mércores, novembro 02, 2011

Tom Strong 4



Se a tónica xeral na liña ABC creada de Alan Moore foi a estabilidade dos equipos creativos, Tom Strong foi a cabeceira na que máis axiña se deu entrada a voces novas e diversas, tanto na escrita coma no debuxo, o que foi favorecido pola falta de historias longas e argumentos sostidos no tempo. Así, o cuarto tomo editado por Norma (2008) ábrese cun relato en tres partes no que o veterano Jerry Ordway é o encargado de ilustrar os guións de Moore. Non parece casual a elección para esta historia de mundos paralelos e versións alternativas de Tom Strong, personaxe que xa é de seu reelaboración de tantas figuras heroicas, do que fora debuxante e co-creador do All-Star Squadron e Infinity Inc. O seu trazo clásico concédelle unha dimensión retro a esta historia que revisa os tópicos habituais das viaxes no tempo.

A seguir, atopamos dous capítulos autoconclusivos escritos por Peter Hogan, guionista que posteriormente escribiría as miniseries de Terra Obscura, e nos que o encargado do apartado gráfico é co-creador desta cabeceira, Chris Sprouse. O primeiro deles é unha aventura lunar que reproduce o argumento, mil veces revisitado pola ficción (dende Ulises e Circe, ata a Azura de Flash Gordon pasando pola She de Rider Haggard), no que a raíña exótica se namora do heroe explorador. Se cadra pola súa condición referencial, Hogan condensa o relato nun único número cando podería ter sido desenvolvido como mínimo en dous. O seguinte recupera tamén outro tópico, o do vilán que secuestra a moza do heroe, para narrar unha historia de aire vintage e ton de melodrama protagonizado por unha caste de Greta Garbo de xeo.

O tomo péchase cun capítulo escrito polo daquela emerxente Geoff Johns e debuxado por John Paul Leon. Curioso o caso deste artista de trazo tan persoal e que, en embargo, non dubida en adoptar aquí un rexistro gráfico respetuoso cos deseños de Chris Sprouse como en Ex-Machina se aproximaba ao estilo de Tony Harris. Estamos perante un relato mínimo cun aire de fantasía estilo Twilight Zone no que un inofensivo admirador de Strong resulta ser unha perigosa e inconsciente ameaza para toda Millenium City.

Hogan e Johns concédenlle ás súas historias un ton menor e intencionadamente tópico, pero un e outro participan da idea arredor da cal Moore construiu a cabeceira: a volta ás esencias do heroísmo máis unidimensional e inxenuo nun universo post-Watchmen.

Entradas relacionadas

Ningún comentario: