xoves, setembro 17, 2009

Tres sombras



Se había algo que facía sobrancear unha cabeceira tan discreta como Ring Circus era o marabilloso debuxo de Cyril Pedrosa, artista moi influenciado polo Disney máis recente, especialmente na feitura dos personaxes. Tres sombras (Norma, 2008), unha fábula escrita por el mesmo e premiada en Angoulême no 2008, amosa unha faciana ben distinta do debuxante francés. A cor, recurso que o autor manexaba con exuberancia nos seus traballos previos, deixa paso a un branco e negro menos espectacular pero que lle dá pe a empregar unha variedade de recursos maior. Aínda que perde en preciosismo e inmediatez, Pedrosa adopta unha diversidade de rexistros que enriquecen o seu traballo, amosando un catálogo de solucións amplo e imaxinativo. Doutra banda, a mellor proba de que a súa narrativa segue a ser magnífica é a velocidade con que se poden ler as case 300 páxinas que compoñen un álbum que se reivindica así como accesible tamén para rapaces novos.

Mais se cadra é na definición do ton da historia onde Tres sombras resulta máis obxectable. Pedrosa incorpora compoñentes habituais da narrativa xuvenil, dende o protagonista infantil a elementos fantásticos pasando polo pulo aventureiro que preside a viaxe dos personaxes principais. Mais de súpeto, o fantástico torna en alegórico ao tempo que se mantén unha molesta vocación moralizante. Ademáis, o ritmo narrativo e a estrutura do relato semellan descompensados, cun contraste entre os lances que se presentan delongadamente e os que se sustancian de xeito apresurado. Analizada no seu conxunto, a obra invita a seguir a traxectoria dun Pedrosa que engade á súa condición de debuxante magnífico a de escritor prometedor.

Entradas relacionadas
Ring Circus: Os revolucionarios
Ring Circus: Os amantes

Ningún comentario: