domingo, xullo 31, 2016

Un mes, tres viñetas: Xullo 2016

Un deseño preliminar das Leñadoras por Noelle Stevenson

















4 de Xullo. Blame it on the heteropatriarcado. Sapristi anuncia que en outubro chegará Leñadoras, versión castelá de Lumberjanes, o exitoso cómic escrito por Noelle Stevenson e Grace Ellis e debuxado por Brooke Allen. Non era sen tempo! Falamos dun título que gañou dous Eisner e dun dos cómics que máis deu que falar en 2015. O que realmente sorprende é que tardara tanto ser publicada en España e que ningunha das editoriais grandes poxara polos seus dereitos. Non é o único caso, hai máis. Por exemplo, non temos noticias de que se vaia publicar entre nós o excelente Nimona da propia Stevenson, nin tampouco ningún dos recompilatorios de Hark! A vagrant, a imprescindible tira cómica de Kate Beaton, ou Bitch Planet, a provocativa nova serie en Image de Kelly Sue DeConnick, desta volta con Valentine De Landro. Disimulen se a asociación de títulos lles parece arbitraria, pero coido que xa ven por onde vou. Autoría feminina, si, pero tamén talento e moito que rillar nesas páxinas. Fáltalle valor ás editoriais? Somos os lectores tan papóns? Haberá que darlle a razón de novo a Garzón e botarlle a culpa ao heteropatriarcado?


Agustín Fernández Paz por Kiko Da Silva





















12 de Xullo. Foise Agustín. Morreu un gran escritor e morreu tamén un mestre que na súa longa vida nas aulas aprendeu a centos de rapaces a facer banda deseñada. Se precisan probas bótenlle un ollo a Os cómics nas aulas, un libro que recolle as ideas de Agustín sobre as posibilidades educativas dos cadriños e que aparece ilustrado con ducias de cómics elaborados polos seus estudantes. Os pes de imaxe descóbrennos a un Agustín nunha faceta apenas coñecida, a de educador: analítico, minucioso, esixente, avalía as producións dos rapaces cunha frialdade que sorprende nun home da súa coñecida bonhomía. De entre todos os vicios, o que critica con máis dureza é a imitación mimética de modelos por parte dos nenos e nenas. Diríase que para el, non había maior pecado nun cativo que a falta de creatividade. Todas as actividades de aula que contén o libro son iso, un convite á expresión persoal, á creación. Pois xa está, Agustín foise. Poucas bromas.

Inicio do comunicado de despedida da web Entrecomics














19 de Xullo. Entrecomics anuncia a súa disolución pero non entrega as armas. Na miña mocidade, nos duros anos 80, os problemas que esixían unha solución violenta dirimíanse quedando a tal hora no campo do Pombo, chamado así polo seu propietario, un tipo pouco dialogante que ás veces comparecía no lugar de autos e procedía, caxato en man, ao despexo de aloitadores e futbolistas amateurs. Co cambio de século, a violencia trasladouse ao plano simbólico e cando a xente de cómic queriamos currarnos a propósito da "novela gráfica" ou calquera outro asunto controversial, quedabamos en webs coma Entrecomics e faciamos da zona de comentarios un asfixiante campo de batalla. Coido que non me engano se digo que nesa dialéctica violenta e substitutiva da guerra algúns aprendimos moito (de cómic e tamén de retórica). Tamén nos propios contidos dunha páxina que axiña comezou a sobrevoar o nivel medio dos blogs e webs dedicadas ao cómic ata converterse, por dereito propio, nun referente do medio. Coincidindo co seu décimo aniversario, Entrecomics anuncia o seu peche. A súa desaparición confirma o final dun modelo, o dos blogs e páxinas amateurs, baseado no voluntarismo e no sacrificio pola causa dos seus promotores, que foi extremadamente útil durante uns anos pero que ademais de resultar insostible perdeu xa a súa razón de ser. Parece haber consenso en que o novo paradigma pasa pola profesionalización. Agora só falta facelo posible.

Ningún comentario: