Breve anotación en Qadriños para celebrar o anuncio, por parte da editorial El Patito, da inminente publicación en galego de Cidade de Cristal, a magnífica e moi influente adaptación da novela de Paul Auster que levaron a cabo Paul Karasik e David Mazzuchelli a mediados dos 90. E atención, a versión galega é de Xavier Queipo.
venres, marzo 14, 2014
mércores, marzo 12, 2014
El gato perdido
Se comparamos os primeiros traballos de Jason,
que chegaron a nós en torno ao ano 2000, cos máis recentes, podemos chegar a
conclusión de que o artista noruegués apenas evolucionou neste tempo. Chama a
atención que un grafismo tan persoal como o seu estivese xa notablemente
definido nas súas primeiras obras e que o seu debuxo actual non sexa máis que
unha versión algo máis precisa do de títulos como Chhht! (Astiberri,
2002) ou Espera... (Astiberri, 2004). Neste tempo temos asistido
a pequenas variacións en aspectos como o uso ou non de cores ou o recurso a
estruturas de páxina repetitivas, mais os elementos esenciais (o uso de animais
antropomórficos, un catálogo de figuras limitado e recorrente, a frialdade dos
rostros, o trazo sintético, as cores planas, a ausencia de sombras, etc.)
manteñen unha presenza constante. Algo semellante acontece coas claves
narrativas e temáticas que explican a súa obra. O acento sentimental e
melancólico do que participan todos os seus títulos comezou a presentarse axiña
baixo formas propias de xéneros populares (espadachíns, atracos, nazis,
robots...), mais sempre marcando distancias, sen asumilas por completo. O xogo
coas expectativas do lector, o gusto polo desvío, polo contraste e a mestura
(moitas veces atolada) de convencións narrativas conforman outros tópicos que o
autor vén cultivando dende os seus inicios. Xa que logo, Jason si
evolucionou neste tempo, mais sempre dentro das marxes que el mesmo estableceu
nos seus primeiros títulos. Cada novo traballo afonda nas mesmas claves
autoriais para ofrecer unha nova versión, cada vez máis precisa e ensimesmada,
do seu persoal imaxinario.
En consecuencia, nada do que atopamos en El gato perdido (Astiberri, 2014) debería sorprender en exceso a un lector medianamente coñecedor da obra do seu autor. Desta volta, a premisa argumental toma como punto de partida os códigos do xénero negro na súa versión máis canónica, cun protagonista que é un detective de gabardina e chapeu, e unha trama que xira arredor das súas investigacións. Mais as mencións explícitas (e irónicas) a Chandler, así coma outras citas literarias (Carver, Auster...), convidan axiña a tomar certa distancia e prever un desenvolvemento afastado de tópicos. Unha vez máis, todo o anterior resulta ser o decorado no que se desenvolve a historia dun namoramento súbito, un relato emocionalmente frío na superficie, mais cun poderoso caudal sentimental a discorrer soterradamente. O lector que se deixe levar asistirá a un estridente twist final, unha estrondosa colisión de xéneros coidadosamente anticipada por pistas que non debería sorprender a quen coñeza os antecedentes do autor. El gato perdido é, xa que logo, un artefacto xenuinamente jasoniano, unha nova volta de rosca ao imaxinario do autor noruegués que recolle os lugares comúns do seu traballo previo e consegue transformalos en algo sutilmente novo.
martes, marzo 04, 2014
Rural, crónica de un conflicto
Un dos personaxes de Vermello e negro afirma que a política é unha pedra pendurada do pescozo da literatura, sentenza que coincide con outra frase célebre que Stendhal introduciu nesta obra e tamén en A cartuxa de Parma: falar de política nunha obra literaria é coma disparar na metade dun concerto, “algo groseiro ao que, sen embargo, non se lle pode negar certa atención”. Tense discutido moito acerca do que quería dicir exactamente Stendhal con estas afirmacións, mais todo indica que non era moi partidario de incorporar o debate político á obra literaria. Non sei que opinaría ao respecto o historietista francés Étienne Davodeau mais, de fiármonos polo conxunto da súa obra, todo indica que non debería estar moi de acordo. Dous dos seus títulos máis coñecidos, La mala gente ou Ha muerto un hombre, ambos a metade de camiño entre a memoria familiar e o xénero documental, serían unha contundente demostración de que se pode acadar a excelencia abordando frontalmente argumentos políticos. Mais hai tamén na súa produción outros traballos (El testimonio ou o recente e xustamente aclamado Los ignorantes) que, sen facer de cuestións políticas a substancia fundamental do relato, si acollen con naturalidade contidos desta natureza. Mais non nos trabuquemos, a concepción do político en Davodeau sobrevoa a dialéctica partidista para aventurarse no terreo no que as decisións persoais adquiren relevancia pública.
Un novo exemplo da presenza do político na obra de Davodeau é Rural, crónica de un conflicto (La Cúpula, 2014), título publicado orixinalmente en 2001 no que atopamos moitas das claves da súa obra previa e posterior. Por unha banda, o autor volve achegarse ao mundo do traballo no campo, do que xa se ocupara en La mala gente, e faino asumindo outra vez formas próximas á reportaxe xornalística. Mais a súa perspectiva muda, substituíndo a mestura de ollada histórica e memorialismo daquel traballo por un afán divulgativo que o achega ao máis recente Los ignorantes. De feito, é probable que a excelente acollida da que gozou este título o ano pasado resultase determinante para a recuperación de Rural, obra coa que garda semellanzas moi evidentes e que levaba máis de dez anos inédita.
En Rural atopamos unha minuciosa exposición do traballo diario de tres gandeiros que levan conxuntamente unha explotación na que se produce leite bio, o que implica que non seguen un modelo de produción intensiva senón que se valen de procedementos máis naturais, respectuosos co medio ambiente, co propio ritmo natural das bestas, e tamén, de forma inevitable, máis caros e custosos. Máis outra vez, Davodeau presenta ao lector persoas que escollen o camiño difícil, que optan conscientemente por un estilo de vida cheo de dificultades e que o fan guiándose unicamente por conviccións persoais. “Moléstame cando a xente di que come bio só por cuestións de saúde”, di un dos protagonistas cando Davodeau lle comenta que as virtudes dos produtos ecolóxicos non son recoñecidas unanimemente. O que Olivier, Étienne e Jean-Claude consideran beneficioso para a saúde non é o produto do seu traballo senón o propio modelo de produción. Fronte o interese persoal que representaría a preocupación pola propia saúde, eles guíanse por unha idea de beneficio colectivo que derivaría do emprego de formas de produción sostibles.
Para confirmar que a vida a contracorrente está sempre chea de obstáculos, os tres gandeiros protagonistas deberán afrontar a inminente construción dunha autovía que divide os terreos que ocupan, poñendo en cuestión a viabilidade da súa explotación. Errará quen pense que nos atopamos de novo perante a clásica tirapuxa entre tradición e modernidade. O modelo de produción que se presenta ao lector non renuncia aos adiantos técnicos senón á ditadura do beneficio a curto prazo. A súa modernidade é evidente. Pola contra, o que Davodeau propón é que nos cuestionemos se a autovía é realmente necesaria, se haberá alternativas de comunicación máis beneficiosas e se o seu trazado é o idóneo. A súa ollada inverte as asuncións de sentido común: se cadra o que se nos presenta como moderno non é tal e viceversa. E aínda máis, os movementos asociativos contrarios á construción da autovía ofrecen unha perspectiva sobre a orixe e evolución do proxecto que esclarece o alcance do seu impacto ao tempo que, sen caer en teorías conspiratorias, sementa dúbidas sobre os intereses realmente implicados no mesmo: políticos, empresariais e económicos. De forma consciente, Davodeau decide non conceder dereito de réplica á autoridade competente, da que non espera outra cousa que un discurso publicitario. “Non me interesa que ese discurso se difunda a través do meu libro”, di.
Vivimos en tempos de ironía extrema e desconfianza, mesmo ridiculización, das ideoloxías. O pensamento hexemónico non recoñece outro criterio de valoración para as iniciativas empresariais que o beneficio económico, nin mellor guía para o comportamento individual que a procura da satisfacción das propias necesidades. As súas engrenaxes traballan con eficacia para invisibilizar ou desprestixiar os que actúan conforme un sistema de valores diferente. As apelacións ao colectivo resultan sospeitosas, o movementos asociativos son descualificados con argumentos estereotipados. Rural, como outras obras de Davodeau, funciona coma un contradiscurso que demostra que existen outras formas de pensar pero tamén e sobre todo, outras formas de actuar, ofrecendo un relato arroutado e fermoso sobre algo tan simple como a coherencia persoal.
martes, febreiro 11, 2014
Fashion beast

Un lector pouco informado que atopase un exemplar de Fashion beast (Panini,
2013) nunha libraría pensaría, con toda probabilidade, que se trata dun cómic
de Alan Moore, no mesmo sentido en
que V de Vendetta, Watchmen ou The League of Extraordinary Gentlemen son cómics de Alan Moore. Sen embargo, os lectores
medianamente informados (se cadra estou trabucado, pero coido que son maioría,
cando menos entre os que visitan puntos de venda especializados) saben que isto
non é exactamente así. Coma outras obras publicadas pola editora norteamericana
Avatar Press (Alan Moore’s Magic Words
ou The Courtyard, por exemplo),
estamos perante unha adaptación á banda deseñada dun traballo que non foi
concibido inicialmente como tal por parte do escritor británico. Neste caso, trátase
do guión dun proxecto cinematográfico que o egrexio Malcom McLaren lle encargou a Moore
contra finais dos 80, que nunca chegaría a rodarse, e que agora chega a nós
convertido nun cómic serial de 10 números. Agora ben, contradicindo o que
rotundamente anuncian as capas do cómic, tanto na súa edición orixinal coma
especialmente na edición española, os autores deste
cómic non son Moore e McLaren (“de Sex Pistols”, como enfaticamente lembra a cuberta de Panini), que serían os creadores do
texto que o inspira, senón Anthony Johnston,
responsable da “adaptación secuencial” (?) e o debuxante Facundo Percio, encargado do apartado gráfico.
Coido que axuda a comprender este relato lembrar que foi na época da que data este proxecto, entre finais dos
80 e principios dos 90, cando tivo lugar o
auxe internacional das supermodelos. Mulleres como Claudia Schiffer, Naomi
Campbell, Linda Evangelista ou Cindy Crawford invadían revistas,
vallas publicitarias e espazos de ocio, traendo tras de si un mundo de
desfiles, beleza, glamour e tamén descubrindo
a uns deseñadores que reclamaban para si a condición de artistas. A música poñíaa George Michael. Axiña
chegaron as primeiras sátiras que se cebaban na frivolidade, impostura e
vaidade deste mundiño, aínda que reflectían tamén unha inconfesable fascinación
polo mesmo. Prêt-a-Porter, filme
pouco afortunado de Robert Altman, podería ser paradigma desta tendencia.
E é neste contexto cando, seica, Malcom
McLaren lle encomenda a Alan Moore
a o guión para unha fita ambientada no mundo da moda.
O resultado, Fashion beast, é un
conto de fadas escuro, ambientado nunha sociedade temerosa do holocausto
nuclear que vive sometida ao ditado das tendencias estéticas. Protagonizan o
relato dous mozos que buscan o triunfo, ela como modelo, el como deseñador. Atoparano,
cada un ao seu xeito, mais con significados ben distintos. Mentres que o éxito
dela é só individual e confirma as relacións de poder vixentes (a ditadura do
deseñador Celestine), o suceso del cuestiona o poder establecido e trae consigo
a liberación popular. Adivíñanse xa nesta trama algúns elementos característicos
da escrita de Moore daqueles anos: a
descrición dunha sociedade acovardada pola ameaza da bomba que é case unha cita
de Watchmen, unha chamada á revolta
popular que conecta directamente con V de
Vendetta e a configuración dun escenario sinistro e abafante que ben
podería sintetizar as semellanzas entre estes dous títulos capitais. Non se
pode deixar mencionar unha certa inxenuidade de fondo, que se cadra sorprenderá
aos coñecedores do Moore máis
descrido, pero que non deixa de estar en consonancia co ton de fábula que
preside a narración e que vén confirmado por unha posta en escena
deliberadamente artificiosa.
mércores, febreiro 05, 2014
La propiedad
Non é doado ás veces sobrepoñerse ao éxito. A historietista israelí Rutu Modan deuse a coñecer internacionalmente con Metralla (Sins entido, 2006), relato no que dous mozos tentaban averiguar se o pai dun deles se atopaba entre as vítimas sen identificar dun atentado acontecido en Israel. A obra acadou recoñecementos e boas críticas, e a súa autora comezou a ser citada canda outros nomes (Marjane Satrapi, Alison Bechdel, Frederik Peeters...) cos que mantiña unha difusa coincidencia, xa fose polo contido social do seu traballo, pola súa procedencia afastada dos principais centros de produción de BD ou mesmo pola súa simple condición de muller historietista. Non era o seu debut, mais si o seu primeiro traballo dunha certa entidade. Anteriormente formara parte do colectivo Actus Trágicus, aportando narracións breves a publicacións colectáneas do grupo, a maioría delas recollidas en Jamilti y otras historias de Israel (Sins entido, 2008), obra claramente inferior a Metralla pero que nos permite formarnos unha imaxe máis completa da autora e ter certa perspectiva sobre a súa evolución. Con posterioridade emprendeu proxectos diversos, coma colaboracións co New York Times (unha columna/blog, un serial), participación en obras colectivas ou unha incursión na literatura infantil ilustrada. Mais non foi ata a recente publicación de La propiedad (Sins entido, 2013) que contamos cun traballo que, polas súas características, pode compararse directamente coa obra que lle deu a sona á autora.
Podemos dicir que La propiedad non só resiste a comparanza con Metralla, senón que recolle moitas das súas virtudes e mesmo consegue levalas máis aló. Protagonizan o relato dúas mulleres, Regina e Mica, avoa e neta, que viaxan a Varsovia co propósito de reclamar unha antiga propiedade familiar. Mais a viaxe tornará en algo menos prosaico: a evocación das duras lembranzas de mocidade para Regina, que fuxiu de Polonia tras a ocupación nazi, e a descuberta do seu pasado familiar por parte de Mica. Modan constrúe un relato sobre a recuperación da memoria persoal e familiar, e faino situando como pano de fondo o holocausto, suceso traumático para o pobo xudeu e auténtico acontecemento central do século XX que ten sido abordado pola ficción en innumerables ocasións. Mais no canto de subordinar a súa pequena historia ao macrorrelato da persecución dos xudeus polos nazis, Modan opta por situar no primeiro plano as vivencias de Regina e Mica en Varsovia, aproveitando sen malversar o abundante caudal emocional que acompaña aqueles feitos. Neste aspecto a obra lembra a Metralla, relato sobre o que sobrevoaba o conflito entre israelís e palestinos, que recibía por parte da autora un tratamento moi semellante. Tanto naquel caso coma neste, Modan prescinde de excesos tráxicos e aposta pola construción de personaxes sólidos e por un argumento que dosifica con intelixencia drama, humor e unhas pingas de misterio.
É probable que sexa no debuxo onde máis se evidencie a evolución de Modan neste tempo. As claves do seu grafismo seguen a ser as mesmas: o trazo limpo, a liña clara, a síntese das formas, moi especialmente nos rostros, as cores planas, sen case matices. Sen embargo, as súas páxinas son máis claras e directas, debido a unha mellor planificación, a unha posta en páxina máis coidada e tamén á maior variedade de recursos empregados. Os rostros gañaron en expresividade e as imaxes foron enchéndose de detalles, eliminando a sensación de baleiro que transmitían algúns dos seus traballos precedentes.
La propiedad fai esvaecer calquera dúbida acerca da capacidade de Modan para sobrepoñerse ao éxito de Metralla e deixa claro que estamos perante unha das historietistas máis talentosas da actualidade.
domingo, febreiro 02, 2014
A outra cara de Osamu Tezuka
Sempre é un pracer responder ao xeneroso convite da Revista Ábrete Libro e aportar un texto ao seu novo número. Desta volta, o monográfico adicado a Xapón ofrecía o pretexto perfecto para falar do fascinante El libro de los insectos humanos de Osamu Tezuka, obra que, malia ter máis de cuarenta anos, foi recibida entre nós coma unha novidade, e rematou por converterse nun dos títulos máis repetidos neses célebres listados que recollen o mellor do ano. O texto completo, aquí.
sábado, xaneiro 25, 2014
Nemo, corazón de hielo
Alan Moore e Kevin O’Neil seguen a estricar o universo da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios, desta volta cunha aventura protagonizada por Janni Dakkar, filla do capitán Nemo que ata o de agora gozara só dunha breve aparición en Century 1910. Canda ela, personaxes literarios coñecidos, coma a haggardiana raíña Ayesha ou o mariñeiro Ishmael de Moby Dick, mais tamén referentes moito menos coñecidos fóra dos países anglosaxóns. É o caso de Frank Reade Jr e Broad Arrow Jack, personaxes que teñen a súa orixe nos Penny dreadfuls e Dime novels, literatura popular do XIX apenas coñecida entre nós. Supoñemos que o personaxe aludido como Swyfte será un Tom Swift que non pode ser mencionado explicitamente por motivos legais.
Se hai algo que chama a atención deste álbum é o rudimentario da súa arquitectura, algo pouco frecuente non xa na obra do autor, senón mesmo nunha cabeceira deliberadamente menor coma esta. Moore parte dunha premisa argumental gratuíta, un macguffin moi evidente que desenvolve de forma inusualmente lineal, sen artificios narrativos nin apenas delirios esotéricos, recuperando o espírito aventureiro que presidira as primeiras entregas da saga e pasara a un segundo plano na máis recente triloxía Century. Polo camiño vai debullando unha secuencia de citas e referencias, na mellor tradición do título, ata desembocar nun festín lovecraftiano con pingas do Gordon Pym de Edgar Allan Poe. Todo cociñado e servido con eficacia e inmediatez, mais tamén sen pingas de xenio. Nada indica que Moore conciba esta obra como algo máis que un puro divertimento. As súas pretensións parecen limitarse a xogar cun legado cultural que comezou sendo a novela de fantasía decimonónica e que en entregas posteriores foi ampliando as súas marxes ata abranguer practicamente calquera manifestación literaria que encaixe no persoal imaxinario do escritor inglés.
Entradas relacionadas
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1910
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1969
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 2009
martes, xaneiro 21, 2014
Qadriños: Por que ler Oink!?
There's no point in reading comics, they're stupid!
They treat the kids is if they were... well, as if they were, you know, kids!
Rik – The Young Ones (Os Novos)
Hai uns días coñeciamos a decisión de Agalip de non enviar a impresión o quinto número da revista Oink! por falta de liquidez para asumir o seu custe. Na nova entrada do blogue Qadriños tento apuntar un argumento polo que esta publicación merece seguir existindo, algo tan simple como a calidade da banda deseñada que nela se publica. As series creadas por Miguel Robledo, Jacobo Fernández Serrano, Miguel Porto, Kohell, Kiko Da Silva e os restantes artistas da cabeceira demostran que se pode facer cómic infantil máis aló dos estándares comerciais, sen caer en tópicos nin resultar aséptico. Cómics capaces de perdurar, que tratan os rapaces coma persoas intelixentes e cos que tamén gozamos os pais. Os nosos mellores desexos para un proxecto tan valente e necesario coma este.
mércores, xaneiro 15, 2014
El sabor de la tierra
Con El sabor de la tierra (Astiberri, 2013), Baudoin e Troubs continúan
o camiño que abriron con Viva la vida.
Los sueños de Ciudad Juárez (Astiberri,
2011), obra na que ambos autores intercambiaban retratos por soños na tristemente
famosa cidade mexicana. Desta volta, a parella de artistas franceses trasládase
a Colombia, onde emprenden unha viaxe que os levará dende a capital Bogotá ata
Caquetá, rexión próxima ao Amazonas e zona de influenza das FARC. O pretexto é
apenas unha variación sobre o da obra precedente: pedirlle aos seus habitantes
que lles relaten os seus recordos máis intensos mentres os debuxan. O país e o
seu ferinte conflito retratados a través das lembranzas dos seus habitantes.
Son poucas as imaxes que Baudoin
e Troubs ofrecen de Bogotá tras a
súa chegada, mais todas elas amosan unha cidade en cuxa superficie pode
rastrexarse o rastro dunha guerra con demasiados actores implicados: o Estado,
as FARC, os paramilitares, os narcotraficantes, os cidadáns. Todo semella responder
á función de activar o recordo: as paredes tatuadas de carteis, slogans e
graffiti, os lugares indeleblemente asociados a sucesos tráxicos. A cidade
deixa paso a un rural que vai tornando en selva a medida que Baudoin
e Troubs se internan no país. No
camiño atopan xentes de todo tipo: homes e mulleres, persoas cultivadas e xente
humilde, novos e vellos. Uns evocan os traumas da súa vida mentres outros se
refuxian nos intres de felicidade. Hainos que prefiren non recordar e falan do
presente ou do futuro. A violencia sempre está presente, aínda que sexa por
omisión consciente. Nas lembranzas dos retratados o conflito revela a súa dobre
faciana: dunha banda, a dimensión pública na que os grandes acontecementos
condicionan o devir da guerra; doutra, unha sucesión de pequenos dramas
persoais, todos moi semellantes, que marcan as vidas dos cidadáns.
