luns, xaneiro 19, 2015

Elipses e sombras: Aurora West, heroísmo e legado

El momento de Aurora West

David Rubín presenta estes días El momento de Aurora West, unha aventura xuvenil producida en colaboración co historietista norteamericano Paul Pope. Aínda que nun formato menos espectacular que o dos seus traballos recentes, a obra reúne as virtudes coñecidas do artista ourensán ao tempo que supón a súa primeira experiencia no mercado norteamericano.

A principios do pasado 2014 publicábase Battling Boy, o máis recente traballo de Paul Pope, un autor norteamericano cunha extensa traxectoria no eido do cómic independente, aínda que tamén con incursións esporádicas no cómic comercial. O título revelábase coma unha posta ao día do relato heroico no que as premisas máis clásicas (heroes contra bestas) convivían con ingredientes propios de xéneros máis modernos, coma o pulp ou os superheroes. Do mesmo autor chéganos agora El momento de Aurora West, cabeceira consagrada a ampliar o universo de Battling Boy e para a que Pope quixo contar coma debuxante cunha primeira figura do cómic galego, David Rubín.

Pope confesa que foi mentres Battling Boy estaba en proceso de elaboración cando se decatou do potencial do personaxe de Aurora West, que tiña asignado un rol secundario, e decidiu que a súa historia debería ser contada. Mais os seus compromisos, principalmente a elaboración do segundo tomo da serie principal, impedíanlle ocuparse el mesmo de todas as facetas de produción, polo que escribiu o guión en colaboración co escritor J.T. Petty e buscou un debuxante que se ocupara do apartado gráfico. E o elixido foi David Rubín.

Non resulta difícil buscar coincidencias entre a obra de Pope e a de Rubín. De feito, son moitos os aspectos de Battling Boy que lembran a El Héroe, título senlleiro de David Rubín no que o artista ourensán revisaba libremente o mito de Heracles. Ambos os dous rexeitan as versións cínicas e desmitificadoras dos relatos heroicos apostando pola emoción pura e o sentido de marabilla. E malia que é difícil falar de semellanzas entre dous autores de debuxo tan persoal, si existe unha certa afinidade de estilo entre ambos.

En El momento de Aurora West, como en Battling Boy, a aprendizaxe da tarefa heroica funciona como metáfora da entrada na idade adulta. Naquel título os personaxes principais formaban parte dunha estirpe semidivina para os que o comportamento heroico era unha obriga que se transmitía por vía dinástica e que o rapaz protagonista debía confrontar en solitario. Fronte a isto, El momento de Aurora West relata a educación da rapaza protagonista a cargo do seu pai, Haggard West, o campión da imaxinaria cidade de Arcópolis. Hai un acompañamento, un pai que transmite á súa filla un legado inmaterial, a idea de heroísmo entendido como axuda aos demais. Se na obra precedente primaba o alento mitolóxico, desta volta apélase a versións máis recentes do relato aventureiro, como a novela decimonónica (as pasaxes que transcorren en Exipto ou o nome do protagonista, Haggard, resultan ben significativos), o pulp ou o cómic de superheroes.

É probable que o máis salientable da obra sexa a habelencia de Pope para empregar unha dobre linguaxe que permite que tanto lectores xuvenís coma adultos poidan gozar coa súa lectura. A elección dunha protagonista adolescente, coa súa predicible necesidade de autoafirmación, reforza o atractivo para o público máis novo. Toda a trama pode lerse como un relato de aventura, cunha elemental confrontación entre o ben e o mal á que se lle engaden elementos propios das historias de instituto. O formato elixido (dimensións reducidas, branco e negro), moi semellante ao que emprega habitualmente o cómic máis lido pola mocidade, o manga, reforza a accesibilidade para o público novo. Diríase que Pope se propón deseñar unha obra que poida resultar atractiva ao lector xuvenil sen caer nas eivas frecuentes deste tipo de narracións: a estandarización, o exceso de simplicidade ou o didactismo. Ao mesmo tempo, a obra ten atractivo abondo (reciclaxe de conceptos, mestura de xéneros,  homenaxes máis ou menos explícitas) para que un lector con máis bagaxe poida gozar da súa lectura.

O labor de Rubín atópase moi mediatizado polo formato elixido, especialmente se o comparamos co dos seus traballos máis recentes. Tanto en El héroe coma en Beowulf, Rubín dispoñía dunhas dimensións de páxina que lle permitían despregar un grafismo grandilocuente, repleto de imaxes espectaculares, de xogos narrativos vistosos e cun coloreado que contribuía a encher de matices a experiencia lectora. Nada diso é posible en El momento de Aurora West, cuxas características formais esíxenlle ao debuxante unha maior contención: diminuír o número de cadriños por páxina e primar a fluidez no relato. O regreso ao branco e negro non supón un problema para Rubín, que empregou este acabado en gran parte da súa obra e ao que sempre soubo tirarlle partido. Aínda que menos exuberantes, as páxinas resultantes conservan  as restantes virtudes dos lapis do ourensán: a forza, a expresividade, a claridade expositiva.

Con cada vez máis obra traducida en Europa, El momento de Aurora West é o primeiro traballo que Rubín publica en Estados Unidos, mais non será o derradeiro. Para novembro deste ano está anunciada The fall of the house of West, continuación e peche desta saga, mentres que nuns meses verán a luz tamén as versións para o mercado norteamericano de El Héroe e Beowulf, os seus traballos anteriores. Confírmase, xa que logo, o seu excelente momento creativo ao tempo que se abre unha nova etapa na súa carreira.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2015]

venres, xaneiro 09, 2015

Qadriños: Emma Ríos anuncia os seus proxectos para 2015












O 2015 chega inzado de proxectos para Emma Ríos. En Qadriños refírome á participación da autora no Image Expo, onde presentou os títulos nos que está a traballar e que serán publicados ao longo deste ano. É unha ledicia comprobar que a galega está a medrar en popularidade e prestixio nun mercado coma o norteamericano, que resulta tremendamente competitivo pero que ao tempo ofrece unhas posibilidades de difusión enormes. Mais por riba de todo, hai que destacar que a súa carreira comeza xa a asentarse coma autora, con proxectos da súa creación, xa sexa en solitario ou coa colaboración doutras artistas coma Kelly Sue DeConnick ou Hwei Lim, e tamén da súa propiedade. O creto do que goza gañouno a base de talento e traballo, polo que merece todos os nosos cumprimentos. Agardamos impacientes a publicación deses novos títulos.

mércores, decembro 17, 2014

Qadriños: Este Nadal regale cómic galego












Achégase o final de ano, tempo de balances e tamén de mercar agasallos de Nadal. Un dos síntomas do bo momento da banda deseñada galega é a abundante presenza de cómic galego nos andeis das librarías. Nunha nova entrada en Qadriños recollo algúns deses títulos, a modo de suxestión. Disimulen os ausentes, que os haberá.

martes, decembro 16, 2014

Elipses e sombras: Inventario de beleza cotiá

Catálogo oneroso de beleza gratuíta
 
Fran Bueno presenta estes días Catálogo oneroso de beleza gratuíta, un álbum intimista e de grande beleza plástica co que resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada 2013. A obra amósanos unha nova faceta na carreira do seu creador, a do artista que fala en primeira persoa e se presenta ante o lector sen intermediarios.

Fran Bueno é un autor cunha extensa traxectoria no eido da banda deseñada e a ilustración. Gañador de diversos certames de cómic a finais dos 80, a súa carreira profesional comezaría con obras coma O máxico arrecendo e varios cómics divulgativos de temática medioambiental elaborados para o Consello da Cultura Galega. Coa escritora Marilar Aleixandre crearía a serie infantil Os escachapedras, que vería a luz na revista Golfiño e sería publicada posteriormente na revista Oink!. Nos últimos anos ten traballado para o mercado internacional, colaborando co escritor Pierre Veys no serial Sales coups sur Strombo, aparecido na revista francesa Lanfeust, e posteriormente abríndose paso no mercado norteamericano con cabeceiras coma Causas nobres e Amor infernal, escritas ambas por Jay Faerber. Tamén colabora de forma habitual coa editorial Xerais, para a que ilustra de libros de narrativa infantil e xuvenil.
 
Non resulta estraño que Bueno se defina na súa web coma alguén que “consegue que lle paguen polos seus garabatos” e “que vai por aí presumindo de profesional, emitindo facturas e todo”. É probable que ata agora sexa precisamente a súa solvencia profesional, a súa versatilidade e capacidade para mudar de rexistro e axustarse ás esixencias de xéneros diversos, o que mellor define a súa traxectoria. Se cadra por iso, pola súa extensa carreira traballando ao ditado doutros escritores, poderiamos caer no erro de pensar que carece dunha voz de seu. De aí a relevancia do seu traballo máis recente, Catálogo oneroso de beleza gratuíta, que supón un rotundo desmentido desta idea, e non só por ser Bueno o autor único da mesma, senón tamén porque o seu principal propósito semella ser precisamente o de ceibar a súa voz e ofrecer unha visión do mundo de matiz marcadamente persoal. Como reza o título, Bueno fai inventario da beleza cotiá, lembrándonos que moitas das cousas que nos rodean poden contribuír a facernos felices, aínda que sexa só por uns intres. E faino en primeira persoa, dirixíndose ao lector directamente, sen intermediarios. Os lances narrativos son mínimos, case inexistentes. O que predomina é a voz do autor, a expoñerse diante dos lectores.
 
Catálogo oneroso de beleza gratuíta resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada que organiza a Deputación da Coruña. O xurado destacou, entre outros aspectos, a perfección técnica do desenvolvemento gráfico de Bueno, algo que está fóra de dúbida, e non só pola beleza dos seus deseños, senón tamén pola intelixencia con que relaciona imaxes e significados. Fronte as ilustracións que reproducen de forma literal a idea á que se refiren, atopamos outras que o fan de forma metafórica e, entre estas, as que máis destacan son aquelas que se valen da ironía. Bueno desprega un sentido do humor pícaro e retranqueiro que non só arranca sorrisos do lector, senón que funciona coma un atinado contrapunto ao ton intimista que predomina na obra.  
 
Tería visto a luz este cómic de non ter sido gañador do Premio Castelao? É moi probable que non, e non por un problema de calidade, senón pola súa escasa vocación comercial e polas reducidas dimensións do mercado da banda deseñada. Velaí un exemplo da importancia, mesmo da necesidade, deste tipo de certames, que contribúen a suplir as eivas do mercado e facer visibles obras que dificilmente serian publicadas doutro xeito. E neste caso, que nos permiten achegarnos a un autor que xa coñeciamos na súa versión máis xenuína e persoal.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 15 de decembro de 2014]

martes, decembro 02, 2014

The League of Extraordinary Gentlemen: Dossier negro

























A primeira miniserie da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios e a súa secuela participaban decididamente do propósito central da liña ABC Comics que Alan Moore lanzara ao mercado en 1999, isto é, ofrecer ao lector de cómic comercial norteamericano unha alternativa ao tebeo superheroico ou, se se prefire, imaxinar como sería o cómic popular de finais do século XX de non ter caído no monopolio de facto dos superheroes. Axudado polo vistoso debuxo de Kevin O'Neill, Moore, botaba man de figuras literarias fortemente asentadas no imaxinario popular para reconvertelos en protagonistas dunha aventura posmoderna, un crossover de tradicións literarias deliberadamente lixeiro e construído a partires da única idea de reunir os personaxes. Tanto a posterior triloxía Century (1910, 1969, 2009) coma a derivación máis recente coa dinastía Nemo coma protagonista (Corazón de xeo e As rosas de Berlín) van afastándose cada vez máis do concepto orixinal, acollendo a novos personaxes de perfís máis diversos (menos icónicos e populares case todos eles, e tamén máis vinculados á  tradición literaria anglosaxona), e engadindo unha sementeira de referencias e chiscadelas inabarcables para o lector medio.

As diferenzas entre estes dous momentos da cabeceira parecían aínda maiores pola ausencia de Dossier negro (Planeta, 2014), capítulo que marca a liña divisoria entre ambas etapas e que permanecía inédito ata agora por unha cuestión de dereitos legais. De feito, a súa lectura resulta totalmente esclarecedora, xa que a súa función semella ser a de dar por pechada a primeira etapa e dar paso á segunda. Ambientada a finais dos anos 50, a obra relata como dous membros do grupo orixinal, Mina Harker e Allan Quatermain, rouban o dossier do servizo de intelixencia británico  que fai referencia ás sucesivas encarnacións da Liga. A peripecia do roubo e fuxida dos protagonistas combínase con extractos do documento, no que se adiantan boa parte das aventuras que Moore e O'Neill desenvolverían posteriormente, ao tempo que se suxiren outras das que, nun retrouso borgiano, nada máis saberemos. Máis outra vez, Moore xoga á ventriloquia, reproducindo códigos, imitando voces e amoreando referencias: unha obra teatral presuntamente shakesperiana, capítulos perdidos da Fanny Hill de Cleland (con referencias a Swift e o seu Gulliver), un relato de ton humorístico no que o Jeeves de Woodehouse combate luras lovecraftianas, narracións pulp, escritura automática estilo beatnik... O tomo conclúe cunha reivindicación da fantasía e da capacidade transformadora da imaxinación humana, unha mensaxe que atopamos noutros traballos do escritor británico.

Se nas primeiras achegas Moore se abandonaba á aventura steampunk, desta volta elabora un aparatoso tratado intertextual que, lonxe de poñer as cousas doadas, esíxelle ao lector paciencia e flexibilidade para se adaptar aos continuos cambios de código, ademais dunha notable solvencia cultural. Alén da satisfacción que proporciona a identificación de referencias ou a descuberta de figuras ata agora descoñecidas (no meu caso, por exemplo, a de Bulldog Drummond, aquí baixo o nome de Hugo Drummond), a lectura pode chegar a resultar esgotadora. Malia a súa densidade, é posible que sexa en Dossier negro onde o concepto da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios cobra verdadeiro sentido e onde o autor fai xustiza ao legado cultural que manipula. Son as fantasías creadas polo ser humano as que vixían o devir do mundo, unha idea fermosa que Moore desenvolve cunha furia pouco habitual na súa produción recente.

venres, novembro 28, 2014

Culturgal 2014 (e a banda deseñada)


Achégase o Culturgal 2014, un evento que en poucos anos se ten convertido con merecemento nun referente para a cultura do país nos seus diferentes eidos. Paga a pena botarlle un ollo ao programa desta edición que, coma en anos anteriores, vén inzado de actividades e propostas de todas as disciplinas e para todos os gustos. A destacar o conxunto de actividades dirixidas aos máis cativos e tamén a presenza de diversos actos relacionados co revival Bravú que estamos a vivir nestes días. Nesta casa, correspóndenos pór de relevo a Mesa Redonda arredor da revista dixital de humor satírico O Botafumeiro, que vai xa polo seu segundo número (aínda non a descargastes?), e que terá lugar o venres 5 de decembro ás 20:30 no Espazo Foro.

Polo demais, de preguntarnos se a presenza da banda deseñada no evento garda proporción coa relevancia do medio en Galicia a resposta ten que ser negativa. Todos sabemos do magnífico momento que está a atravesar a BD galega, cun bo número de autores de sona internacional (e medrando), cunha chea de profesionais de talla indiscutible que traballa de forma incansable e cunha canteira que non para de producir novos talentos. Aínda que moitos destes autores publican en editoriais de fóra de Galicia, case todos eles teñen obra publicada en galego por empresas galegas. E non só iso, nos últimos anos constatamos a aparición e consolidación de proxectos editoriais da terra consagrados á publicación de banda deseñada. O Culturgal pode ser o espazo no que todo cobre sentido, no que os autores e as editoras de BD poidan comparecer, presentar as súas propostas e divulgar o seu labor. Diante terían un público amplo, no que abundarán persoas que non len cómic de forma habitual pero que si están interesadas na cultura. Que mellor lugar para darse a coñecer, presentar as propias creacións e gañar novos lectores?

Isto non é ningún reproche. Estou convencido de que esta idea se lle ocorreu antes que a min a moitos dos actores interesados e que a súa ausencia se debe a impedimentos ou dificultades que descoñezo. Limítome a expresar un desexo, o de asistir a un Culturgal no que o cómic galego teña o protagonismo que merece xunto coas restantes disciplinas artísticas e culturais do país.

mércores, novembro 26, 2014

En silencio

























En silencio (Diábolo, 2014), primeiro título traducido ao castelán da francesa Audrey Spiry, transcorre nunha única xornada na que unha parella leva a cabo unha actividade de deporte de montaña, un descenso fluvial en compañía dunha familia e un guía. A obra, que optou ao premio ao Mellor Álbum en Angoulême 2013, forma parte desa familia de relatos nos que un ou máis personaxes de exacción urbanita se enfrontan directamente á Natureza. O tópico di que neste contacto co natural as necesidades máis elementais do individuo (a integridade física ou mesmo a vida) pasarán a un primeiro plano, o que axudará a tomar conciencia da dimensión real das súas outras preocupacións, sociais e propias da vida moderna, conducindo a algún tipo de aprendizaxe. Spiry cumpre con exactitude este esquema, cunha protagonista, Juliette, que sairá reforzada psicoloxicamente tras un descenso polo río tan accidentado coma didáctico. O relato acóllese, xa que logo, a esa ollada entre exotizante e totémica, que relaciona a Natureza co inefable e fai dela unha caste de mestra de vida, que corrixe cunha mestura de severidade e paternalismo as nosas veleidades pequeno-burguesas. O desenvolvemento gráfico xoga un papel fundamental, xa que a autora pretende transmitir a través del o conxunto de sensacións físicas  que os protagonistas experimentan no contorno natural, que será o que os conduza á súa transformación persoal. De feito, a obra semella concibida a partires da súa elaborada aposta gráfica, un debuxo pictórico e colorista que consegue constituír de seu unha experiencia sensorial para o lector ata converterse no mellor argumento a prol da obra.

luns, novembro 17, 2014

Elipses e sombras: O detective e a cidade

Cidade de cristal

Chega ás librarías galegas Cidade de cristal, adaptación á banda deseñada da novela homónima de Paul Auster a cargo de Paul Karasik e David Mazzuchelli, un título esencial do cómic de autor norteamericano das últimas décadas que acaba de ser vertido ao galego por Xavier Queipo.

Moitos dos elementos que caracterizan a escrita de Paul Auster están xa presentes en Cidade de cristal (1985), primeira peza da Triloxía de Nova York que o daría a coñecer a mediados dos 80 coma unha das voces máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea. Nela, Auster invoca xa conceptos que serían recorrentes na súa obra, coma o azar, ao tempo que xoga coas expectativas do lector, transformando o que nun primeiro momento semella ser un misterio detectivesco nunha requintada reflexión sobre a linguaxe e a identidade. En Cidade de cristal atopamos personaxes que adoptan pseudónimos ou suplantan identidades, xogos de palabras, xiros metaliterarios e a cidade de Nova York como gran símbolo indescifrable que rematará por esnaquizar a personalidade do protagonista.

Case unha década máis tarde, o escritor Paul Karasik e o debuxante David Mazzuchelli levarían a cabo unha ambiciosa adaptación da novela á banda deseñada, asumindo a complicada tarefa de transportar a unha linguaxe visual un texto complexo, no que as pasaxes máis puramente narrativas conviven con outras cun alto grao de abstracción. As diferenzas entre unha e outra linguaxe obrigaron a Karasik e Mazzuchelli a levar a cabo unha minuciosa reconstrución da obra de Auster na que está implícita unha fonda reflexión sobre os mecanismos narrativos dun e outro medio. É difícil considerar estoutra Cidade de cristal coma unha copia ou un produto derivado. Os autores non simplificaron o orixinal nin se limitaron a traspoñer argumentos, senón que quixeron dar resposta a un reto creativo, o de  ir máis aló da pura semellanza formal e acadar a igualdade de efecto no lector empregando técnicas diferentes. O seu foi un labor de tradución, de procura de equivalencias, e unha lectura actual do seu traballo, case vinte anos despois da súa publicación orixinal, confirma a brillantez con que deron resposta ao desafío.

Tras deixar a súa pegada no tebeo de superheroes (seus son títulos relevantes coma Daredevil: Born again e Batman: Year One, ambos con Frank Miller coma guionista), o debuxante David Mazzuchelli emprendeu un proceso de evolución artística que o levou a publicar varios traballos que se afastaban dos estándares daquel xénero. Mais sería a súa colaboración con Paul Karasik, guionista, editor e profesor, a que o consagraría coma un dos artistas máis interesantes do panorama internacional. En Cidade de cristal Mazzuchelli adopta un acabado gráfico que semella inspirado nos grandes nomes do cómic de prensa norteamericano, coma Milton Caniff ou Frank Robbins: mancha negra sobre fondo branco, fortes contrastes, trazo sintético. No narrativo, as páxinas organízanse de acordo cunha grella de nove viñetas por prancha (3 x 3), de novo un estándar moi empregado no cómic norteamericano dos anos 50 e 60, e que se adoita relacionar con autores coma Harvey Kurtzman e os cómics de xénero da editorial EC Cómics. Xa que logo, os autores adoptan un código narrativo que ten coma referente os clásicos do tebeo popular norteamericano, cómic de xénero (negro, bélico, terrorífico...) e concibido para o consumo. O equivalente en historieta ao substrato pulp que está presente na novela de Auster.

Mais como diciamos, ademais dunha premisa detectivesca, a novela contén unha reflexión sobre a imperfección da linguaxe concretamente sobre a incapacidade das verbas para referirse a significados unívocos. O propio protagonista será vítima dese desprazamento entre significante e significado, ao asumir nomes diversos (Daniel Quinn, Paul Auster, Henry Dark, Peter Stillman) ata que a súa propia identidade quede borrada definitivamente. O relato desdóbrase, alternando os lances narrativos de acabado realista cunhas pasaxes especulativas que Karasik e Mazzuchelli resolven mediante un sofisticado artificio narrativo, no que as imaxes adquiren un significado simbólico que chega a contaminar aspectos formais, coma a estrutura de páxina, a tipografía ou os globos de texto. Os autores achéganse ao cómic experimental, mais sempre co texto orixinal como referente. A exuberancia dos recursos despregados e a elegancia do debuxo de Mazzuchelli converten estes fragmentos nunha lectura fascinante, ademais de nunha brillante exploración dos límites da linguaxe do cómic á hora de expoñer conceptos abstractos.

Cidade de cristal converteuse por dereito propio nun dos cómics de autor máis influentes de finais do século pasado, pasando a ser un referente ineludible para entender o cómic independente norteamericano das últimas décadas, ademais dun fito na traxectoria dos seus dous autores. Karasik e Mazzuchelli crearon un misterioso dobre da novela orixinal, que recolle o seu discurso e o amplía con coherencia. Cómpre celebrar, xa que logo, a súa publicación en galego, máis aínda se o encargado da tradución é Xavier Queipo, que ademais de ser un dos nosos mellores narradores acaba de ser premiado como membro do equipo que verteu ao galego o Ulises de James Joyce. A súa coidadosa versión engrandece aínda máis a edición de El Patito, á que só podemos obxectar que reduza o tamaño das pranchas con respecto á versión orixinal.

domingo, novembro 16, 2014

Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre de 2014

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Xa temos o primeiro listado de Esenciais de ACDCómic do ano, unha selección de 35 títulos (25 novidades, 5 clásicos, 5 cómics infantís) publicados no primeiro semestre de 2014 aos que paga a pena botarlles un ollo a xuízo dos membros da asociación. Na web de ACDCómic atoparedes unha ficha individual para cada título e ligazóns a críticas publicadas polos membros da asociación. Coidado que hai piratas.

mércores, novembro 05, 2014

Fatale: Al oeste del infierno

























Non hai dúbida de que o legado creativo de H.P. Lovecraft goza dunha vixencia que mesmo podería resultar sorprendente. Se falamos de cómics, nos últimos tempos apareceron adaptacións dos seus relatos, obras centradas na súa figura e, o que probablemente sexa máis interesante, traballos que recrean explicitamente as súas claves literarias. Resulta difícil aventurar por que experimenta este vigor unha mitoloxía tan extrema visualmente e que noutro tempo foi considerada pouco máis que un pulp afortunado, mais é probable que estes dous factores teñan algo que ver. Ademais da forza icónica do imaxinario lovecraftiano, a chegada da posmodernidade trouxo consigo unha multiplicación das citas e o uso de referentes, ademais dunha recuperación irónica (unha sutil reivindicación) das producións culturais máis populares, tradicionalmente minusvaloradas. O uso explícito de tópicos de xénero, nun diálogo de sobreentendidos entre autor e lector, logrou invertir a tendencia imposta polo terror psicolóxico, que eliminou as criaturas monstruosas na procura de efectos terroríficos máis sutís. O uso de monstros volve a estar permitido, se traen consigo unha filiación rastrexable mellor. A lura lovecraftiana volve estar de moda.

Aínda que poderían citarse moitas máis, dúas obras exemplifican perfectamente a recuperación recente do imaxinario lovecraftiano a cargo doutros autores. Unha é o Hellboy de Mike Mignola, cabeceira que leva anos percorrendo as distintas tradicións terroríficas mundiais tomando como punto de partida un relato cosmogónico, o do dragón Ogdru Jahad, que é unha derivación clara do ciclo de Cthulhu. A outra sería Fatale, serie na que Ed Brubaker e Sean Phillips combinan o substrato noir que predomina na súa produción conxunta cun terror de serie B de estirpe lovecraftiana. Se a influenza do escritor de Providence quedaba xa patente dende os primeiros capítulos da cabeceira, o terceiro tomo, Al Oeste del infierno (Panini, 2014), ofrece novos argumentos no mesmo sentido. En primeiro lugar, por extender a súa mitoloxía cara o pasado, revelando a presenza de criaturas sobrenaturais na Segunda Guerra Mundial, durante a conquista do Oeste ou no medioevo, no que supón a recuperación doutro tópico lovecraftiano, o da intervención das criaturas sobrenaturais no devir humano coma constante histórica. E en segundo lugar, por introducir o personaxe dun escritor de novelas pulp que semella ser unha homenaxe explícita a Lovecraft. A sonoridade do seu nome, Alfred Ravenscroft, deixa lugar a poucas dúbidas.

Os catro capítulos que compoñen este volume sinalan un intermedio na evolución da cabeceira, detendo o seu avance para enriquecer o seu trasfondo. Brubaker traslada a acción no espazo e no tempo, o que lle permite xogar cos estereotipos doutros xéneros, coma o western ou o bélico. Tamén se agradece a oportunidade de ver a un Sean Phillips sempre titánico, recreando agora escenarios pouco habituais na súa obra. Sen embargo, hai algo de artificioso nesta pausa, probablemente porque se prolonga sen moita xustificación argumental ata acadar a extensión suficiente para facer posible unha compilación unitaria. Brubaker non sempre é brillante pero rara vez defrauda. Phillips cada día debuxa mellor. A constancia e profesionalidade de ambos consegue que mesmo un volume de transición coma este sexa unha lectura agradable.