venres, xullo 15, 2016

Qadriños: Agustín
















En novembro de 2014 chegou un mail á miña caixa de correo. O remitente era Agustín Fernández Paz. Eu non o coñecía persoalmente, nunca o tratara aínda que si cruzara con el algunhas verbas nas redes sociais. Ademais de presentarse, Agustín facíame algunha pregunta e pedíame un pequeno favor, todo relacionado coa banda deseñada. É doado imaxinar cal foi a miña sorpresa, un dos mellores escritores galegos, un dos máis lidos e sen dúbida o máis querido, pedíndome un favor. Tentei axudarlle como puiden aínda que hoxe teño a sensación de que podería telo feito mellor. El nunca mo fixo sentir así, ao contrario, sempre se mostrou próximo e moi agradecido. Neses primeiros emails que intercambiamos empecei a descubrir a súa enorme calidade humana.

De alí a un pouco fun eu quen lle escribín a el. Aproveitándome daquel primeiro contacto e abusando da súa amabilidade, pedinlle que me deixara entrevistalo. Eu sabía que Agustín era un lector apaixonado de banda deseñada. Coñecía o seu libro Para lermos cómics, sabía que escribira crítica de banda deseñada e que por este motivo acadara o Premio Ourense nas Xornadas de BD de 1992, a primeira e única vez que se lle concedeu a un divulgador, constábame que fora precursor do traballo nas aulas co cómic como ferramenta. Todo en anos nos que o prestixio social da banda deseñada estaba moi por debaixo do recoñecemento actual. Parecíame que pagaba a pena dar a coñecer esta faceta dunha figura tan relevante das nosas letras. Accedeu, respondeu as miñas preguntas con grande amabilidade, remitiume a algún dos seus libros e mesmo tivo a xenerosidade de agasallarme cun exemplar de Os cómics nas aulas, un libro que demostra que Agustín aprendeulle a facer cómics a centos de nenas e nenos. Cunha delicadeza innecesaria, deixou caer algúns consellos sobre como debía transcribir a entrevista. Seguinos todos, non son parvo.

Agustín descubriu o cómic na súa infancia en Vilalba. Se alguén quere coñecer os detalles pode ler O cesto do Beti, texto incluído en O rastro que deixamos, unha tenra carta de amor ao medio ademais dun retrato luminoso dun mundo que xa non existe. Admiraba a Miguelanxo Prado, a Moebius, a Bilal e Christin, a Hugo Pratt, figuras esenciais para lectores da súa xeración. En máis dunha ocasión falou con emoción de Étienne Davodeau. Coñecía ben aos Cráneo, Da Silva, Seijas, Rubín, Domingo... Mais gustaba tamén de autores tan afastados do seu propio universo literario coma Alan Moore ou Garth Ennis. Era un lector entusiasta e sempre quixo transmitir ese amor pola lectura.

Non vou dicir que eu fose amigo de Agustín, non teño dereito a considerarme tal, pero si podo dicir que na miña breve relación con el tratoume co afecto e a confianza que se reserva aos amigos. Sen dúbida, o tempo poñerá no lugar que merece a súa obra literaria. Gustaríame que se gardase tamén memoria do seu amor polo cómic e da súa enorme calidade humana.

Ningún comentario: