O historietista belga Pierre Seron é coñecido sobre todo por ser o creador de Les petits hommes, unha serie cun longo percorrido no mercado francófono (45 álbums en 40 anos), pero que apenas gozou de oportunidades de edición entre nós. Nesta nova anotación en Qadriños refírome á breve andaina editorial en galego de Os Centauriños, outra serie do mesmo autor da que Xerais publicou tres álbums a principios dos 90.
martes, xuño 11, 2013
Qadriños: Marcinelle en galego, Os Centauriños
O historietista belga Pierre Seron é coñecido sobre todo por ser o creador de Les petits hommes, unha serie cun longo percorrido no mercado francófono (45 álbums en 40 anos), pero que apenas gozou de oportunidades de edición entre nós. Nesta nova anotación en Qadriños refírome á breve andaina editorial en galego de Os Centauriños, outra serie do mesmo autor da que Xerais publicou tres álbums a principios dos 90.
luns, xuño 03, 2013
Dúas obras de referencia
Palestina e Gorazde, zona segura
O xornalista e
debuxante norteamericano Joe Sacco viaxou a Palestina no inverno de 1991, cando
a Primeira Intifada entraba no seu tramo final. En apenas dous meses de
estadía, Sacco percorreu diferentes vilas e cidades da zona, recollendo
numerosos testemuños dos seus habitantes, principalmente entre os palestinos.
De volta a Estados Unidos, relataría a súa experiencia nos nove cadernos que conformaron
a serie Palestina, posteriormente compilados nun tomo único que axiña
resultaría acredor de distincións diversas e dun recoñecemento crítico unánime.
A metade de camiño
entre a crónica xornalística e o caderno de viaxe, en Palestina atopamos
unha instantánea do estado da confrontación entre palestinos e israelís a
principios dos anos 90. Sacco foi quen de construír un denso macrotexto no que
as súas experiencias na zona se mesturan con testemuños de cidadáns e datos
históricos. Malia valerse de ferramentas xornalísticas, o propósito do autor
non semella ser o de ofrecer unha visión global do conflito, senón o de
expresar a súa percepción persoal ao respecto. No canto de aspirar a unha
complicada neutralidade, Sacco opta polo compromiso, advertindo da desigual
relación de forzas entre os dous bandos en conflito e denunciando os repetidos
abusos dos colonos fronte os palestinos. O seu discurso é parcial, mais tamén
honesto, e non renuncia a expoñer as zonas escuras da posición palestina, o
fanatismo, a violencia ou a contraditoria situación na que se atopan as
mulleres máis activas politicamente.
No que atinxe ao
aspecto gráfico, o debuxo de Sacco denota unha clara influenza do underground
norteamericano. De trazo groso e con tendencia á deformación expresionista,
o seu estilo vai suavizándose a medida que o relato avanza, evolucionando cara
un acabado máis realista e asumindo fórmulas narrativas cada vez máis
convencionais.
Para comprender o
impacto que supuxo a publicación orixinal de Palestina hai que decatarse
de que o desafío que contiña era dobre: por unha banda, a súa visión do
conflito contradicía a tradicional simpatía da opinión pública estadounidense
cara o bando xudeu. Por outra, o feito de Sacco recorrer ao cómic para levar a
cabo un proxecto destas características puña en cuestión os límites implícitos
do medio, esnaquizando ideas preconcibidas acerca da capacidade da banda
deseñada para ir máis aló das formas e
contidos que tradicionalmente se lle asignaban como propios.
Uns anos máis tarde,
Sacco repetiría a fórmula con Gorazde, zona segura, obra centrada no
conflito dos Balcáns e no que se expón cómo a vila de Gorazde, especialmente
vulnerable pola súa ubicación e a súa escasa relevancia política e económica,
pasou de ser un lugar onde serbios e bosnios de distintos credos convivían
pacificamente, a converterse no escenario dunha guerra entre veciños. Sacco
nútrese de testemuños de cidadáns bosnios para ofrecer un retrato estarrecedor
dos horrores da guerra, ao tempo que expón algunhas claves da complexa historia
de Iugoslavia imprescindibles para comprender o estoupido bélico dos anos 90. A alusión do título ao
estatus de protección que a ONU lle asignou a zona é a única concesión á ironía
que atopamos en toda a obra, que pode lerse tamén como unha contundente
denuncia da ineficacia das Nacións Unidas e da diplomacia internacional para
deter unha matanza que estaba a ter lugar no seo da civilizada Europa.
A publicación de Palestina
e Gorazde, zona segura en versión galega por parte de Rinoceronte
Editora achéganos dúas obras de referencia do cómic de autor, ademais de dous
títulos fundamentais para comprender a evolución recente do medio. É unha
ledicia poder ler na excelente tradución de Rafael Salgueiro uns traballos que,
despois de dúas décadas, conservan toda a súa contundencia e que veñen a
sumarse ao feixe de títulos esenciais da banda deseñada vertidos ao galego pola
editorial canguesa. Con estas dúas obras fica completo o plan inicial da
colección de Novela Gráfica, sen que ata a data se anunciaran novos títulos.
Agardamos que axiña haxa máis.
venres, maio 17, 2013
A banda dos postizos

David B. e Hervé Tanquerelle recrean en A banda dos postizos (Norma, 2013) a traxectoria dun grupo de atracadores que, nos anos 80, levaron a cabo máis de vinte asaltos a entidades bancarias en Francia. Sorprende que B., un autor que, especialmente nos seus primeiros tempos, teimou en arredarse dos xéneros e formatos consolidados na BD francófona e que dotou sempre dun marcado acento persoal a toda a súa produción, opte agora por un traballo que poderiamos etiquetar coma un thriller de acción baseado en feitos reais. Sorprende, aínda que relativamente. Hai xa tempo que algúns dos autores que, coma el, contribuíron a transformar o panorama da BD francesa a partir dos anos 90, veñen asinando traballos máis facilmente asimilables á produción tradicional do tebeo franco-belga e do cómic comercial internacional. Probablemente non se trate dunha claudicación senón máis ben do contrario. Se a capacidade do medio para trascender os formatos e temas clásicos está a día de hoxe sobradamente demostrada, non hai motivo para non achegarse aos parámetros tradicionais, especialmente se, coma é o caso, iso non implica renunciar ás propias claves autorais.
A banda dos postizos non pretende ser un relato veraz. Segundo recoñecen os propios autores, os feitos reais nos que se inspiraron constitúen un punto de partida do que a trama se vai arredando de forma deliberada. Entre verdade narrativa á exactitude histórica David B. optou polo primeiro, poñendo especial coidado na construción da personalidade dos personaxes protagonistas. É nesa intensa ollada cara o interior dos membros da banda onde resulta máis recoñecible a súa pegada. Cada un polos seus propios motivos, os personaxes revélanse coma seres inadaptados, incapaces de encaixar nun estilo de vida común, para os cales a delincuencia é de feito a única alternativa. A drogadicción, o desequilibrio psicolóxico, a exclusión social ou a falta de alternativas de integración converten aos protagonistas en personaxes extremos, incapaces de retirarse da actividade delitiva aínda cando poderían facelo. Agradécese tanto a falta de compracencia do seu retrato, que en todo momento elude ofrecer unha visión romántica ou edulcorada da actividade da banda, coma a inexistencia dun discurso xustificador.
Pola súa banda, Tanquerelle amósase coma un artista versátil, adoptando un rexistro gráfico máis realista do que atopamos noutros traballos da súa autoría. A coidadosa reprodución de paisaxes parisinas, especialmente do barrio de Belleville, no que transcorre parte da acción, e tamén de roupas e vehículos da época, aportan realismo e verosimilitude á ambientación oitenteira do relato. A súa é unha narrativa experta, eficaz na descrición dos lances de acción, mais tamén na caracterización gráfica dos protagonistas.
Malia carecer da orixinalidade e do desafío ao lector que atopamos noutras obras de David B., A banda dos postizos consegue ser un sólido relato de acción no que se albisca ademais o intenso retrato dunha época, uns anos 80 que xa non son tempos novos, pero que seguen a percibirse hoxe coma tempos salvaxes.
mércores, maio 08, 2013
Lóstregos de Brest!
Xa pode lerse en culturagalega.org a primeira das dúas "paisaxes" que dedicarei á Bretaña francesa. Nela falo de Brest, fermosa cidade portuaria que estaba sempre en boca do capitán Haddock, e que foi representada en todo o seu esplendor por artistas como Jacques Tardi ou Patrice Pellerin. Despois da Segunda Guerra Mundial, que a deixaría destruída, viría a reconstrucción, período que sería certeiramente retratado por Etienne Davodeau. Pasen e lean, Lóstregos de Brest!
luns, maio 06, 2013
Mudman 1
Soterrada pola morea de títulos publicados con ocasión do Saló del Cómic de Barcelona atopamos Mudman (Aleta, 2013), primeira entrega da nova serie de Paul Grist para Image, na que o autor británico retorna ao xénero dos superheroes, do que xa ofrecera únha peculiar versión en Jack Staff. Este primeiro volume contén os cinco primeiros números da cabeceira, na que Grist recicla conceptos típicos dos tebeos protagonizados por superheroes adolescentes, un subxénero dentro da narrativa de heroes enmascarados cuxa figura paradigmática sería Spiderman pero que conta con outros referentes clásicos coma os New Teen Titans de Wolfman e Pérez ou os Novos Mutantes de Chris Claremont. Aínda que sen citas nen referencias explícitas, Grist asume toda esta bagaxe, incorporando ao seu título a maioría dos tópicos desta caste de relato. Seguindo un esquema ben coñecido, a adquisición de superpoderes por parte do protagonista, Owen Craig, acentúa as inseguridades propias da súa condición adolescente. A aparición de capacidades que non domina lévao a sentirse diferente e incomprendido, máis aínda no medio no que se atopa, a escola (unha escola británica, no canto do clásico High School norteamericano), que se ergue coma o espazo institucionalizado no que o protagonista non consegue encaixar. Tamén o seu contorno emocional se verá trastocado, ao interferir a súa nova condición nas súas relacións familiares, de amizade e sentimentais. O proceso de aprendizaxe que o levará a dominar as súas novas habelencias será o rito de paso que o conducirá tamén á vida adulta.
Orabén, por se a denominación da cabeceira non resulta abondo explícita, os concretos poderes que adquire o protagonista (que se converte, basicamente, nun home de lama) despexan calquera dúbida respecto da lixeireza do enfoque adoptado por Grist. As súas pretensións neste novo traballo non semellan ir máis aló de ofrecer ao lector un sinxelo divertimento, no que a condición referencial e autoconsciente do relato é apenas un matiz. O seu é un achegamento irónico, predominantemente humorístico, por momentos próximo á parodia, pero sobre todo, simple e lineal. Neste senso, a cabeceira revélase coma claramente distinta de Jack Staff, obra tamén superheroica, referencial e irónica, pero dunha complexidade maior. A través dela, Grist ofrecía unha persoal síntese de dúas tradicións historietísticas protagonizadas por seres superpoderosos: os cómics Marvel (a propia serie xurdía dun proxecto fallido sobre Union Jack e polas súas páxinas circulaban versións máis ou menos recoñecibles de personaxes da Casa das Ideas) e os cómics británicos de superheroes, fantasía e ciencia ficción. En contraste, Mudman é unha obra menos intertextual, de propósitos máis modestos e cun desenvolvemento máis convencional que, malia conservar Grist todas as súas virtudes como narrador, dá lugar a un grafismo tamén máis simple. O conxunto é un traballo correcto e sen pretensións, destinado a ocupar unha posición secundaria dentro da produción do seu autor.
domingo, maio 05, 2013
Supercómic. Mutacións da Novela Gráfica contemporánea
Tanto no seu blogue coma no texto introdutorio de Supercómic. Mutacións da Novela Gráfica contemporánea (Errata Naturae, 2013), Santiago García deixa claro que o propósito desta obra colectiva non é o de ofrecer unha visión global, comprensiva e sistemática da banda deseñada e a súa historia, senón unha perspectiva fragmentaria e actual, cualificada polo seu interese e a personalidade dos autores dos textos que compoñen a obra. O destinatario natural da mesma non sería tanto o lector especializado canto o consumidor ocasional, ao que se lle ofrecería a oportunidade de ampliar a súa visión do medio ao tempo que se lle facilitaría un catálogo de títulos que poderían ser do seu interese. Para dar corpo a esta idea, García elixiu a un grupo de autores perfil e traxectorias ben diversas que, en foto de grupo, conseguen ofrecer unha visión persoal e suxestiva da actualidade do medio. Non parece casual que canda críticos e divulgadores xenuinamente ligados ao cómic atopemos outras voces, as de historietistas ou escritores e críticos doutros campos, co cal entendemos que se pretende ofrecer unha visión plural e diversa, que non emana exclusivamente do propio medio.
O primeiro texto corresponde a Eddie Campbell, autor dunha
obra historietística singular e dificilmente clasificable que, ademais, se ten revelado
coma un lúcido analista do medio. O seu ensaio está centrado no cómic
autobiográfico, unha das tendencias recentes máis relevantes e que el mesmo
practicou atinadamente en traballos como Alec
ou O
destino do artista. Campbell acomete
un comedido achegamento a algúns dos títulos máis relevantes da devandita
tendencia sendo, se cadra pola súa orixe británica, é un dos autores que máis
disciplinadamente se cingue á premisa do libro, preferindo resultar accesible a
ser exhaustivo. É probable que o lector afeito aos seus textos bote en falta o
afiado sentido crítico do que fai gala habitualmente, o que non impide apreciar
o interese do seu artigo.
A seguir atopamos o texto no que Ana Merino se ocupa da
centralidade da figura feminina na obra dos irmáns Gilbert e Jaime Hernández,
cuestión que podería dar pe un estudo máis extenso e detallado do que permite
esta obra. Aínda aceptando que a experiencia persoal da ensaísta pode ser un
punto de partida válido para o seu achegamento, coido que a apelación repetida
ás súas vivencias con respecto aos Bros e a súa obra termina por cangar o texto,
restándolle profundidade e capacidade analítica.
O seguinte artigo corre a cargo de David M. Ball, profesor do
Dickinson College que se achega a unha figura tan esencial para comprender o
presente do cómic coma Chris Ware.
Nun coidado estudo, Ball analiza a
relación entre a representación recorrente do fracaso na obra de Ware e a batalla pola respectabilidade
do medio, na que a ollada paródica do autor parece xogar unha posición
ambivalente ou ambigua. Confeso que, durante a lectura deste texto, o meu
sentido arácnido toleaba cada vez que atopaba unha mención á homologación ou
integración da BD coa literatura como sinónimo do seu recoñecemento cultural, o
cal non me impide identificar este texto coma un dos máis profundos e rigorosos
de cantos compoñen o volume.

O texto de Raul Minchinela é, dende a súa
premisa, un dos máis orixinais e vivaces de todo o libro. Tomando como punto de
partida unha
viñeta de Vázquez
na que interactúan varios personaxes da editorial Bruguera e que sería
claramente inspiradora do 13
Rue del Percebe de Ibáñez,
Minchinela refírese aos vasos
comunicantes entre universos de ficción, dende a representación colectiva de
personaxes que comparten un mesmo medio ambiente editorial (sería o caso da
viñeta mencionada e tamén de fenómenos xenuinamente superheroicos coma os crossovers, os team-ups, os personaxes convidados, os conceptos de continuidade e de
Universo editorial compartido), ata os choques de universos editoriais (Marvel
e DC) ou a promiscuidade entre universos de ficción (os contos infantís de
autoría e procedencia diversas en Fábulas
de Bill Willingham), pero tamén
cruzamentos de medios (a literatura, o cinema, a televisión e a propia BD en A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios de
Moore e O’Neill) ou temporais (Inside
Moebius, Lost Girls...). Aínda
que probablemente resulte pouco útil coma catálogo para neófitos, o artigo
destaca pola súa singularidade, sendo un deses casos nos que é a peculiar ollada
do autor o que dá forma a un magma de referencias que, doutro xeito, podería
parecer caótico.
Pola súa banda, o texto de Daniel Ausente presenta o cómic como
testemuña do cambio social en España, dende a escola Bruguera ata Fagocitosis e a restante obra de Marcos Prior. A relevancia que este
artigo e o anterior conceden aos autores que publicaron na editorial Bruguera
dende a posguerra ata os anos 80 revela non só que aqueles cómics resultaron
claves na formación de varias xeracións de lectores, senón tamén que, malia ter
sido obxecto xa de estudos, monografías e mesmo recreacións haxiográficas coma El invierno del dibujante, é probable
que a entidade do seu legado non teña sido posta en valor aínda como merece. Polo
demais, o artigo de Ausente analiza
como o cómic foi evolucionando consonte a sociedade española ía atravesando
diferentes etapas políticas e sociais, ofrecendo apuntamentos sobre o
movementos tan dispares coma o tebeo satírico da transición, a liña chunga e o
underground cañí dos anos 80, as tendencias do cambio de século, o cómic de
autor máis recente ademais de, como sinalabamos, os tebeos de Bruguera coma
gran caldo primordial.
O traballo conxunto de Max e Mireia
Pérez marca un interesante interludio no conxunto do volume, ao situar no
centro do escenario a aquel de quen se estaba a falar: o cómic. Ambos autores
desenvolven a dúas mans unha breve historieta na que reflexionan sobre o acto
creativo que está detrás do seu oficio e que debería servir en boa medida para
demostrar a potencialidade de medio. Max
representaría non só a experiencia e o prestixio, senón tamén a inquietude, a
procura de novos camiños, a evolución; Pérez
encarnaría á principiante que acada o seu primeiro
éxito e que ten por diante de si un futuro con tantas promesas coma
incerteza. O resultado é unha das maiores decepcións do libro, sendo o seu
maior interese a curiosidade de comprobar como encaixan os seus debuxos. No que
atinxe aos contidos, as reflexións que se consignan son lixeiras e tópicas,
lugares comúns da creatividade artística que a ninguén sorprendería escoitar
nun talent show, e tampouco as
metáforas visuais ás que recorren resultan excesivamente estimulantes. Non teño
dúbida de que podemos agardar máis de ambos autores.
Dificilmente podemos imaxinar un
autor máis idóneo que Eloy
Fernández Porta para descifrar a obra dun creador outsider e estraño coma Miguel
Ángel Martín. Se cadra estou trabucado, pero teño a sensación de que a
carreira do historietista leonés ten evolucionado seguindo principalmente
tensións internas e, en parte debido á súa personalidade, en parte ao carácter
multidisciplinar da súa produción, sen unha excesiva dependencia respecto das
dinámicas do mundo da banda deseñada. O estudio de Fernández Porta consegue proporcionar unha visión completa do
artista ao tempo que presenta distintos contextos que permiten explicar o seu
traballo. O autor de Afterpop mantense
fiel ás claves da súa propia escrita, torrencial ata o abafante, encadeando
vocabulario académico con latiguillos de telelixo, emparentando tótems da alta
cultura con figuras irredentas da cultura popular e cos inevitables momentos
para a cita sinestésica (“Meseta (Ciencia ficción) [obra de Marina Núñez] es un monumento que proclama la victoria del Cyborg Manifesto sobre La España invertebrada (...)”).
O resultado entusiasmará por igual aos seguidores de Martín e Fernández Porta.
O texto que Jordi Costa dedica a Shintaro Kago reúne todas as
características das que aborrecen os seus detractores (os de Costa): profusión de referencias,
barbarismos (realmente, etiquetas conceptuais que non adoitan traducirse, coma screwball comedy, giallo ou pinku eiga) e
unha proliferación arbórea de oracións requintadas que aconsellan unha lectura
demorada cando non un frecuente repaso do xa lido. Porén, o texto supón un novo
exemplo da singular ollada deste crítico sobre todo cinematográfico e da súa
capacidade para engadir significados e reinterpretar produtos culturais.
Segundo confesión explícita, Costa
pretende explicar a obra de Kago a
partir de referentes occidentais coma Kiss
me deadly de Aldrich, Blow Up de Antonioni os giallo de Argento ou mesmo fábulas relixiosas
coma o mito de Pandora ou a célebre historia da muller de Lot. Haberá quen
pense que esta cadea de referencias fala máis do crítico que do autor
analizado, algo que confirmaría o feito de seren filmes a maioría dos
referentes aludidos, pero non pode negarse que o texto de Costa, o seu método, diría eu, ten outra virtude: a de partir dunha
visión global e promiscua do mundo da cultura, no que obras e autores manteñen
relacións insospeitadas e mesmo inconscientes, relacións que é lexítimo elucidar
polo intérprete (o crítico, mais tamén o lector) na medida en que sexa quen de
demostrar a súa existencia. Fronte a contextualización obvia (a do contorno
próximo do autor e a obra, xa sexa xeográfico, cronolóxico ou o propio da
disciplina cultivada), Costa prefire
a asociación dende a distancia.
No seguinte artigo, o crítico e
editor Óscar Palmer leva a cabo
un moi selectivo repaso polo noir en
viñetas. Pártese dunha breve mención dos moitos antecedentes propios do medio
(as comic-strips, as cabeceiras
criminais dos anos 40 e 50), que darían de seu para un extenso ensaio, para
analizar producións máis recentes que sistematiza clasificándoas polo seu
parentesco: coa literatura, coas teleseries e co propio cómic. Pode resultar rechamante
a ausencia do cinema nestas filiacións, mais non deixa de tratarse dun recurso
organizativo que lle permite ao autor falar de obras coma o Parker de Darwyn Cooke, Scalped de Jason Aaron e J.M. Guéra ou a produción de Ed
Brubaker, facendo fincapé en A escena do crime e Criminal. Chama a atención que centre boa parte da súa atención no Punisher (MAX) de Garth Ennis, un produto no que o sabor noir non é precisamente o dominante, estando a súa influenza moi
mesturada con ingredientes doutros xéneros. En calquera caso, Palmer domina o campo no que se move,
sendo quen de transmitir unha visión acaída e plural do presente do xénero en
viñetas.
Pepo Pérez analiza a dimensión
política do comic-book mainstream norteamericano,
é dicir, o tebeo de superheroes. Moi centrado na obra de Frank Miller, da que Pérez
é profundo coñecedor, o texto parte dun resumo da evolución do xénero dos
superheroes dende as súas orixes para desembocar na reorientación que tivo
lugar a mediados dos 80, fenómeno este ben coñecido polos afeccionados ao medio
dada a influenza determinante de dúas obras capitais do xénero, Batman Dark Knight returns (Frank Miller) e Watchmen (Moore e Gibbons). Dirixido a un público menos
coñecedor da historia do relato de heroes enmascarados, o texto analiza esta
refundación do xénero dende unha interesante premisa: a de que un troco desta
natureza ten sempre os seus alicerces nunha transformación dos valores
culturais predominantes na sociedade de que emana. Aínda que citando Watchmen e outras obras coma Marvelman/Miracleman, a análise toma coma substancia principal os títulos
esenciais da carreira de Miller: Batman: Dark Knight returns e tamén a súa secuela, Batman: Dark Knight strikes again, obras das que se ofrece unha
intelixente lectura en termos políticos que probablemente non sorprenderá aos
afeccionados máis informados, pero si resultará esclarecedora para o perfil de
lector ao que vai dirixido este libro. A seguir, Pérez analiza polo miúdo o máis recente traballo do autor, o
propagandístico Holy Terror!. Entre
os acertos do artigo, a visión multidisciplinar que incorpora referentes
doutros medios, do cinema de vigilantes,
do xénero bélico ou de filmes recentes. Moi estimulante resulta a exposición
das semellanzas entre Dark Knight returns
e o western
El fuera de la ley (1976) de Clint Eastwood ou o paralelismo entre
Lex Luthor (Dark Knight strikes again)-Kingpin
(Daredevil: Born again)-Mr. Potter (Qué bello es vivir!); e esencial para comprender a postura do
analista é o contraste entre a visión da guerra entre EEUU e Al Qaeda que
reflicten Holy Terror e Zero Dark Thirty (2012). Para unha máis
fonda contextualización do labor de Miller
e unha mellor comprensión das súas posicións ideolóxicas actuais, Pérez válese coma termo de comparación
das crónicas xornalísticas de Joe Sacco
e de cómics hiperrealistas de inspiración superheroica, coma o traballo de Warren Ellis (The Authority, Black summer)
ou de Mark Millar (The Authority vol 2, The Ultimates). O conxunto é unha fiel
radiografía da evolución ideolóxica que reflicte a obra de Frank Miller, ademais dunha acaída exploración das posibilidades de
lectura en termos políticos das mitoloxías superheroicas.
Fernando
Castro Flórez asina o que probablemente sexa o máis denso de todos os
textos, no que enceta una cadea de reflexións sobre conceptos sociolóxicos,
antropolóxicos e de filosofía política empregando coma referentes cómics coma Watchmen, 300 ou The Ultimates, que
acompañan citas de autores coma Barthes,
Eagleton, Zizek ou Foucault. O
problema non é tanto o grao de sofisticación argumental do texto, que é alto,
canto o feito de dar por lidos os cómics que menciona, de xeito que
dificilmente resultará intelixible para un lector que careza dunha certa bagaxe
no mundo da historieta.
O volume péchase cunha completa entrevista
de Alberto García Marcos a Emmanuel Guibert na que o artista
francés expón o seu punto de vista sobre algunhas das obras máis importantes da
súa produción, explicando as súas inquietudes, as súas intencións creativas e
tamén algunhas das técnicas que emprega. No repaso da súa traxectoria, Guibert
ofrece tamén a súa visión sobre a obra de autores vinculados a el por un ou
outro motivo, coma Joann Sfar, Marjane Satrapi ou David B. Unha conversa ben conducida na que o lector atopará as
claves necesarias para achegarse á obra do autor de O fotógrafo.
Mais alén da valoración de cada unha
das pezas que a compoñen, a obra no seu conxunto merece o seu propio xuízo. Neste
senso, cómpre apreciar a singularidade da obra e a escaseza (mesmo a
inexistencia) de proxectos semellantes, polo que tanto a iniciativa de Errata Naturae, unha editorial
xeneralista cun catálogo certamente interesante, coma o perfecto labor e a
claridade de ideas de Santiago García
coma coordinador do título, merecen un recoñecemento. É obvio que a selección
dos colaboradores predetermina en boa medida os resultados e sempre haberá
lectores que queiran poñer obxeccións á lista dos elixidos, mais coido que
ninguén pode negar nin a entidade dos participantes nin a calidade dos seus
traballos. A visión persoal que está detrás das eleccións de García apórtalle uniformidade e
coherencia ao proxecto, sen que en ningún momento pule por establecer un canon.
O libro, en definitiva, suxire significados e abre debates, algo sempre
desexable. Oxalá xurdan axiña máis iniciativas semellantes.
xoves, abril 18, 2013
“Hai un público que aplaude a aparición de títulos de referencia da banda deseñada en galego”
O mercado español de banda deseñada vive tempos convulsos. Fálase de caída das tiraxes, da ineficacia do modelo de distribución, as editoras saldan os seus fondos para obter liquidez, moitas librarías especializadas pecharon... É rendible editar BD en galego?
Analizando os catro primeiros títulos editados, vemos que custa moito rendibilizalos, aínda que depende do título. Cremos que estas dificultades non son exclusivas da BD, senón que afectan a todo o mundo da edición, que sempre sufriu dun baixo índice de lectura, agudizado coa situación de crise. En calquera caso, editamos conforme a unha idea, a un modelo de edición e de país que desexamos promover.
Co gallo da publicación por parte de Rinoceronte Editora de Gorazde, zona segura e Palestina, dúas das obras máis recoñecidas de Joe Sacco, entrevistei para Praza Pública a Anxa Correa, responsable da área de banda deseñada da editorial canguesa. Nela, ademais de comentar estas novidades editoriais, fai balance da colección de Novela Gráfica cando van cumprirse dous anos dende a aparición dos primeiros títulos. A entrevista completa, aquí.
Analizando os catro primeiros títulos editados, vemos que custa moito rendibilizalos, aínda que depende do título. Cremos que estas dificultades non son exclusivas da BD, senón que afectan a todo o mundo da edición, que sempre sufriu dun baixo índice de lectura, agudizado coa situación de crise. En calquera caso, editamos conforme a unha idea, a un modelo de edición e de país que desexamos promover.
Co gallo da publicación por parte de Rinoceronte Editora de Gorazde, zona segura e Palestina, dúas das obras máis recoñecidas de Joe Sacco, entrevistei para Praza Pública a Anxa Correa, responsable da área de banda deseñada da editorial canguesa. Nela, ademais de comentar estas novidades editoriais, fai balance da colección de Novela Gráfica cando van cumprirse dous anos dende a aparición dos primeiros títulos. A entrevista completa, aquí.
sábado, abril 13, 2013
Goliat
Tom Gauld ofrece en Goliat (Sins entido e Apa-Apa, 2012) unha nova perspectiva sobre o relato bíblico de David e Goliat. Un recurso tan simple coma a inversión do punto de vista permítelle verter unha ollada renovada sobre un mito avellentado, practicamente esgotado na súa versión canónica. Adoptando a perspectiva do xigante, Gauld concédelle voz a aquel a quen sempre se lle negou, lembrándonos que de toda historia poden darse varias versións. O tradicional protagonista do mito, o futuro rei David, queda relegado a un segundo plano e a frialdade con que se nos presenta o seu proceder resulta unha esmagadora impugnación da súa figura. Escrito coma unha fábula inocente, o relato encerra un sutil discurso de indiscutible forza desmitificadora.
Imposible referirse a esta obra sen mencionar a súa extrema simplicidade. Simplicidade moi evidente no gráfico, dada a austeridade do debuxo: plano, de formas sinxelas e perspectivas elementais, sobrio nos fondos e coloreado a dous tons. Tamén no literario, dada a cobiza con que se administra a palabra. E finalmente, simple tamén no narrativo, cun argumento lineal e minimalista, de ritmo pausado e exento de efectismos. A frugalidade dos recursos gráficos empregados por Gauld érguese ademais coma unha provocación (probablemente non deliberada) para todos aqueles que non son quen de sobrepoñerse á súa brutal sinxeleza e apreciar as súas outras moitas virtudes.
xoves, abril 11, 2013
Viñetas negras
Manolo López Poy e Miguel Fernández déronse a coñecer con Mamed Casanova, o fillo da furia (Demo, 2010), álbum que recreaba as vivencias do bandido Toribio, figura lendaria do bandoleirismo galego, e que gozou dun notable éxito, esgotando a primeira edición e contando xa con versión en castelán. Os mesmos autores regresan agora con Os días do cometa (Demo, 2013), un relato policial ambientado na Galicia dos anos 80. O cambio de escenario (da Galicia de principios do século XX á da segunda lexislatura autonómica), e tamén e sobre todo de xénero narrativo (dunha narración histórica e de matriz documental a un relato de ficción pura e xénero negro), evidenciarían unha vontade por parte dos autores de tomar distancia respecto ao traballo previo e abrir un novo camiño para a súa obra conxunta. Sen embargo, hai tamén unha serie de claves autorais que se repiten nos dous títulos e que permiten establecer unha continuidade entre ambos.
A imaxe, nas primeiras páxinas, do cometa Halley no ceo de Galicia preséntase coma un sinal que agoira os sucesos tráxicos que van acontecer, mais tamén permite que contextualicemos exactamente o tempo no que transcorre o relato, o ano 1986. Non é esta unha cuestión sobre a cal os autores desexen manter a menor ambigüidade, deslizando sucesivas pistas que confirman a data: as primeiras tractoradas e manifestacións contra a cota láctea, o inminente referendo da OTAN, o segundo mandato de Fernández Albor á fronte da Xunta... López Poy e Fernández remítense a un tempo no que aínda non tiveran lugar as grandes operacións antidroga en Galicia e as mafias de narcotraficantes operaban a pleno rendemento para explorar a relación que manteñen os cinco personaxes protagonistas, catro amigos de infancia e unha muller que coñeceron na mocidade. Os conflitos de lealdades e as xenreiras soterradas mestúranse coa implicación de todos eles, de forma directa ou indirecta, en actividades de narcotráfico, o que propiciará o rexurdir de vellas querelas e desencadeará unha espiral de violencia da que ningún sairá totalmente indemne. Consonte o tópico do xénero negro, os protagonistas son incapaces de actuar con racionalidade e manter o control da situación, véndose superados polas súas paixóns e sendo eles finalmente dominados polos acontecementos. A canción de Roberto Carlos Un millón de amigos a soar na radio dun coche subliña ironicamente que, por riba da entidade criminal dos feitos narrados, a cuestión central do relato é a malograda relación de amizade entre os protagonistas.
López Poy deseña un relato repleto de acción e dunha dureza descarnada, o que, sumado ao constante cambio de escenario e os abundantes saltos temporais, fai da obra unha lectura esixente. Esencial para a creación de atmosferas e a transmisión de sensacións resulta o debuxo dun Miguel Fernández que recunca nas claves do seu traballo previo, aínda que con certos matices. Mantén o trazo ríspeto e un acabado sucio que encaixa perfectamente co ton do relato, aínda que a escuridade das páxinas é menor que en Mamed Casanova, obra marcada no formal polo predominio de fondos negros. A personalidade dos deseños, especialmente das caracterizacións faciais, e a súa fluída narrativa revelan a un autor maduro e cun estilo ben definido, malia a súa curta experiencia no eido da BD.
López Poy e Fernández asinan, xa que logo, un traballo sobrio e con poucas fendas, que pode lerse coma un relato de acción mais tamén permite un interesante achegamento aos anos máis duros do narcotráfico en Galicia. A sintonía entre escritor e debuxante resulta fundamental para a solidez do seu traballo conxunto e vén a confirmar as boas expectativas que xerara o seu traballo previo.
mércores, marzo 27, 2013
Qadriños: A conspiración VERDE
Nova entrada en Qadriños comentando o novo artefacto de Autsaider cómics, unha caste de Cubo Cósmico en versión VERDE de contido deliberadamente estraño. Qadriños: A conspiración VERDE.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










