venres, novembro 08, 2013

Qadriños: Marcinelle en galego, Xil Pupila

















Sigo a repasar en Qadriños os cómics da chamada Escola de Marcinelle que gozaron de edición en galego. Desta volta é o turno de Xil Pupila, a creación máis célebre dun dos autores clásicos da revista Spirou, Maurice Tillieux, do que se publicaron dous álbums en galego a principios dos 90: A luva de tres dedos e O chinés das dúas rodas. Ao contrario que outras cabeceiras da mesma época, Xil Pupila foi reeditado integramente en castelán hai poucos anos, así que está dispoñible para quen quede con ganas de máis. Como aperitivo este Marcinelle en galego: Xil Pupila.

venres, outubro 25, 2013

Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre de 2013
















ACDCómic vén de facer publico o seu listado de Esenciais correspondente ao primeiro semestre deste ano, trinta obras (25 novidades, 5 clásicos) que destacan, en opinión dos membros da asociación, entre o conxunto das publicadas entre xaneiro e xuño de 2013. Trátase dunha das primeiras actuacións con transcendencia pública desta entidade constituída en 2012 e que, por motivos ben comprensibles, estivo especialmente concentrada ata o de agora na súa propia organización interna. Actualmente, diversos grupos de traballo están xa a desenvolver proxectos diversos que, agardemos, axudarán a cumprir a finalidade fundamental da asociación: contribuír a mellorar e dignificar a divulgación de banda deseñada.

Xa que logo, convídovos a que botedes unha ollada a este primeiro listado de Esenciais, que non pretende ser un canon nin unha lista pechada, senón unha mostra aberta e plural da mellor banda deseñada que se está a editar na actualmente. Unha curiosidade, a imaxe que acompaña este texto pertence á obra que obtivo máis respaldos na votación.

luns, outubro 14, 2013

Qadriños: Xulia Vicente e as cidades que esbirran















Na máis recente anotación en Qadriños falo de Xulia Vicente, que vén de gañar o Certame Benito Losada de BD na súa segunda edición co cómic As cidades tamén esbirran. Coido que o traballo de Vicente é de seu valioso e merece difusión, pero ademais podemos identificar nela a toda unha xeración de autores novos e talentosos que teñen claro que queren facer BD. O mercado editorial non está para moitas festas. Haberá espazo para eles? Oxalá que si. 

mércores, outubro 09, 2013

Los Nuevos Mutantes: La niña oscura

























A Chris Claremont abondoulle cun capítulo, 24 páxinas, para meterlle sete anos no corpo a Illyana Rasputin. Foi no Uncanny X-Men 160, número no que a Patrulla X se enfrontaba ao diaño Belasco e no que uns segundos de tránsito interdimensional levaron a irmá pequena de Coloso dos 6 aos 13 anos, o suficiente para facer dela un personaxe aproveitable en termos narrativos. Que ninguén fale de Deus ex machina, no cómic de superheroes as cousas fanse así. Claremont escribiría posteriormente unha serie limitada de catro números, Storm and Illyana: Magik, na que se relataba o acontecido neses segundos/anos que Illyana permaneceu no Limbo, a dimensión habitada por Belasco e a súa caterva. Despois incorporaría o  personaxe aos Novos Mutantes, o que explica que Panini decidira incluír a devandita miniserie no tomo Los Nuevos Mutantes: La niña oscura (2013), que recolle ademais os derradeiros capítulos que quedaban sen reeditar antes da etapa de Sienkiewicz (tamén reeditada). Aínda que igual de necesario para a correcta comprensión do relato, fica fóra deste volume o mencionado Uncanny X-Men 160, probablemente por non encarecer o produto.

Gardaba un recordo grato da serie limitada de Magik, recordo moi mediatizado pola distancia (lino a mediados dos 80 na extinta Colección Extra Superhéroes de Fórum, un produto editorial, por certo, claramente adiantado ao seu tempo) e, sobre todo, pola actitude apaixonada que caracterizaba a miña aproximación ao universo mutante naqueles anos. Hoxe atopo nestes catro números un relato irregular e falto de ritmo, no que Claremont impón unha pomposa voz narrativa e no que as tintas de Tom Palmer chegan a ser tan preponderantes que conseguen uniformizar o traballo dos tres debuxantes implicados, John Buscema, Ron Frenz e Sal Buscema. A estratexia de Claremont para facer de Illyana un personaxe atractivo non só pasaba por facela medrar, senón tamén por dotala dun lado sombrío, recurso que o propio escritor explotara con éxito con personaxes coma Lobezno ou Fénix Escura. Mais non contento con adornala cun perfil demoníaco, Claremont  fai que asasine a dous membros da Patrulla X (en versión alternativa, iso si), nuns lances dunha violencia rechamante, especialmente para os canons da época. O certo é que, na súa nova definición, o personaxe gañaría en potencialidade, malia o cal é probable que nin o propio Claremont nin ningún dos autores que o escribiron posteriormente foran quen de tirarlle todo o partido posible.

O tomo complétase cos números 14 a 17 da cabeceira dos Novos Mutantes, nos que, nunha xogada cargada de lóxica, Claremont traslada a idea do equipo xuvenil á escola rival, a Academia Massachusetts que dirixe Emma Frost e que depende do Club Hellfire. Malia que os Infernais estaban chamados a ser os adversarios por excelencia dos Novos Mutantes, esta primeira aparición non pasa de discreta, e non só por cinguirse ao previsible esquema de presentación-contenda, senón tamén e especialmente porque Claremont non estivo moi inspirado no deseño dos personaxes, como proba o feito de que, a excepción dun par deles, todos tiveron un escaso percorrido posterior. A mesma atonía atopamos no apartado gráfico, cun Sal Buscema amolecido polas tintas de Tom Mandrake. Como xa sinalamos, a chegada de Bill Sienkiewicz sería un revulsivo tan potente coma breve. Tras a súa marcha, a cabeceira iría perdendo azos ata caer de novo na mediocridade. Reeditará Panini tamén a lánguida etapa post-Sienkiewicz?

Entradas relacionadas
Los Nuevos Mutantes: Tercera Génesis
Los Nuevos Mutantes: Nueva Roma
Los Nuevos Mutantes: Hijos de las sombras
Los Nuevos Mutantes: El origen de Legión

martes, setembro 24, 2013

Saga 2

























Decepcionoume no seu día o tomo inaugural de Saga, a nova e moi premiada serie de Brian K. Vaughan con Fiona Staples. Como sinalei na entrada correspondente, a premisa pareceume tópica e o desenvolvemento plano, cun Vaughan que nin sequera destacaba nos seus habituais puntos fortes (os diálogos, os xiros argumentais) e unha Staples de trazo áxil e suxestivo mais, ao meu entender, de acabado artificioso. A lectura do segundo volume (Planeta, 2013), integrado polos capítulos 7 a 12 da cabeceira, ofrece unha imaxe máis completa da mesma e permite chegar a algún tipo de conclusión persoal, aínda que sexa provisional, acerca de se Saga é a grande obra que salientan uns, un hype de signo maior ou, se cadra, unha terceira cousa.

Coido que ninguén pode negar a estas alturas que Saga é unha serie de pretensións máis ben escasas. Se as liñas mestras do relato, trazadas xa nos primeiros capítulos, reservaban a orixinalidade para o ornamental (deseños e algún concepto de fondo) e se nutrían no esencial de tópicos abondo explotados é porque, finalmente, todo é un pretexto para a acción, a aventura e o folletín. Coas relacións afectivas e familiares coma ingrediente principal, Vaughan constrúe un relato unidireccional, moi centrado nos personaxes, dinámico e alleo a calquera complicación. Á altura deste segundo volume comezan a agromar as sorpresas, os cliffahngers e demais xiros argumentais marca da casa. O mesmo acontece cos diálogos, que recuperan o burbullar de obras precedentes.

Eficaz coma entretemento, a falta de complexidade da narración fai que resulte satisfactoria só a cambio de renunciar a calquera outra aspiración. Hai aventura e diversión, pero máis aló do gozo inmediato, a obra resulta oca. Nin os personaxes están ben definidos, nin a trama parece gardar segredo algún, nin hai indicios da existencia dun gran plan detrás da narración. Pola contra, todo indica que, como acontece con moitas series de televisión, formato ben coñecido por Vaughan, estamos perante unha fórmula que se prolonga no tempo e que, presumiblemente, seguirá facéndoo na medida en que o público a apoie e o autor vaia atopando saídas creativas.

Entradas relacionadas
Saga 1

venres, setembro 20, 2013

Unha fábula obreira

Operario

Aínda que menos coñecido que outros historietistas da súa xeración, Jano (Alejandro Viñuela) conta cunha extensa produción espallada en fanzines, revistas, obras colectivas e títulos propios. Un breve repaso á mesma abonda para comprobar como o seu grafismo foi evolucionando dende uns primeiros traballos nos que predominaba unha liña sinuosa, moi propia do underground, cara formas máis simples e esquemáticas. Este cambio afectou tamén aos textos, que foron ocupando unha posición cada vez máis subordinada ao debuxo ata desapareceren totalmente en obras coma Ratoon (Bang!, 2010) ou na súa recente contribución ao volume colectivo Verde (Autsaider, 2013). Tampouco hai texto no seu novo título, Operario (Demo, 2013), unha fábula sobre as relacións de traballo e a xustiza social coa que Demo Editorial inaugura Demográfica, unha nova colección consagrada a obras en pequeno formato (14x21) e sen apenas texto. Detrás desta nova liña editorial intúese a pretensión de abrirse a novos mercados, como confirmaría o feito de aparecer os paratextos desta obra en castelán ademais de en galego.

Situada nunha cidade en pleno desenvolvemento industrial, presumiblemente a principios do século XX, Operario conta un día na vida dun obreiro que se introduce na engrenaxe industrial na procura dun medio que lle permita ver satisfeitas as súas escasas e moi elementais necesidades. Unha tímida incursión na realidade das relacións de produción abondará para frustrar as súas expectativas e demostrar a inxenuidade das súas pretensións. Mediante unha cadea de acontecementos mínimos Jano amosa a desigualdade das relacións laborais, a alienación do obreiro e a conivencia das forzas da orde cos poderosos. Nada novo na súa mensaxe, que coincide no esencial coa dos clásicos da literatura industrial, pero que non deixa de resultar pertinente no contexto actual.
 
A obra, xa que logo, convida ao lector a indignarse, mais faino cunha contención formal que invita á reflexión. Coma o debuxo, as ideas sobre as que Jano constrúe o seu relato son simplificacións, síntese de formas máis complexas. O estilo ríspeto que caracterizou a maior parte do seu traballo previo deixa paso a un grafismo máis limpo e accesible. Os deseños planos e a abundancia de formas xeométricas transmiten unha frialdade que se ve reforzada polo uso repetido dunha cuadrícula de catro cadriños por páxina. O discurso é visceral pero as formas son asépticas. O contraste incita a non deixarse levar e reflexionar. A obra lese nun suspiro, pero permanece e ofrece matices nunha segunda lectura.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias e en Qadriños o 19 de setembro de 2014]

mércores, setembro 18, 2013

Marshal Law: Miedo y asco


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Durante moitos anos, o sentido moral foi unha cualidade tan definitoria do superheroe coma as súas habilidades de combate. No tebeo popular norteamericano por excelencia, os heroes enmascarados actuaban sempre guiados polos máis altos ideais de xustiza, nuns relatos que evitaban a mantenta introducir calquera situación que puidese sementar dúbidas a este respecto. Co tempo, o xénero evolucionaría cara relatos máis complexos, nos que uns personaxes que comezaban a amosar personalidades máis diversas debían confrontar dilemas cada vez menos simplistas, evidenciando o idealismo, mesmo a inxenuidade, daquela premisa. Tanto Watchmen coma Batman Dark Knight, ambas publicadas en 1986, formularían de forma explícita as reticencias que foran agromando nos anos anteriores, desactivando de forma definitiva o tópico do superheroe moralmente irreprochable. Pouco máis pode dicirse ao respecto dende entón.

Marshal Law: Miedo y asco (ECC, 2013), cómic creado por Pat Mills e Kevin O’Neill e editado orixinalmente baixo o selo Epic de Marvel Comics en 1987, é dicir, un ano máis tarde que as obras mencionadas, incide nunha liña semellante, aínda que, cómpre non enganarse, resulta un produto moito máis imperfecto. Carece da sutileza de Watchmen e tamén da complexidade narrativa de Dark Knight, a trama parece avanzar improvisadamente en non poucas ocasións e os personaxes, se exceptuamos os dous protagonistas, apenas están definidos. Porén, comparte con aquelas obras a súa vocación desmitificadora á que engade un sentido festivo ausente nelas. Dito doutro xeito, no canto dun sutil estudio, Mills e O’Neill artellan unha brutal parodia da condición superheroica que non só prefigura e probablemente supera outras máis recentes (e máis populares), senón que chega a adiantarse á dexeneración noventeira do xénero, cos seus heroes hipermusculados, de queixo cadrado e dentame tenso.  

A obra pode entenderse ademais coma unha representación da confrontación entre dúas tradicións do tebeo popular: a británica e a norteamericana. Se  Espírito Público é o paradigma do superheroe ianqui de moral supostamente irreprochable, o seu antagonista Marshal Law entronca coa estirpe xenuinamente británica do policía hiperviolento e fascistoide, cuxo expoñente máis coñecido é o Xuíz Dredd. Mills secuestra o superheroe para deconstruílo. O San Futuro no que transcorre a acción non é máis que unha versión da Mega-City One de Judge Dredd, onde os tópicos en vigor non son os do tebeo superheroico tradicional, senón os das distopías extremas do cómic británico. Xa que logo, a obra confirma unha idea que salientabamos hai pouco: que a influenza do cómic británico na transformación do tebeo norteamericano a partir de mediados dos anos 80 non se limitou á incorporación de autores, senón que tamén houbo unha asimilación de contidos. Mills e O’Neill contemplan o superheroe coa mirada revirada e estraña do cómic británico. Non hai misericordia.

mércores, setembro 11, 2013

Polo mar de Bretaña



















A Bretaña é unha terra aberta ao mar e a banda deseñada confírmao. Nas obras de Hergé, Patrice Pellerin, Alain Dodier, Aude Picault e Bruno LeFloc'h atopamos portos, illas, faros, cantís e brétema mareira. Paisaxes fortemente evocadoras que estes e outros autores escolleron para ambientar as súas historias. Unha mostra na máis recente Paisaxe de papel: Polo mar de Bretaña.

domingo, setembro 08, 2013

Next Men 1

























A carreira profesional de autores como Mike Mignola, Frank Miller ou Todd McFarlane cambiaría de forma irreversible nos primeiros 90, cando comezaron a buscar ou mesmo artellaron plataformas de publicación alternativas a Marvel e DC. A través de Dark Horse, Mignola crearía o seu célebre Hellboy e Miller publicaría Give me Liberty (coas súas continuacións) ademais das primeiras historias de Sin City, mentres que Todd McFarlane fundaría con outros debuxantes Image Comics e acadaría cifras espectaculares con Spawn. John Byrne tamén deu daquela un paso semellante, pero a súa sorte foi distinta, a pesar de partir dunha posición claramente favorable. O canadense conservaba aínda boa parte do seu merecido prestixio e seguía a ser un dos autores máis seguidos do momento, malia que a súa segunda etapa en Marvel, cara finais dos 80, non acadara nin o nivel creativo nin o éxito dos seus mellores traballos. Byrne apostaría tamén por Dark Horse, onde publicaría o volume unitario 2112 e posteriormente abriría a serie regular Next Men, que centraría a súa produción creator-owned durante os 90.

Malia ter obtido unha acollida crítica aceptable e contar con lectores abondo para manterse viva entre 1991 e 1995, non se pode dicir que sexa esta cabeceira a primeira que se vén á mente cando un menciona o nome do seu creador, ao contrario do que acontece cos autores mencionados anteriormente. Os motivos son varios. En primeiro lugar, o seu peche foi en falso; Byrne interrompeu o desenvolvemento da serie no seu número 30 coa idea de retomala uns meses máis tarde, o que finalmente non foi posible. O título foi, dende entón e por moitos anos, unha obra inconclusa e sobre a que periodicamente xurdían rumores de continuación ata que, en 2010, o canadense retomou e finalizou a serie da man de IDW. En segundo lugar, tras deixar a cabeceira en suspenso, Byrne traballaría de novo para Marvel e DC, ligando o seu nome aínda máis ao das grandes franquicias superheroicas, e non sería ata bastante máis adiante que recuncaría en proxectos da súa propiedade, ningún tan valorado coma Next Men. E por último, malia as virtudes desta obra, coido que existe un consenso en que os traballos nos que Byrne alcanzou a excelencia foron outros: a súa etapa en Uncanny X-Men, nos 4 Fantásticos, o seu Alpha Flight e The Man of Steel. É dicir, foi traballando con títulos alleos cando o canadense deu o mellor de si.

Dito isto, coido que tampouco pode negarse que, ademais de ser o seu mellor traballo creator-owned, Next Men debe contarse entre os títulos recuperables da bibliografía de Byrne, polo que é unha boa nova que Norma reedite en catro volumes a saga completa, incluíndo a etapa máis recente, ata agora inédita entre nós. O primeiro tomo (Norma, 2013) ábrese con 2112, one-shot que sería antesala da cabeceira, e contén os números 0 a 6 da serie regular, que abondan para formarnos unha idea de en que consistía a proposta. Nunha primeira impresión podería parecer que o canadense pretende distanciarse do xénero dos superheroes, que centrara a práctica totalidade da súa carreira e ao que debía (e debe) debe a súa sona, optando por unha aventura de ciencia ficción. Sen embargo, axiña queda claro que tanto no futurista 2112 coma especialmente en Next Men, os elementos de sci-fi son ornamento, mentres que as estruturas son claramente debedoras do tebeo superheroico. Os personaxes protagonistas non só teñen superpoderes, uns superpoderes que apenas que coñecen e que deben aprender a usar, senón que o reparto de roles entre eles reproduce fielmente as estruturas típicas das formacións superheroicas. E o mesmo pode dicirse do seu antagonista, expresivamente chamado Satanás, personaxe dotado da teatralidade propia dos superviláns de cómic. Cunha tópica investigación gobernamental que se extravía como punto de partida, Byrne elabora un relato de persecución no que os protagonistas deben desenvolverse nun mundo que non coñecen e no que non saben en quen poden confiar. Sen grandes pretensións, o canadense artella unha aventura de tempos ben medidos e no que, iso si, se permite ir un pouco máis aló do que estaba permitido no cómic mainstream do seu tempo.

E probablemente esa sexa unha última clave que explica por que Byrne non foi quen de triunfar como propietario das súas propias creacións. Malia a súa aparencia externa, nada en Next Men se afasta excesivamente do que levaba anos facendo e faría nos anos seguintes. Faltoulle a vontade ou a capacidade para diferenciar o seu produto e amosar unha versión distinta de si mesmo como autor, ofrecendo simplemente unha nova mostra do que xa sabiamos que era quen de facer.

luns, agosto 26, 2013

Tom Strong 5

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Sabemos que os cómics que Alan Moore creou para a súa liña ABC pretendían ser unha caste de competencia refinada ao tebeo comercial norteamericano. Por iso, malia tratarse dunha iniciativa “de autor”, tampouco debe sorprender que, chegado certo momento e na mellor tradición do cómic de masas, Moore confiase a outros autores a continuación dunha cabeceira coma Tom Strong, que a partir do número número 23 pasou a ser escrita e debuxada por diferentes equipos artísticos. Malia a súa diversidade, todos eles interpretaron o seu paso polo título coma unha continuación do labor previo de Moore, asumindo todos os sinais de identidade da serie e sen aspirar a alterar o status quo da mesma.
 
O quinto tomo da serie (Norma, 2008) contén os números 26 a 30 da cabeceira e neles atopamos a visión do personaxe de catro escritores e outros tantos debuxantes. A proposta do guionista Mark Schultz mestura ciencia e fantasía ao servizo dunha mensaxe ecoloxista, nun exemplo paradigmático de fidelidade aos conceptos de Moore. Perfectamente secundado polo infalible Pascual Ferry nos lapis, o seu capítulo ben podería ter sido asinado polo autor de Watchmen. Non tan atinado aínda que tamén coherente coa concepción orixinal do personaxe, é o seguinte relato, escrito por Steve Aylett e debuxado por Shawn McManus, que recunca nas viaxes interdimensionais que xa introducira Moore para ofrecer visións alternativas (e, para máis señas, cartoonizadas) dos personaxes do título. Pola súa banda, Brian K. Vaughan e Peter Snejberg desenvolven no número 27 unha narración que adopta o punto de vista de Pneuman, o robot axudante de Strong, e no que se propoñen os dilemas habituais dos relatos protagonizados por personaxes robóticos (o Eu, Pneuman que atopamos na cuberta do número resulta abondo elocuente), acompañando unha trama de ironía (unha antagonista chamada Mirada Crítica que libera a personaxes de cadros) xenuinamente mooreana. Sen ser un relato redondo, acerta na súa melancólica humanización do personaxe de Pneuman. O tomo péchase cunha historia en dúas partes a cargo de Ed Brubaker e Duncan Fegredo, na que o protagonista debe enfrontarse a unha versión de si mesmo exenta de atributos heroicos, e que, coma os capítulos precedentes, carece de pretensións, alcanzando os seus mellores momentos cando Brubaker exacerba a súa mirada irónica: “El cielo era siempre gris, los políticos siempre mentían, la gente vivía presa de la soledad. La aventura y el sentido de la maravilla no existían (…). Me di cuenta de que un lugar así no podía existir excepto en la mente de un loco”.