A entrevista dos autores cunha guerrilleira das FARC sinala o que
probablemente sexa o punto culminante da obra, ao ser a primeira e única
declaración recollida no libro que non é dun simple cidadán, senón de alguén
con condición de parte no conflito. É difícil resistirse á forza do seu
testemuño, que os autores presentan sen contrapesos. E non só polo profundo
idealismo que revelan as súas palabras, que poderiamos considerar un simple
envoltorio autoxustificativo, senón tamén e especialmente pola lexitimidade que
lle concede a súa condición de muller que se resiste a someterse a un rol
subsidiario mesmo nunha sociedade en paz. Os autores non agochan as súas simpatías,
preferindo ser honestos a ser obxectivos.
Resulta evidente singularidade desta obra e a dificultade do seu encaixe en
categorías preconcibidas. Entre o relato persoal, a crónica de viaxe e o
documento xornalístico, a obra parte dun propósito mínimo e se desenvolve con
aparente improvisación. Non é ningunha novidade a autoría compartida, mais si
como a interpretan Baudoin e Troubs, xustapoñendo o deu debuxo con
total liberdade. A discreta acollida deste título fálanos do momento que se
está a vivir na banda deseñada, no que unha obra das características sinaladas
non supón de seu acontecemento algún e pode permitirse o caro capricho de pasar
desapercibido.
sábado, xaneiro 04, 2014
Next Men 2
Diciamos ao falarmos do primeiro tomo de Next Men que o título creado por John Byrne podía non ser un tebeo de superheroes en sentido convencional, pero estaba construído tomando como referencia constante o xénero dos heroes enmascarados. A segunda recompilación da serie (Norma, 2013) confirma aínda máis esta idea. Persiste a estrutura grupal xenuinamente superheroica, cuns personaxes que, con pretextos de diversa caste, son dotados agora de nome clave e uniforme, ao tempo que se lles suma unha figura de líder-mentor externa ao equipo (un Control que fai as veces de Profesor X). A idea central do argumento xira en torno a un tópico aínda non moi explotado nos 90, pero que tampouco era absolutamente novidoso: o impacto causado pola aparición de seres superpoderosos nun mundo no que os superheroes non existen. As referencias ao mundo do cómic, lonxe de funcionar coma un recurso metahistorietístico (ao xeito do Supreme de Alan Moore, por exemplo), válenlle a Byrne tanto para establecer unha complicidade co lector como para deslizar críticas (non demasiado ferintes) sobre as grandes editoras norteamericanas.
No canto dunha confrontación directa entre heroes e superviláns, probablemente o único elemento xenuinamente superheroico ausente da trama, atopamos un argumento conspirativo que Byrne adobía poñendo énfase nos dramas persoais dos personaxes protagonistas. Este último aspecto resulta claramente debedor dos X-Men de Chris Claremont, que el mesmo axudou a construír nunha etapa memorable, e tan só se permite ir algo máis aló das convencións do seu tempo coa introdución duns elementos sexuais non excesivamente frecuentes no mainstream superheroico dos 90. Byrne non chega a ser brillante nin audaz, mais si é quen de contribuír con certa eficacia á construción dunha alternativa ao tebeo comercial norteamericano a partir de principios creativos moi semellantes e dirixidos a un mesmo perfil de lector.
E sen embargo, contemplando a produción posterior do canadense, podemos tamén concluír que Next Men anticipa xa algunhas claves da súa futura decadencia. Comezan a aparecer as eivas do seu debuxo, a tendencia a ampliar as viñetas, a descoidar os fondos, a repetir planos, a adoptar perspectivas enganosamente dinámicas. O acabado un tanto desleixado das súas propias tintas confirma unha idea ben coñecida: que o seu debuxo gaña moito co labor dun bo profesional do entintado. No narrativo, Byrne comeza a abusar dun recurso que se convertería en tic repetitivo, abrir unha escena coa derradeira frase da escena anterior. Pero sobre todo e especialmente, atopamos nesta obra moitas das ideas argumentais que o autor iría repetindo despois en versións cada vez máis devaluadas, dende obras menores coma X-Men: The hidden years ata xenuínos fiascos coma Lab Rats. Neste senso, podemos concluír que Next Men expresa en boa medida ata onde foi quen de chegar creativamente o seu autor voando só.
Entradas relacionadas
Next Men 1
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)








