luns, abril 06, 2009

Tomorrow Stories 1



Alan Moore non pecaba de arrogancia cando bautizou a súa liña de cómic comercial como America’s Best Comics. Analizadas a unha década do seu nacemento, as cabeceiras que conformaron a liña amósanse como a demostración de que pode facerse un cómic popular e de baixas pretensións mantendo un acabado formal irreprochable, unha calidade argumental máis que aceptable e un elegante respeto polo lector. Máis dun editor das grandes casas norteamericanas debería arroibarse ante esta evidencia: un único escritor foi quen de manter en marcha un tinglado coma a liña ABC cun alto nivel de coherencia nas series e sen apenas problemas de periodicidade. Iso sin entrar en comparacións verbo da calidade do produto.

Unha das apostas máis arriscadas da liña ABC foi a cabeceira Tomorrow stories, na que Moore optaba, ao xeito das revistas satíricas, polo humor, a parodia e a revisión irónica dalgúns lugares comúns do cómic norteamericano. E digo que a opción era arriscada porque, ao contrario do que acontecía con outras series da mesma liña, o produto carecía dun equivalente claro no mercado en que irrumpiu, se exceptuamos revistas dun perfil tan peculiar coma MAD. Non é de estrañar, xa que logo, que a cabeceira tivese unha curta vida de apenas 12 números que abondaron para que o de Northampton demostrase, máis outra vez, o seu enorme talento.

Publícase agora un tomo (Norma, 2009) que compila os seis primeiros números da cabeceira e que permite calibrar a competencia de Moore nun eido tan pouco glamoroso coma o do humor. Cada un dos seriais é un recital de enxeño por parte dun Moore que non dá tregua e que, lonxe de limitarse ao xogo das chiscadelas e do cruce referencial, constrúe as súas historias a partir de ocorrencias antolóxicas e baixo formas narrativas máis complexas do que cabería esperar nunha obra aparentemente concebida coma mero divertimento. Pero non esquezamos que esa experimentación formal estaba xa presente nalgúns productos que conforman o sustrato desta serie, nomeadamente as historias de xénero da EC, que foron laboratorio de prácticas para clásicos da historieta coma Harvey Kurtzman, Joe Orlando ou Wally Wood.

Tomorrow stories participa ademáis do que foi un dos grandes acertos da liña ABC no seu conxunto: a axeitada escolla dos debuxantes. Efectivamente, tanto se o debuxante determinou o ton de cada serial coma se foi éste o que se viu condicionado polo artista, o certo é que o resultado parece sempre froito dunha sinerxia que suma máis que as partes por separado. E así, as aventuras inxenuamente “picantes” de Cobweb resultan tan inseparables do trazo de Melinda Gebbie coma o sótaque pulp de Greyshirt do debuxo arcaizante de Rick Veitch; Jim Baikie interpreta á perfección o convencionalismo gráfico superheroico en First American ao tempo que os retrincos de Jack B. Quick veñen peneirados pola pulcritude formal de Kevin Knowlan. Máis adiante xurdirá Hillary Barta para dar unha ambientación canónicamente cartoon ao seu Splash Brannigan. Demasiados argumentos a favor dunha obra vocacionalmente menor que vén a demostrar que non existen xéneros pequenos; é o talento dos creadores o que determina o seu tamaño.

Entradas relacionadas – Alan Moore

4 comentarios:

Octavio B. (señor punch) dixo...

concluido o colosal Lost Girls teño la recámara o Fourty Niners (estas Tomorrow Stories dende logo non as teño como prioridade ainda).
Teño gañas dun Moore "lixeiro". E quén sabe se escomenzo a compra de Promethea, quizáis o tebeo comercial mais persoal de Moore trala "cosa pantanosa" (e que teño en grapa, polo que fódeme facelo, pero de completala, unifico formatos e repito cos dous primeiros tomos)

Ollo de Vidro dixo...

A min Forty niners gustoume moito, pareceume unha dignísima continuación (retro-continuación) de Top10.

refemdabd dixo...

Muito boa a linha do Moore. Vê também Tom Strong. As Tomorrow Stories vem na linha da já há muito desaparecida editora EC, mas muito mais actualizada e com um toque especial do mestre Moore.

Ollo de Vidro dixo...

Tom Strong estaba nos meus propósitos lectores para este ano. E si, a débeda das Tomorrow Stories coas revistas da EC é ben evidente. Veño de botarlle unha ollada ao seu blog, muito interesante!