venres, setembro 14, 2007

Sleeper: O longo camiño a casa




Conclúe neste cuarto tomo a serie Sleeper, que Ed Brubaker e Sean Phillips conduciron con pulso firme ó longo de 24 números, e o mellor que se pode dicir é que o punto final sinala un dos puntos álxidos dunha cabeceira que mantivo un índice de calidade envexable durante a práctica totalidade da súa traxectoria.

Apunta Brubaker no epílogo que dende a súa concepción, a historia de Sleeper non estaba pensada para durar indefinidamente. Explica a seguir que o segundo ano da mesma permitiulle explorar máis detidamente aspectos que quedaran sen desenvolver nos 12 primeiros números. E ese é, con toda probabilidade, un dos acertos da serie, que a súa extensión resultou ser o suficientemente longa para tirarlle todo o partido a un núcleo de personaxes perfectamente definidos sen chegar a prolongar en exceso as tramas.

O longo camiño a casa retoma o tono inicial da serie, logo do cambio de orientación co que comezara o segundo ano da mesma. Voltamos á indefinición do axente doble, incapaz de escoller entre o malo e o peor, envolto nun novelo de intereses, sentimentos e ideais contradictorios do que non é posible sair indemne. Só que agora a trama se precipita cara a súa conclusión, situando ó autor no compromiso de desfacer congruentemente o que se ensarillou concienzudamente. E aí é onde, máis outra vez, Brubaker demostra non só que é un dos mellores escritores do momento, senón ademáis que o xénero negro non ten segredos para el. O desenlace resulta plenamente coherente coa liña descrita pola serie, tanto no argumental coma nas intencións, situándose nunha irónica equidistancia entre o final feliz e o seu oposto. Ademáis, e malia terse manifestado noutro sentido, Brubaker deixa os xoguetes no armario perfectamente accesibles por se algún día quere volver xogar con eles. Brillante.

Non podo deixar de gabar, como fixen nos tomos anteriores, o traballo de Sean Phillips, cuia imprescindible cooperación no apartado gráfico fai posible que todo, tamén o visual, encaixe á perfección.

Entradas relacionadas – Sleeper
Sleeper: Todo é mentira – Unha liña borrosa
Sleeper: Á súa sorte

Entradas relacionadas – Ed Brubaker
Gotham Central: Corrigan II
Gotham Central: Robin morto
Gotham Central: O alquimista
Gotham Central: Corrigan
Gotham Central: Caso sen resolver
Gotham Central: A vida está chea de decepcións
The Fall

Ningún comentario: