
O protagonismo da ambientación parisina das aventuras de
Adèle Blanc-Sec, presente xa no
primeiro álbum da serie, acentúase aínda máis neste segundo,
O demo da Torre Eiffel (
Norma, 1981). Como no álbum anterior,
Jacques Tardi identifica con exactitude as distintas localizacións nas que transcurre a acción, engadindo agora escenarios tan típicos da capital francesa como a Pont-Neuf, o cemiterio Père-Lachaise ou a emblemática torre Eiffel. A pretendida identificación entre o personaxe e a cidade, moi ao xeito de
Sherlock Holmes e Londres, presenta algúns matices importantes. Se nos dous casos a época retratada vén sendo a mesma, hai máis de medio século entre o labor de
Conan Doyle e o de
Tardi. Xa que logo, o retrato deste non só asimilou ambientación dos folletíns detectivescos de principio de século, senón tamén a dos derivados
pulp (fantásticos, de ciencia ficción, de xénero negro) posteriores. E así, o París de
Adèle engade á súa aureola misteriosa detalles fantásticos e estrafalarios: dinosauros que voltan á vida, maquinaria futurista (próxima a unha sensibilidade
steampunk), adoradores do diaño que conspiran nas sombras, escenarios de cartonpedra, disfraces… Por outra banda,
Sherlock Holmes era quen de restablecer a orde no seu universo porque éste se rexía por uns principios racionais que el dominaba. Pola contra, o mundo que nos presenta
Tardi está presidido por un principio caótico que limita a capacidade de
Adèle para intervir. Pode chegar a impoñerse no concreto, mais nunca a invertir a lóxica dos acontecementos.
Entradas relacionadasAdèle Blanc-Sec: Adèle e a bestaAdèle Blanc-Sec: O afogado de dúas cabezas