A nova proposta de Brian K. Vaughan recupera o espírito do cinema xuvenil dos anos 80.
Entre 2013 e 2015, Brian K. Vaughan autoeditou en formato dixital The Private Eye, un relato de ciencia ficción que calquera lector podía descargar da rede pagando o prezo que considerase xusto ou mesmo de balde. Un dos atractivos desta obra, un dos mellores traballos do escritor norteamericano, era a vistosa representación por parte do debuxante Marcos Martín e a colorista Muntsa Vicente do entorno futurista (ano 2076) no que transcorría a acción. Sen embargo, un xiro argumental habilmente situado na cerna do relato permitía identificar o conxunto da trama como unha elíptica alusión ao noso presente e, máis concretamente, á irremediable transformación que supuxo para as nosas vidas a irrupción de Internet. Paper Girls, a nova serie dun Vaughan de volta ao cómic impreso, inverte este esquema. Enfaticamente ambientada a finais dos anos 80 do pasado século, a serie mira cara o tempo actual a través dun argumento que inclúe viaxes no tempo. Se en The Private Eye un móbil era un obxecto vintage, en Paper Girls un microprocesador Apple é un trebello futurista.
Vaughan é un autor cunha extensa carreira que inclúe traballos para Marvel e DC, series da súa creación para Vertigo ou Image e a participación en proxectos televisivos como Lost ou Under the dome. O éxito de títulos como Y the last man ou Saga confírmano como un dos escritores que mellor interpreta o cómic comercial non superheroico, grazas en boa medida ao seu dominio dos recursos propios das producións seriais. O que levamos visto de Paper Girls non supón unha excepción. As protagonistas, catro adolescentes repartidoras de xornais, asisten a unha serie de acontecementos que transformarán a súa vida nun argumento de ciencia ficción: a aparición de figuras encapuchadas no barrio, o achado dunha máquina futurista no soto dunha vivenda, a desaparición dos habitantes da veciñanza. A partires de aí, o relato discorre con axilidade, ben engraxado por un enxeñoso uso dos diálogos, pola sabia administración de sorpresas argumentais e por un uso intelixente dos finais en suspense.
Paper Girls non semella ter máis pretensións que a de ser un entretemento de calidade para un público maioritario, un produto equiparable á vaga de series de televisión que veñen acaparando a atención dos medios nos últimos tempos. De feito, non resulta difícil atopar coincidencias entre esta cabeceira e Stranger Things, un dos éxitos da campaña televisiva do ano pasado. Ambas producións partillan un espírito de aventura xuvenil tinxido de elementos de ciencia ficción que ten como referentes películas como E.T. (1982), Explorers (1985) ou The Goonies (1985), e representan paradigmaticamente a tendencia actual a recuperar os anos 80 do pasado século como escenario chic para as ficcións de masas. Lonxe de pretender ofrecer un retrato fiel daquela década, os dous produtos restauran un imaxinario cheo de fetiches visuais (bicis BMX, walkie-talkies, posters de películas, camisetas de grupos musicais...) que se lle presentan ao lector como obxectos pracenteiros en si mesmos. Malia a clara explotación deste factor nostálxico, a transparencia argumental da serie faina apta para calquera lector, mesmo para un lector xuvenil incapaz de identificar o collage referencial.
O debuxo Cliff Chiang serve eficazmente á vocación maioritaria do título. As páxinas de Paper Girls revelan a un narrador conciso e hábil na caracterización, de estilo persoal pero facilmente dixerible por calquera lector. As cores de Matt Wilson aportan un chisco de liserxia sen restarlle dozura. Polo de agora, o equipo creativo está sendo quen de manter o interese da serie, mais non é a primeira vez que Vaughan estraga unha boa premisa por prolongala en exceso. O tempo dirá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario