domingo, xullo 03, 2016

Un gusano en la fruta

























As novelas de Don Camilo facían dunha pequena vila na ribeira do Po o escenario no que se representaba a confrontación entre dúas cosmovisións aparentemente irreconciliables, a do comunismo que personificaba o alcalde e a do humanismo cristiano (diriamos conservador) que defendía o sacerdote. Digo "aparentemente irreconciliables" porque as historias escritas por Giovannino Guareschi estaban precisamente orientadas a demostrar o contrario, que a distancia ideolóxica podía ser salvada se os contendentes eran quen de situar a paz social por riba das súas diferenzas políticas. Nos relatos doutro célebre sacerdote literario, o Padre Brown, as pequenas comunidades rurais representaban unha orde social non conflitiva na que o crime irrompía coma unha violencia anómala. Na mellor tradición do relato detectivesco, o personaxe creado por Chesterton empregaba o seu coñecemento espiritual e filosófico para desbotar calquera explicación sobrenatural dos feitos e restaurar a convivencia extirpando o criminal. Malia seren moi diferentes, estas dúas sagas literarias ofrecen unha mesma imaxe do rural coma teatro do mundo no que se ventilan asuntos cuxa relevancia vai sempre máis aló do que superficialmente se lle presenta ao lector, ao tempo que concedían ao sacerdote unha posición de autoridade non só moral senón mesmo cívica.

Con Un gusano en la fruta (Norma, 2016) Pascal Rabaté sitúase nesta tradición narrativa, tomando coma protagonista a un sacerdote principiante que chega ao seu primeiro destino, a parroquia de Restigné, preto do río Loira. Rabaté describe un tránsito, o do mozo que deixa atrás os espazos nos que estaba sometido a tutela (a familia, o seminario) e se abre ao mundo por vez primeira como persoa adulta. En contraste co bucolismo con que Guareschi  e Chesterton retrataban as pequenas comunidades rurais, o mozo Pierre atopa un complicado nobelo de relacións sociais no que as retesías persoais se mesturan con conflitos de clase. De novo, a súa condición de relixioso situarao na posición de referente moral, abocándoo a mediar nas disputas entre os veciños malia a súa inexperiencia e o seu descoñecemento do terreo. A ollada de Rabaté peca dunha severidade que non atopamos nos seus precedentes. Nin o sacerdote está investido da autoridade que se lle supón nin os seus fregueses están dispostos a deixarse conducir con facilidade. O autor francés reconstrúe unha longa tradición narrativa mais reflicte a perspectiva desencantada do final do século XX.

A estrutura argumental, as difusas referencias ou a nitidez da súa mensaxe fan de Un gusano en la fruta un relato máis convencional que a maioría da produción posterior do seu autor. Mesmo o debuxo, magnífico, amosa a versión máis académica dun Rabaté que nos anos seguintes liberaría o seu trazo acadando un grao de expresividade claramente superior. O título foi publicado en 1997 e precedeu ao primeiro tomo de Ibicus, no que o autor sobordaría os seus propios límites e se reivindicaría como unha das voces máis singulares da banda deseñada europea. Dito iso, estamos perante un traballo dunha solidez e autenticidade indiscutibles, un magnífico libro que transcorridos vinte anos mantén todos os seus valores intactos.

Ningún comentario: