mércores, outubro 19, 2011

Incógnito: Malas influenzas



Destacabamos ao falar da primeira entrega de Incógnito a semellanza entre os seus plantexamentos e os de Sleeper, series ambas creadas e desenvolvidas polo equipo Ed Brubaker-Sean Phillips con Val Staples nas cores. Á altura deste segundo volume (Panini, 2011), o que daquela denominabamos coma imaxe-espello torna en identidade pura e dura: estamos a ler o mesmo cómic. Hai unha analoxía (inversa, é certo) na premisa (bo entre malos entón, malo entre bos agora); o perfil psicolóxico dos personaxes principais (Zack Aniquilante e Zoe Zeppelin) resulta intercambiable co dos seus correspondentes en Sleeper (Holden Carver e Miss Misery); o mesmo acontece coas organizacións en loita (o SOE é operacións Internacionais; Morte Negra e Nivel 9 son TAO); o dilema principal (que diferenza hai entre o bando dos bos e o dos malos?) é identico nas dúas cabeceiras; os escenarios son os mesmos (grandes corporacións, tascas de superviláns); o grafismo apenas cambia.

Por que motivo decidiría Brubaker reescribir unha obra tan unanimamente eloxiada como Sleeper? As opcións posibles son varias e ningunha boa. Se a idea era perfeccionar o orixinal, o fracaso é bastante evidente: Incógnito non engade nada ao seu referente, se acaso os personaxes están peor desenvolvidos e, probablemente por coñecer xa aos seus antecesores, resultan moito menos carismáticos. A falta absoluta de humor ou ironía desbota que esteamos ante unha revisión paródica ou referencial. A terceira opción é a máis desacougante: contaría xa Brubaker todo o que tiña que contar?

Entradas relacionadas - Incógnito
Incógnito 1

Entradas relacionadas
Sleeper: Á súa sorte
Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa
Sleeper: O longo camiño a casa
Sleeper, superhéroes en clave negra

2 comentarios:

Snob Megalove dixo...

Eu creo que Brubaker e Philips están a facer un remake co que agardan "suplantar" Sleeper. Non me parece mal, nin lle falta lóxica. Sleeper estaba marcado polo selo, os personaxes e a continuidade do universo Wildstorm, e perde moito sen o seu prólogo, Point Blank. Con Incognito queren refacelo, liberándoo de todos estes defectos (que espantan a moito público e poñen data de caducidade á relevancia da obra), dándolle máis posibilidades de perdurar, e situándose como autores (e propietarios) absolutos.
Eu repito, nin me parece mal, nin lle falta lóxica. E desfruto deste comic, se cadra non tanto como a "primeira vez", pero case.

Ollo de Vidro dixo...

En principio, alégrame que ti tamén vexas algo máis que semellanzas e fales de "remake"; un nunca sabe ata que punto está a desbarrar nestas apreciacións.

Polo demais, é posible que as intencións sexan as que ti apuntas; sendo así, oxalá chegue o momento en que a cabeceira vaia máis aló do que foi Sleeper. Por outra banda, con todas as cargas de continuidade e titularidade dos personaxes que sinalas, sempre me pareceu que Sleeper era unha obra moi autónoma e, malia o seu final aberto, ben pechada, aínda que pareza un paradoxo.

Graciñas pola mensaxe e un saúdo.