 2006

El Padre Las Casas y Vitoria

Image hosting by Photobucket
Lin este ensaio de Ramón Menéndez Pidal por primeira vez haberá uns oito ou nove anos, documentándome para un absurdo traballo de terceiro ciclo. Foron moitos os aspectos que daquela me chamaron a atención pero, ante a escaseza de tempo, non puiden adicarlle unha lectura moi detida. Hoxe, case unha década máis tarde, releo a obra e confirmo, non sen certo abraio, as miñas sospeitas de entón.

Confróntanse neste texto as ópticas diverxentes que sobre o “descobrimento” e evanxelización do continente americano tiveron Bartolomé de las Casas e Francisco de Vitoria. Se o primeiro é ben coñecido de todos como o apóstolo dos indíxenas, o segundo circunscribe a súa notoriedade ó campo xurídico, sendo unha das figuras senlleiras da denominada Escola Clásica Española. A tese de Menéndez Pidal é que, malia que a popularidade de Las Casas é notablemente superior á de Vitoria, a posición de éste é máis ponderada e conta con mellores alicerces xurídicos.

O problema son os argumentos a que recurre Menéndez Pidal para fornecer a súa tese. Por unha banda, alude unha e outra vez a que as posicións de Vitoria, que xustifica mediante títulos diversos a guerra cos indíxenas por parte dos conquistadores, xurden dunha mellor comprensión da “complexidade” da situación. Mentres, os posicionamentos de Las Casas preséntanse como radicais, apaixoados e simplistas, e suxírese en diversas ocasións que foron os “inimigos de España” os que contribuiron a darlle sona: “Las Casas, sin esta función de su libro, verdadero despertador e incitador de odios antihispanos, no hubiera sido más que uno de tantos historiadores de Indias. Nació a la luz de la fama matando la fama de su patria, como el viborezno que al nacer desgarra las entrañas de la madre. El mayor enemigo de España no podía haber soñado un libro más a su propio gusto”.

Ese é o problema deste ensaio, que o autor parte dunha posición ideolóxica da que deriva o conxunto da súa argumentación nesta confrontación concreta. Os “inimigos de España” utilizaron a obra de Bartolomé de las Casas como munición, e por iso a súa obra merece ser desacreditada, con independencia das razóns que lle asistiran entón, ou mesmo das que lle asistan dende unha óptica contemporánea. Porque se por algo destaca a posición histórica de Las Casas é pola súa extraordinaria modernidade. Fronte a un Vitoria que xustifica a guerra cos indios por motivos comerciais, para favorecer a predicación (e mesmo para impedir que outros prediquen en sentido contrario) ou por considerar o goberno dos bárbaros pecaminoso ou tiránico, Las Casas proclama que os invasores teñen só dereito a intentar predicar o Evanxeo, sen que en calquera caso se poda iniciar guerra cos indíxenas susceptible de ser considerada como xusta. Sendo comprensible a postura de Vitoria no seu contexto (falamos do século XVI), resulta obviamente máis avanzado o razoamento de Las Casas. De aí que un non deixe de abraiarse cando Menéndez Pidal afirma que “(...) por él [Vitoria], las ideas jurídicas de Las Casas, en buena parte medievales, fueron sustituidas por ideas totalmente modernas, perdurables”. A negriña e a incredulidade son miñas.

Como se intúe polo anterior, Menéndez Pidal non se adhire ó razoamento histórico de Vitoria, senón que o asume como válido e beneficioso dende unha perspectiva actual. “Si los caciques, los Motezumas, los Atahualpas hubiesen sido conservados inconmovibles a perpetuidad en sus descendientes, según quería Las Casas, y si los ingleses hubiesen seguido las mismas normas jurídicas, América sería hoy un continente de pueblos con numerosas lenguas y religiones paganas, como lo es Asia (...)”. Xa que logo, ás bondades da colonización cómpre engadir o derribo desa Torre de Babel pagana e a imposición da propia cultura e relixión, cuia xustiza certificou entón Francisco de Vitoria e hoxe Menéndez Pidal.

Descoñecedor como son da maior parte da súa obra, négome a xulgar a Menéndez Pidal polo exiguo contido deste ensaio. Sen embargo, coido que o texto é sobradamente explicativo de como autores de prestixio deixan de lado calquera rigor para xustificar as teses que benefician ós seus posicionamentos ideolóxicos.

venres, xaneiro 27, 2006

Eduardo Haro Ibars: os pasos do caído

Image hosting by Photobucket

Debo confesar que non coñecía a Eduardo Haro Ibars antes de ler esta obra. Fillo do coñecido xornalista e escritor Eduardo Haro Tecglen (recentemente falecido), Haro Ibars exerceu como poeta, novelista, letrista de bandas diversas (sobranceiramente da Orquesta Mondragón) e columnista nos anos da movida oitenteira. Persoalmente, cultivou unha imaxe transgresora e rupturista que lle valeu a consideración de maldito. Morreu de sida con apenas coarenta anos.

A vida de Haro Ibars, tal e como a expón J. Benito Fernández, só se diferencia da de calquera outro cadáver exquisito no continxente; o esencial coincide. Criado nunha familia da alta burguesía, educado “en liberdade” (expresión coa que Haro Tecglen expresa a escasa adicación que lle prestou ó seu fillo), culto, cosmopolita, Haro Ibars levou unha vida caótica, salvaxe e autodestructiva. Como acontece con todos os malditos, o excesivo do seu periplo persoal conduce a conclusións mínimas e de relevancia escasa.

A obra, finalista do Premio de Ensaio da Editorial Anagrama, presenta como rasgo máis salientable a súa exhaustividade. A extensión do libro contrasta coa curta vida do seu protagonista, a cantidade de anécdotas e avatares persoais relatados dan idea do ánimo completista con que se abordou a biografía. E aínda o autor remata a obra sinalando que desbotou boa parte das anécdotas relativas a Haro Ibars que lle relataron, debido á súa escasa fiabilidade. Non embargantes, non podo deixar de manifestar o meu escepticismo fronte a este tipo de traballos e fronte ó xénero biográfico en xeral. ¿Sei eu, despois de ler este libro, quen foi este señor? ¿Podo afirmar que o coñezo, que teño unha idea de como foi?

Alén diso, teño a sensación que o indiscutible celo que o autor puxo en averiguar ata o máis intrascendente feito da vida do biografiado non se viu acompañado dunha preocupación equivalente pola escrita. Efectivamente, a biografía de Haro Ibars non só non se aborda dende un tempo verbal único ou predominante, senón que o autor se amosa incapaz de manter a coherencia temporal sequera nun mesmo parágrafo. O uso indistinto de presente histórico e dos pretéritos imperfecto ou anterior no relato dunha mesma narración demostran un palmario desinterese do autor pola coherencia narrativa do seu texto.

Non deixa de resultarme estraño, por outra banda, que un traballo que ensalza tan decididamente o talento literario do seu protagonista, adique tan pouco espacio á súa obra: apenas uns poemas soltos, un texto en prosa e algunha canción. Curiosamente si se reproducen cartas enviadas por Haro Ibars a familiares e amigos, de escaso ou nulo valor literario, aínda que expresivas da súa peripecia vital.

A obra ofrece un retrato interesante do que foi a célebre “movida madrileña”. Varios actores da mesma (Ceesepe, Luis Antonio de Villena, Jaime Urrutia, Javier Gurruchaga, Alaska, Jesús Ordovás...) compartiron episodios diversos con Haro Ibars. O que habitualmente se nos presenta como un fenómeno colectivo semella máis ben froito do labor duns poucos, iso si, estratéxicamente situados.

Éme difícil chegar a unha conclusión respecto da obra que veño de ler. Como xa adiantaba, non considero interesante este modelo de conducta, máxime cando grande parte dos comportamentos presuntamente transgresores que se amosan resultan inocuos, cando non abertamente pueriles. Nunca fun partidario do complexo de Peter Pan; fronte a infantil negación do mundo adulto sempre considerei máis revolucionario asumir que todos contribuimos a manter este mundo horrible: uns con traballos de oficina; outros con transgresións baleiras.

martes, xaneiro 17, 2006

Zero Girl

Image hosted by Photobucket.com

Sam Kieth é un deses autores norteamericanos que alternan traballos no mainstream con obras de vocación minoritaria. Zero Girl viría sendo un punto intermedio entre estas dúas esferas aparentemente lonxanas. Planeta acaba de editar os catro primeiros números da serie, publicada orixinalmente nos Estados Unidos dentro do selo Homage. A rapaza que lle da nome ó cómic é o típico bicho raro que sufre a marxinación e o desprezo das súas compañeiras de instituto. Se, sendo esa a premisa, engadimos que a rapaza en cuestión goza de estraños poderes, a aproximación ó cómic comercial americano é evidente. Cómpre matizar, porén, que tales poderes consisten na emisión dun líquido viscoso polos pés ó verse sometida a situacións stress, o que da unha idea da vocación de extravagancia que guía ó autor no seu traballo.

Penso que a procura de orixinalidade debe ser esencial para calquera autor. Quen queira calificarse de artista debe buscar unha voz e unha ollada propias, que o fagan recoñecible entre a morea de productos que asulagan o mercado. Agora, tal orixinalidade debe ser a ferramenta que forneza un traballo apreciable de seu. Quero dicir que de pouco valen os excesos argumentais ou gráficos se a historia de fondo, reducida ás súas liñas mestras, non só non aporta nada orixinal, senón que ademáis carece de maior interese.

A estrafalaria batalla entre círculos e cadrados que plantexa Zero Girl pérdese nese mar de inanidade. As recalcadas solucións gráficas de Kieth semellan especialmente forzadas nun contexto no que todo pretende ser unha idea xenial sen selo realmente. A historia, concebida para satisfacer a dous mundos, remata perdida en terra de ninguén.

En USA xa saiu a recopilación en tomo dun segundo arco argumental que, moito me temo, non seguirei.

venres, xaneiro 13, 2006

Os segredos de Connaught Square

Image hosted by Photobucket.com

A literatura “de xénero” (ou con apelidos, como a chamaba Cela) sempre foi considerada menor. As obras de ciencia ficción, de xénero negro, mesmo as de aventuras, non digamos xa a literatura romántica, adoitaban ser minusvaloradas de seu, pola súa mera pertenza a cadanseu xénero. As cousas non teñen mudado excesivamente, malia que hai tempo que certos críticos e escritores asumiron o deber de dignificar certas obras e autores “de xénero”.

Así, cinguíndonos ó xénero policíaco, voces autorizadas teñen gabado notablemente o traballo de autoras coma Ruth Rendell, Patricia Cornwell ou P.D. James, por mencionar tan só ás que teño lido ata agora. E debo dicir que a miña modesta aproximación á obra destas escritoras (linlle unha novela a cada unha) rematou sempre en decepción. Se sempre se tratou de novelas ben escritas e con tramas resoltas de xeito máis ou menos eficaz, non é menos certo que en nengún caso atopei elementos trascendentes que permitisen cualificar as obras devanditas como algo mellor que entretidas.

E malia iso sigo coa miña (vagarosa) política de achegamento a este tipo de literatura, dende a idea de que, sendo como son consumidor habitual e entusiasta de cultura popular noutros eidos, debería ser capaz de atopar unha certa literatura de consumo cuio sabor me resultase igualmente satisfactorio.

Veño de rematar Os segredos de Connaught Square de Anne Perry, autora dunha serie de novelas de misterio ambientadas na Inglaterra victoriana e protagonizadas polo detective Thomas Pitt. Recoñezo que non ten demasiado sentido acometer a lectura dunha serie de novelas por un punto intermedio e escollido aleatoriamente. Se cadra iso explica algúns dos motivos polos que esta obra supuxo una nova decepción.

Os segredos... non é unha novela tan ben deseñada nen tan pulcramente redactada coma as que mencionaba anteriormente. Á trama, aparentemente ben documentada (¿e qué sei eu da Inglaterra victoriana e da descolonización de Exipto?), sóbralle tanto academicismo como emoción lle falta. O feito de deseñala como dúas investigacións que arrancan en contrapunto (Thomas Pitt por unha banda e a súa dona pola outra) para despóis xunguírense nunha réstalle verosimilitude. A viaxe a Exipto do protagonista, excepcional e significativa para a época, solvéntase coma unha excursión a Greenwich, sen que quede claro a súa función no argumento. Os personaxes carecen de calquera carisma, se cadra porque éste derivará do acontecido en novelas anteriores. Por último, o estilo literario da autora amosa evidentes limitacións, sendo o máis salientable o abuso dos diálogos: prácticamente o cen por cen da información relevante pasa por boca dos protagonistas; a novela podería entenderse lendo só os diálogos.

En suma, novela básica, lixeira e defectuosa en moitos sentidos. Terei que seguir buscando.

luns, xaneiro 09, 2006

Y, o último home: palabra clave

Image hosted by Photobucket.com

Agora que abundan as adaptacións do cómic ó cine, non deixa de resultarme estraño que non exista un proxecto para levar Y, o último home ó celuloide. Se atendemos tanto ós textos que se adaptan como ás películas que resultan, parece bastante obvio que a calidade non é unha preocupación fundamental para os que se adican a esta actividade. A serie creada por Brian K. Vaughan non só destaca polo seu nivel de excelencia, senón que ofrece unha estructura típicamente cinematográfica, o que facilitaría notablemente unha eventual adaptación. En calquera caso, só manifesto a miña curiosidade ó respecto; que tal adaptación se leve a cabo algún día é algo que non me preocupa en absoluto. A magnífica historia tecida por Vaughan, en colaboración esencialmente con Pia Guerra, merece aprecio de seu, independentemente de que chame ou non a atención dos productores de Hollywood.

Planeta ven de publicar o seu primeiro tomo desta serie, contendo os números 18 a 23 da serie orixinal americana (lembremos que os números anteriores foron publicados en tomos por Norma). Para quen non coñeza a serie, ésta parte dunha premisa de ciencia ficción clásica: a morte repentina e non explicada de todos os varóns e animais macho do planeta e a insólita supervivencia dun mozo chamado Yorick e o seu mono Ampersand. De aí arranca unha trama que leva ó protagonista a comezar unha viaxe cara a Australia, na procura da súa moza, e durante a cal se vai presentando a dificultosa reestructuración da sociedade (feminina) trala catástrofe.

O presente tomo recolle dous arcos argumentais. No primeiro, titulado Palabra clave, Yorick vese sometido por unha muller a un episodio de dominación sadomasoquista. Que se aproveite o incidente para afondar na personalidade de Yorick e extraer algunhas conclusións acerca da súa identidade (especialmente da súa identidade sexual) non deixa de semellar unha mera excusa. Prima, pola contra, a compoñente morbosa do encontro, sendo o arco un dos máis frouxos de toda a serie. Non así o segundo arco que contén o tomo, titulado O bloqueo das viúvas, no que Yorick reanuda a súa viaxe en compaña da axente 355 e a doutora Mann, e que ven a recuperar o interese habitual da serie.

Os tres primeiros números do tomo contan con Pia Guerra na parte gráfica. Esta artista debuxou prácticamente todos os números da serie desde o seu inicio ata este punto, sendo patente a súa evolución neste tempo. A un maior dominio da figura humana cómpre engadir unha notable mellora na expresión emocional dos rostros. Perdura, ainda así, o que é o seu defecto principal: o estatismo das figuras, a súa falta de vida e a dificultade para transmitir sensación de movemento. Os restantes números son debuxados por un discreto Goran Parlov, máis vistoso se cadra no retrato de personaxes, pero limitado no deseño de fondos e na súa capacidade narrativa.

Anque pareza unha contradicción, como seguidor entusiasta que son desta serie, o meu desexo fundamental é que chegue axiña á súa conclusión. E é que, se ata o de agora o nivel de calidade se mantivo, non deixa de ser certo que a prolongación excesiva de calquera historia tende a resultar negativa. E é evidente que esta trama non foi deseñada para durar eternamente. En calquera caso, eu xa estou desexando que Planeta siga coa publicación da serie.

martes, decembro 27, 2005

A xornada dun escrutador

Image hosted by Photobucket.com

Vaia por diante a miña sorpresa pola traducción do título. Eu coñecera de sempre esta obra de Italo Calvino como “A xornada dun interventor electoral”, pero a traducción de Ángel Sánchez-Gijón para a edición de Siruela que veño de ler (Madrid, 1999) emprega o termo “escrutador” (maís fiel ó “scrutatore” do orixinal itialiano) no canto de “interventor electoral” (máis próximo á terminoloxía do noso sistema electoral).

Penso que a historia de Amerigo Ormea e o seu periplo como interventor electoral no Cottolengo son ben coñecidos. A súa conducta durante o proceso electoral ven a demostrar que a profundidade das conviccións non conduce á rixidez nos actos, senón precisamente ó contrario: á relativización das certezas, á moderación nos xuizos e á sensatez nas decisións. A súa primeira reacción fronte a actuacións inequívocamente fraudulentas que van no perxuízo do partido que representa (o Partido Comunista) é a permisividade. Non quere discutir accións concretas porque cuestiona o conxunto da maquinaria, déixaas pasar baixo o pretexto de que “debemos impugnar toda a votación”. Máis adiante tomará algunhas iniciativas puntuais que serán aceptadas sen discusión polos restantes membros da mesa electoral. O creto gáñase con serenidade e moderación.

Pero alén do estrictamente político están as cuestións existenciais que se lle plantexan a Amerigo durante a súa estadía no Cottolengo. Cales son os límites da humanidade, a partires de qué punto un enfermo (físico, mental) pode considerarse humano, a partires de qué punto gaña ou perde os seus dereitos políticos, como ser útil sen caer na caridade. As súas dúbidas distánciano da conxuntura que vive e fan que a súa conducta sexa prudente, mesmo distraída.

Emocionalmente, Amerigo amósase como unha persoa indecisa e desconcertada. A súa fonda racionalidade desmóntase cando transitamos por este terreo, se cadra precisamente porque ésta deixa de ser un mapa fiable cando se abordan cuestións sentimentais.

Di Calvino que tardou perto de dez anos en elaborar este relato longo (ou novela curta) debido á proximidade temporal das experiencias persoais que deron lugar á idea da narración. E sen embargo a prosa do autor semella puramente casual, sinxela, mesmo descoidada nalgúns casos. A demora coa que a corrente principal da historia entra no relato demostra que ésta non é unha novela de feitos senón de ideas. Ideas que a día de hoxe teñen un arrecendo antigo, en boa medida condicionado pola admiración que cara esta obra profesa certa progresía que resultou non estar á altura de Amerigo Ormea. En calquera caso, trátase duna fermosa lectura, inzada de ideas para reflexionar e, sen dúbida, dun sólido punto de apoio ó que recurrir para fundamentar posturas persoais.