luns, setembro 24, 2007

Crise Infinita



Resulta evidente que, falando da construcción coherente (non digamos xa interesante) dun crossover, a dificultade é maior cantos máis series e personaxes se vexan involucrados nel. De igual xeito, que o evento se ordene a unha finalidade que vai alén da propia historia (por exemplo, redefinir ou, cando menos, remodelar un universo) supón igualmenmte una dificultade engadida. É por iso que o, dende o meu punto de vista, incontestable fracaso creativo de Crise Infinita pode xustificarse en boa medida nas súas propias características.

Agora ben, é probable que o meirande erro deste crossover radique na súa apelación constante ás Crises en Terras Infinitas de Wolfman e Pérez. E é que aquela maxiserie dos 80 afrontaba unhas limitacións semellantes e conseguía sair triunfante das mesmas, dando lugar a unha serie que, nas súas características, non foi superada ata hoxe. A explicación deste resultado é tan simple como o talento dos seus creadores, un Marv Wolfman nos seus mellores anos e un George Pérez en estado de gracia. Pode engadirse un factor que falta na serie que agora nos ocupa, o espacio: Wolfman e Pérez tiveron todo un ano, doce números, para definir a súa historia, fronte os escasos seis capítulos da actual.

O feito de ser a conclusión daquelas “Crises” a premisa inicial desta nova “Crise” da lugar a unha comparación constante e inevitable, acentuada por certos paralelismos deliberadamente establecidos polo escritor desta caste de secuela, Geoff Johns, (anque pode tratarse dunha imposición editorial) e mesmo pola elección como artífice gráfico da mesma a Phil Jiménez, debuxante cuio trazo resulta debedor de George Pérez.

Xa que logo, a Crise Infinita reclama constantemente unha comparación que o único que fai é poñer de relevo as súas eivas. A mutación dos caracteres dos personaxes que inician a crise (Alexander Luthor, o Superman de Terra 1 e o Superboy de Terra Prima) é evidente; xurde de aí unha trama que repite os puntos clave da crise referente pero sen chegar a desenvolvelos, descansándose nos acontecementos das series regulares e, por tanto, descapitalizando a serie matriz; o desenvolvemento é confuso e, sobre todo, aburrido; a conclusión carece de dramatismo e case de interese. Nen sequera se puido manter a unidade no apartado gráfico, no que houbo que recurrir a varios debuxantes ademáis de Jiménez, algúns deles, por certo, cunha calidade inferior ás pretensións deste evento.

Por se fose pouco, a edición de Planeta intercala en cada número un capítulo dalgunha serie que non é a da cabeceira principal, no que supón unha palmaria falta de confianza no propio producto, ademáis dunha falta de respecto cara os lectores.

Entradas relacionadas
Crise de identidade

Ningún comentario: