venres, maio 06, 2011

A ascensión do gran mal



Referíndome á obra pola denominación orixinalmente utilizada polo autor non estou a expresar ningunha preferencia, senón a aludir á edición que veño de (re)ler, a que Sins entido publicou en seis tomos entre 2001 e 2007. Existe unha reedición integral posterior que opta polo título de Epiléptico (Sins entido, 2009), que troca o metafórico polo descriptivo, pero segue a situar a doenza no cerne mesmo do relato. Lóxicas eleccións tanto unha coma a outra, xa que esa semella ser a idea que David B. pretende transmitir acerca de si mesmo e a súa familia, que a epilepsia do irmán maior condicionou decisivamente a vida de todos eles.

Tratándose dun drama persoal cunha dimensión social, máis aínda sendo unha obra autobiográfica e polo tanto "real", cómpre fiar fino para non valorar a obra a partir da lóxica empatía que provoca o problema exposto. Neste senso, coido que o grande acerto de David B. estriba na súa capacidade para facer da doenza do seu irmán o catalisador do relato mais non a cuestión esencial. A abafante proximidade da epilepsia é a clave que o autor emprega para explicarse a si mesmo e á súa familia. O duro tránsito colectivo, a procura de remedios médicos convencionais, naturistas, esotéricos, a ascensión en grupo do gran mal, serían factores esenciais para entender aos personaxes incluída a dimensión creativa do autor, que presenta o recurso á ficción coma forma de protección antes que de evasión.

A carga emocional do relato susténtase en boa medida na capacidade evocadora dun debuxo que combina orixinalidade e forza simbólica. Corpos planos, perfís xeométricos, composicións tan brillantes coma funcionais, un bestiario desacougante retratado sen matices, en brancos e negros absolutos. O autor baléirase en cada liña, en cada imaxe. E aínda conserva unha miga de inocencia para ofrecer un final luminoso, esperanzado.

Entradas relacionadas
Bagdad, esplendor e caída
A lectura das ruinas

Ningún comentario: