martes, maio 24, 2011

Penny Century



A primeira das historias deste Penny Century (La Cúpula, 2011) ten coma protagonistas a dúas mulleres que soñan con seren campionas de loita libre, espectáculo que atopamos frecuentemente nas paisaxes que imaxina Jaime Hernández, e que éste retrata cunha elegancia non exenta de certo realismo. Velaí unha posible clave para explicar a complicada alquimia do autor, a súa capacidade para naturalizar e mostrar como fermoso o que a priori debería resultarnos estraño ou extravagante. Coma en obras anteriores, circulan polas páxinas deste volume, ademais das mencionadas loitadoras de wrestling, superheroínas, extraterrestres, homes con cornos, mulleres que minguan e medran..., seres estrafalarios cos que somos quen de empatizar pola mediación duns argumentos que abalan entre o folletinesco e a comedia teen. O difícil equilibrio entre o cotián e o raro está presente en toda a obra de Hernández, tamén aquí.

Coma en títulos precedentes (e posteriores), é esta unha obra de protagonismo coral, de relacións cruzadas e historias sen principio e final definidos. O personaxe de Penny Century ten unha certa preoponderancia, mais o nome do volume tampouco debe levar a engano, son as locas habituais, Maggie e Hopey, personaxes que o autor perfilou con agarimo durante anos, as que ocupan, máis outra vez, o centro do relato. E máis outra vez o autor preme as teclas que fan que as sintamos próximas, familiares, entrañables. É unha cuestión de amor, Hernández trata as súas creacións cun cariño que termina chegando ao lector. Axuda, e non pouco, o seu grafismo enganosamente sinxelo, versátil (ademais de no capítulo Vacacións de verán, o rexistro cartoon asoma aquí e acolá), elegante e candoroso. Unha peza máis da única obra (e obra única) do seu autor.

Entradas relacionadas
Locas 1
Locas 2
Locas 3
A educación de Hopey Glass

2 comentarios:

Octavio B. (señor punch) dixo...

é sinxelamente un dos mais grandes autores da banda deseñada, dono dunha maxia que ben pode ser analisada, mais qeu no acercamente virxinal, coa capacidade empática ben aberta, é donde xenera a súa potencia. ao final, pernso que velaiquí o segredo do Jaime, ese 'algo' que´so ten él, nin sequera Beto, o brother, autor que debe o seu maxisterio a solucións moito mais tanxibles, digamos (o dominio dunha colectividade no tempo, a potencia telúrica de Palomar...)

Ollo de Vidro dixo...

Está claro, a súa ollada é unica, diferente.