domingo, outubro 12, 2008

A revolución dos cómics



Comprender o cómic (Astiberri, 2005) era un proxecto complexo no que Scott McCloud desenvolvía unha teoría xeral da BD como medio, expoñendo exhaustiva e congruentemente as claves da súa mecánica interna. A revolución dos cómics (Norma, 2006), compartindo algúns dos propósitos da obra que a procedeu, resulta ser un proxecto ben distinto. McCloud, partindo dunha obvia reivindicación da dignidade e as posibilidades do medio, plantexa as que segundo el son as súas revolucións pendentes, isto é, os retos que, de se confrontaren correctamente, prestixiarían o medio e garantirían a súa pervivencia nun entorno tecnolóxico que evoluciona vertixinosamente. A visión persoal substitúe, xa que logo, á intencionalidade científica e divulgativa, e deriva nunha obra que resulta polémica na mellor das súas acepcións, isto é, encamiñada a promover un debate. Dado que a valoración pormenorizada das teses de McCloud excede con moito as pretensións desta entrada, limitareime a puntualizar os aspectos que me resultaron máis salientables.

Por unha banda, chama a atención que McCloud constrúa teses globais a partires dunha visión sorprendentemente local. A súa exposición da evolución histórica do cómic toma en consideración, de maneira case exclusiva, a produción anglosaxona (máis concretamente a norteamericana), resultando prácticamente anecdóticas as mencións tanto á BD europea como ao manga. Un discurso como este, tan conforme coa mentalidade estadounidense, resulta impropio dun autor como McCloud, que na súa obra previa demostrara unha notable sensibilidade cara a banda deseñada producida alén do seu entono inmediato.

Na mesma liña, resulta loubable que McCloud reclame que o mundo do cómic sexa representativo da diversidade cultural, pero hai un evidente paradoxo en que o faga empregando expresións tan sesgadas étnicamente como “grupos minoritarios”. Ningunha cultura é de seu minoritaria, senón que o será nun entorno determinado. Xa que logo, cando McCloud recurre a esta expresión faino referíndose a unha realidade social concreta, a súa, por máis que no seu discurso se obvie calquera mención á mesma. Deste xeito, o creador de Zot demostra inconscientemente que mesmo quen percibe e rexeita os sesgos culturais pode contribuir a perpetualos se non extrema o seu coidado.

Feitas estas observacións, o conxunto das teses que formula o autor parecen fácilmente compartibles. En esencia, o que McCloud reclama é a apertura do cómic a novas sensibilidades culturais e de xénero, a aposta polos medios dixitais na produción e distribución, a diversificación de xéneros narrativos, a posta en valor da autoría e os dereitos que lle son predicables, etc. Tamén é certo que todo o anterior non pode ser abordado sen tomar en consideración a configuración do mercado, algo que McCloud fai, máis outra vez, cínguíndose ao entorno dos USA.

Pero por riba de todo destaca a claridade expositiva dun McCloud que sae de novo exitoso da angueira de escribir un ensaio en banda deseñada, desta volta cunha maior carga especulativa, cuns contidos máis desvencellados da linguaxe da historieta que na anterior Comprender o cómic e, por tanto, cun maior esforzo para recurrir a unha iconografía que resulte lexible e funcional. O seu exemplo é a demostración palpable de que grande parte das posibilidades do medio están aínda por explotar e que para abrir novos camiños resultan recomendables bens tan escasos como o talento e vontade.

Entradas relacionadas
Comprender o cómic

Ningún comentario: