martes, febreiro 17, 2015

Elipses e sombras: Novas aventuras da illa remeira

Marcopola, a illa remeira: Dragoneta!

Se a banda deseñada infantil conta hoxe cun referente en Galicia, ese é Marcopola, a illa remeira, serie creada polo vigués Jacobo Fernández Serrano que alcanza xa o seu terceiro álbum. Cun excelente pulso narrativo e un engaiolante desenvolvemento gráfico, a cabeceira demostra que o cómic para cativos pode cumprir cos mesmos estándares de calidade que o destinado a un lector adulto.

Dicía McLuhan que os medios de masas que deixan de selo ou se converten en arte ou desaparecen. Esa parece ser a encrucillada na que se atopa o cómic en xeral e o infantil en particular, a de reivindicarse coma un produto valioso e de calidade ou esmorecer lentamente. Hai xa tempo que os cómics deixaron de ser lidos de forma masiva polos máis cativos. Nas últimas décadas, as tradicionais revistas de historietas, os tebeos editados en grampa, foron desaparecendo dos quioscos a medida que eran substituídas por outras alternativas de ocio, fundamentalmente as tecnolóxicas. Mais iso non quere dicir que o cómic infantil desaparecera. Simplemente transformouse, deixou de ser un produto de consumo masivo e adoptou novas formas: os seus contidos tenden a ser máis sofisticados e están mellor editados, adoptando formatos de vocación máis duradeira e, por tanto, tamén máis caros.

Jacobo Fernández Serrano representa entre nós a mellor versión desta nova forma de facer cómic infantil. A súa carreira como historietista parte da revista Golfiño, para a que creou a serie Os amigos de Archimboldo Roque, posteriormente compilada en álbum. En anos seguintes colaborou con outras cabeceiras coma Retranca, BD Banda ou Dos veces breve, ao tempo que se ía consolidando coma un dos máis recoñecidos ilustradores de literatura infantil do país. Mesmo probou sorte con éxito coma escritor, con varias novelas publicadas, entre elas Mil cousas poden pasar, pola que lle sería concedido o Premio Merlín en 2009.

Hai xa uns anos que Fernández Serrano lanzou Marcopola, a illa remeira, serie de banda deseñada dirixida aos lectores máis novos. O primeiro álbum, As orixes de Marcopola, foi publicado inicialmente en castelán e tivo versión galega en 2012, inaugurando a colección Merlín Cómics de Xerais. Despois chegarían Os piratas da lúa (2013) e o máis recente Dragoneta! (2014), ambos publicados xa orixinalmente en galego. A serie ten coma protagonista a Marcopola, unha illa que se desprende do fondo mariño e se dedica a viaxar polo mundo en compañía do seu amigo Libro. Como suxire o nome do personaxe, os de Marcopola son relatos viaxeiros, que xiran arredor da descuberta de terras descoñecidas, da interacción con novos personaxes e das aprendizaxes que a protagonista vai tirando das súas vivencias.

En Dragoneta!, terceiro álbum da serie, o alquimista Bisgovius transforma en dragoa a Demoneta, a malvada serpe mariña que aparecía na aventura inaugural da cabeceira. Para conservar o seu novo estado, a dragoa deberá cometer unha boa acción, algo que lle resultará máis complicado do que pode parecer. O encontro con Marcopola e Libro nos mares do Ártico resultará decisivo para ela. Como é habitual nas súas obras, Fernández Serrano crea unha narración cun claro sentido didáctico mais combinado con elementos lúdicos, coma a exaltación da aventura, da amizade e da experiencia vital. A serie conta xa cun nutrido grupo de secundarios e non renuncia a manter unha continuidade difusa, incorporando elementos de aventuras anteriores que resultarán recoñecibles ao lector habitual.

Boa parte da forza da serie reside no seu exquisito acabado gráfico. Fernández foi quen de desenvolver un imaxinario visual tan atractivo coma accesible para os lectores máis novos. De trazo fino e lineal, os seus debuxos semellan ser froito dun proceso de estilización moi consciente, simplificando as formas, eliminando os trazos superfluos e economizando nos fondos. As súas figuras son esquemáticas pero moi expresivas, perfectamente matizadas pola dozura das cores. O tamaño dos cadriños e a sobria posta en páxina axudan a guiar aos lectores máis novos e tamén a aqueles pouco familiarizados coa linguaxe da banda deseñada.

O álbum péchase anunciando unha cuarta aventura da illa remeira, Avoa power, confirmando a boa saúde da que goza a serie. Unha ledicia, considerando as escasas alternativas de BD galega infantil existentes no mercado actual.

luns, febreiro 09, 2015

Imaxes do abismo











"Sus páginas rezuman expresividad y están siempre llenas de matices. Pero más allá de la belleza de sus planchas está su aliento narrativo. Gipi es un maestro en el arte de contar historias, austero en sus planteamientos y franco con el lector, al que se dirige siempre sin aderezos. Apuesta por las emociones pero sin caer en la sensiblería ni recurrir a artificios. No lo necesita. Tampoco suele recurrir a planteamientos formales excesivamente complejos. La suya es una forma de narrar directa, simple".

O pasado 2014, coincidindo co centenario do inicio da I Guerra Mundial, tivo lugar unha revitalización dos contidos relacionados co conflito, dende aproximacións historiográficas e documentais, ata achegamentos dende a ficción. A banda deseñada non foi unha excepción, sendo varios os cómics relacionados coa Gran Guerra publicados ao longo de todo o ano (La Gran Guerra, Degenerado, La muerte blanca, Ambulancia 13...), algúns moi notables. Entre todos eles, as miñas preferencias están con unahistoria, o máis novo traballo de Gipi, unha confirmación do seu enorme talento e da orixinalidade da súa voz no contexto europeo actual. Disto falo en Imágenes del abismo, texto aparecido no novo número da Revista Ábrete Libro.

luns, xaneiro 26, 2015

Furious: Estrella caída

























Sabemos que a irrupción de Marvel Comics nos 60 contribuíu a mudar o estereotipo do superheroe que predominaba ata entón. Mantíñanse as habilidades asombrosas e un sentido ético a proba de bomba, pero os heroes Marvel comezaban a amosar un perfil psicolóxico máis complexo que os seus precedentes, con dúbidas,  inseguridades e traumas que nalgún caso se achegaban ao patolóxico. A viraxe resultou ser un acerto, os personaxes humanizáronse e gañaron forza dramática, o que foi aproveitado polos autores e agradecido polo público. Watchmen levaría esta evolución varios pasos máis aló, ao enunciar explicitamente as ideas que os canons do xénero deixaban nas sombras: conceptos diverxentes ou opostos de xustiza, variedade ideolóxica, falta de ética e mesmo mala praxe superheroica con desastrosos resultados. Todo o mundo sabía que había un rinoceronte na habitación, pero Moore e Gibbons (e tamén Frank Miller no seu Batman: The Dark Knight returns) foron os primeiros en dicilo en voz alta. Dende entón, especialmente dende finais dos 90 (The Authority, por exemplo, data de 1999), foron agromando cómics que, con maior ou menor acerto, exploran as zonas cegas do xénero superheroico, subvertendo os seus lugares comúns e revelando os seus tabúes. O xénero pasa a ser tema, o superheroe pasa a ser post-superheroe (dou por feito que este termo foi xa acuñado, aínda que me estraña que non se empregue con máis frecuencia). En tanto que Marvel e DC son o baluarte da versión tradicional do superheroe, este tipo de cómics teñen atopado nas alternativas editoriais a aquelas (Image, Dark Horse) o seu lugar natural, aínda que o mainstream comeza a verse contaminado tamén por esta tendencia. E o que comezou sendo unha reflexión sobre o propio xénero rematou por converterse case nun subxénero, ata o punto de que hoxe é difícil enumerar todas as obras que encaixan nesta categoría, e non todas eles perseguen un fin crítico, senón que en moitos casos o propósito principal é o de ofrecer unha premisa interesante, unha perspectiva novidosa ou mesmo unha alternativa que permita darlle novos azos ás historias de superheroes no século XXI.

Furious, cabeceira creada por Bryan J. L. Glass e Víctor Santos, é un bo exemplo disto. A protagonista é unha rapaza que obtén superpoderes e pretende redimirse dun pasado turbulento converténdose en superheroína. A estrutura tradicional do relato superheroico, de acordo co cal o protagonista asume o propósito de facer o ben e, accidentalmente, transfórmase en superheroe, aparece aquí invertida. A pretensión principal da protagonista é a de encaixar nun estereotipo, a figura do superheroe, asumindo de forma accidental a obriga de facer o ben para conseguilo. A obra comeza coa representación dun ritual (a intervención heroica) precedido dun ensaio diante do espello. A aspirante comparece correctamente uniformada diante do público coa idea de facer xustiza empregando os seus superpoderes para despois reivindicarse como superheroína cun breve discurso. Implicitamente recoñece que non son as propias accións, senón o recoñecemento social articulado polos medios de comunicación, o que confire a condición superheroica. Pero algo sae mal. A aspirante perde o control, déixase levar, excédese no uso da violencia. O resto da historia recollerá o seu esforzo non tanto por aprender a comportarse coma unha superheroína coma por mudar a percepción social que existe sobre ela.

Estrella caída (Aleta, 2014) é, como sinala Víctor Santos no limiar, unha historia de redención, mais concedendo especial relevo á exposición do individuo ao xuízo público polos medios de comunicación. En Daredevil: Born again, obra que o propio Santos menciona e paradigma do tebeo superheroico de caída e renacemento, a loita do individuo era esencialmente consigo mesmo. En Furious, todo aparece mediatizado pola percepción social. Os medios relataron a caída en desgraza da protagonista, que pasou de actriz infantil a estrela xuvenil devorada polos seus excesos; os medios expuxeron tamén os seus fracasados intentos de converterse en superheroína; e é diante dos medios onde a protagonista aspira a redimirse. No mundo que describe Furious, a realidade é televisada en tempo real para que o público poida emitir un xuízo inmediato, superficial e polo tanto facilmente reversible. O contexto social cambiou, o que supón ser un superheroe tamén e, con ambos, a forma de abordar o xénero.

Dito iso, Furious non semella ter sido escrito coa intención de darlle un xiro ao xénero senón simplemente de ofrecer un relato superheroico contemporáneo, capaz de reflectir o mundo en que vivimos. A relación entre Furious e o mundo paréceme máis interesante que a súa rivalidade coa antagonista Perfidia, que semella máis ben un pretexto argumental necesario para que a trama avance. Pola súa banda, Víctor Santos pasa con nota a súa primeira historia declaradamente superheroica, xénero ao que xa asomara en traballos como Protector e en innumerables ilustracións. A súa enérxica narrativa vese complementada nesta ocasión por unhas cores básicas e estridentes que lle confiren un brillo diferente ao seu debuxo, afeitos como estamos ao seu dominio do branco e negro.  

venres, xaneiro 23, 2015

Qadriños: José Luis García López visitará o Salón do Cómic de Barcelona




















É probable que José Luis García López non goce da popularidade doutros artistas do cómic de superheroes. Traballou habitualmente coas franquicias máis exitosas de DC Comics (Superman e Batman) pero posiblemente falta na súa carreira algún título especialmente significativo ou unha etapa memorable. O seu foi sempre un estilo elegante pero sobrio, narrativamente magnífico, aínda que se cadra máis cerebral que apaixonado. Sen embargo, poucos autores poden demostrar dun xeito tan doado a súa influenza no xénero, xa que el foi quen estableceu o estándar gráfico dos principais superheroes de DC Comics (Superman, Batman, Wonder Woman..., case nada) durante a década dos 80 no célebre DC Comics Style Guide. E non deixo de sorprenderme cando atopo hoxe, trinta anos máis tarde, deseños tirados deste manual de estilo estampados en produtos de merchandising ou decorando a zona de cómics dalgúns grandes almacéns. Este veterano debuxante de orixe galega ao que descubrín na primeira década da miña vida nas páxinas de Atari Force visitará o Saló de Barcelona na súa 33ª edición, canda artistas coma David Finch, Frederik Peeters ou Milo Manara. Con este pretexto repaso a súa traxectoria, aínda que sexa brevemente, no blog Qadriños.

martes, xaneiro 20, 2015

Alabaster


























Resulta inevitable poñer en relación Alabaster (Astiberri, 2014) de Osamu Tezuka con El libro de los insectos humanos (Astiberri, 2013) e La canción de Apolo (ECC, 2014). Publicados orixinalmente a principios dos 70, os tres títulos permanecían inéditos entre nós ata a súa recente aparición e pertencen á mesma etapa creativa do seu autor, o momento no que Tezuka comezou a dirixirse a un lector máis maduro do que ata ese intre. De todos os xeitos e malia teren aspectos en común, os títulos mencionados resultan considerablemente distintos entre si. En El libro de los insectos humanos, Tezuka reflexionaba sobre a condición humana, presentando ao lector un catálogo de estereotipos persoais e actitudes sociais extremas con fins moralizantes. La canción de Apolo pretendía ser unha contribución á educación sentimental e sexual dos mozos xaponeses da época (anos 70). Fronte a isto, Alabaster preséntase coma unha obra máis ancorada na súa literalidade, da que apenas podemos tirar leccións salvo, se cadra, un certo convite a non deixar que o resentimento nos domine.

A trama constrúese arredor do malvado Alabaster, nom de guerre dun ex-atleta negro reconvertido en misántropo tras un desengano amoroso. Fisicamente desfigurado, oculto baixo unha capa negra e un sombreiro de á ancha, Alabaster revélase coma un personaxe máis arrepiante polos medios que emprega (morte e destrución) que polos fins que persegue (inverter o canon de beleza dominante). Como supervilán hiperbólico, Alabaster consegue perturbar o statu quo mundial aínda que o que persiga sexa unha simple revolución estética. A súa caracterización gráfica remite tanto a clásicos literarios (O fantasma da Ópera ou O home invisible) coma a figuras da serie B (velaí as semellanzas con Regreso ao Planeta dos Simios sinaladas por Daniel Ausente).

Malia a aparente centralidade da figura do vilán, o relato xira realmente en torno ao personaxe de Ami, unha rapaza invisible adoptada por Alabaster da que este se valerá para levar a cabo os seus plans megalómanos. O que inicialmente podería semellar un relato de acción centrado na persecución do xenio malvado mestúrase co melodramático ciclo de vitimización, corrupción e redención dunha pobre nena orfa. Coma noutras obras de Tezuka, os códigos mestúranse, ás veces de forma desconcertante, ata que o inxenuo desemboca no bizarro e viceversa. Un axente do FBI con tendencias autoeróticas e gusto polo travestismo; un supervilán que domina unha mortífera técnica de lanzamento de pedriñas; unha rapaza sordidamente violada. Todo cabe no impetuoso relato do mestre xaponés, que nunca se afastou dos estilemas gráficos propios do manga infantil.

Quen queira facer interpretacións en clave moral atopará en Alabaster unha reflexión sobre a sobrevaloración da beleza superficial e tamén sobre a inutilidade do resentimento. Mais por riba disto, se hai algo que fai brillar a obra é o maximalismo da súa proposta unido á súa falta de solemnidade. O histrionismo dos personaxes, a teatralidade dos escenarios, a turbulencia emocional e o coñecido pulso narrativo de Tezuka fan que ademais dun instrumento útil para coñecer o universo do seu autor e o seu papel na evolución do cómic xaponés, Alabaster sexa unha lectura fascinante.

Entradas relacionadas
El libro de los insectos humanos
La canción de Apolo

luns, xaneiro 19, 2015

Elipses e sombras: Aurora West, heroísmo e legado

El momento de Aurora West

David Rubín presenta estes días El momento de Aurora West, unha aventura xuvenil producida en colaboración co historietista norteamericano Paul Pope. Aínda que nun formato menos espectacular que o dos seus traballos recentes, a obra reúne as virtudes coñecidas do artista ourensán ao tempo que supón a súa primeira experiencia no mercado norteamericano.

A principios do pasado 2014 publicábase Battling Boy, o máis recente traballo de Paul Pope, un autor norteamericano cunha extensa traxectoria no eido do cómic independente, aínda que tamén con incursións esporádicas no cómic comercial. O título revelábase coma unha posta ao día do relato heroico no que as premisas máis clásicas (heroes contra bestas) convivían con ingredientes propios de xéneros máis modernos, coma o pulp ou os superheroes. Do mesmo autor chéganos agora El momento de Aurora West, cabeceira consagrada a ampliar o universo de Battling Boy e para a que Pope quixo contar coma debuxante cunha primeira figura do cómic galego, David Rubín.

Pope confesa que foi mentres Battling Boy estaba en proceso de elaboración cando se decatou do potencial do personaxe de Aurora West, que tiña asignado un rol secundario, e decidiu que a súa historia debería ser contada. Mais os seus compromisos, principalmente a elaboración do segundo tomo da serie principal, impedíanlle ocuparse el mesmo de todas as facetas de produción, polo que escribiu o guión en colaboración co escritor J.T. Petty e buscou un debuxante que se ocupara do apartado gráfico. E o elixido foi David Rubín.

Non resulta difícil buscar coincidencias entre a obra de Pope e a de Rubín. De feito, son moitos os aspectos de Battling Boy que lembran a El Héroe, título senlleiro de David Rubín no que o artista ourensán revisaba libremente o mito de Heracles. Ambos os dous rexeitan as versións cínicas e desmitificadoras dos relatos heroicos apostando pola emoción pura e o sentido de marabilla. E malia que é difícil falar de semellanzas entre dous autores de debuxo tan persoal, si existe unha certa afinidade de estilo entre ambos.

En El momento de Aurora West, como en Battling Boy, a aprendizaxe da tarefa heroica funciona como metáfora da entrada na idade adulta. Naquel título os personaxes principais formaban parte dunha estirpe semidivina para os que o comportamento heroico era unha obriga que se transmitía por vía dinástica e que o rapaz protagonista debía confrontar en solitario. Fronte a isto, El momento de Aurora West relata a educación da rapaza protagonista a cargo do seu pai, Haggard West, o campión da imaxinaria cidade de Arcópolis. Hai un acompañamento, un pai que transmite á súa filla un legado inmaterial, a idea de heroísmo entendido como axuda aos demais. Se na obra precedente primaba o alento mitolóxico, desta volta apélase a versións máis recentes do relato aventureiro, como a novela decimonónica (as pasaxes que transcorren en Exipto ou o nome do protagonista, Haggard, resultan ben significativos), o pulp ou o cómic de superheroes.

É probable que o máis salientable da obra sexa a habelencia de Pope para empregar unha dobre linguaxe que permite que tanto lectores xuvenís coma adultos poidan gozar coa súa lectura. A elección dunha protagonista adolescente, coa súa predicible necesidade de autoafirmación, reforza o atractivo para o público máis novo. Toda a trama pode lerse como un relato de aventura, cunha elemental confrontación entre o ben e o mal á que se lle engaden elementos propios das historias de instituto. O formato elixido (dimensións reducidas, branco e negro), moi semellante ao que emprega habitualmente o cómic máis lido pola mocidade, o manga, reforza a accesibilidade para o público novo. Diríase que Pope se propón deseñar unha obra que poida resultar atractiva ao lector xuvenil sen caer nas eivas frecuentes deste tipo de narracións: a estandarización, o exceso de simplicidade ou o didactismo. Ao mesmo tempo, a obra ten atractivo abondo (reciclaxe de conceptos, mestura de xéneros,  homenaxes máis ou menos explícitas) para que un lector con máis bagaxe poida gozar da súa lectura.

O labor de Rubín atópase moi mediatizado polo formato elixido, especialmente se o comparamos co dos seus traballos máis recentes. Tanto en El héroe coma en Beowulf, Rubín dispoñía dunhas dimensións de páxina que lle permitían despregar un grafismo grandilocuente, repleto de imaxes espectaculares, de xogos narrativos vistosos e cun coloreado que contribuía a encher de matices a experiencia lectora. Nada diso é posible en El momento de Aurora West, cuxas características formais esíxenlle ao debuxante unha maior contención: diminuír o número de cadriños por páxina e primar a fluidez no relato. O regreso ao branco e negro non supón un problema para Rubín, que empregou este acabado en gran parte da súa obra e ao que sempre soubo tirarlle partido. Aínda que menos exuberantes, as páxinas resultantes conservan  as restantes virtudes dos lapis do ourensán: a forza, a expresividade, a claridade expositiva.

Con cada vez máis obra traducida en Europa, El momento de Aurora West é o primeiro traballo que Rubín publica en Estados Unidos, mais non será o derradeiro. Para novembro deste ano está anunciada The fall of the house of West, continuación e peche desta saga, mentres que nuns meses verán a luz tamén as versións para o mercado norteamericano de El Héroe e Beowulf, os seus traballos anteriores. Confírmase, xa que logo, o seu excelente momento creativo ao tempo que se abre unha nova etapa na súa carreira.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2015]

venres, xaneiro 09, 2015

Qadriños: Emma Ríos anuncia os seus proxectos para 2015












O 2015 chega inzado de proxectos para Emma Ríos. En Qadriños refírome á participación da autora no Image Expo, onde presentou os títulos nos que está a traballar e que serán publicados ao longo deste ano. É unha ledicia comprobar que a galega está a medrar en popularidade e prestixio nun mercado coma o norteamericano, que resulta tremendamente competitivo pero que ao tempo ofrece unhas posibilidades de difusión enormes. Mais por riba de todo, hai que destacar que a súa carreira comeza xa a asentarse coma autora, con proxectos da súa creación, xa sexa en solitario ou coa colaboración doutras artistas coma Kelly Sue DeConnick ou Hwei Lim, e tamén da súa propiedade. O creto do que goza gañouno a base de talento e traballo, polo que merece todos os nosos cumprimentos. Agardamos impacientes a publicación deses novos títulos.

mércores, decembro 17, 2014

Qadriños: Este Nadal regale cómic galego












Achégase o final de ano, tempo de balances e tamén de mercar agasallos de Nadal. Un dos síntomas do bo momento da banda deseñada galega é a abundante presenza de cómic galego nos andeis das librarías. Nunha nova entrada en Qadriños recollo algúns deses títulos, a modo de suxestión. Disimulen os ausentes, que os haberá.

martes, decembro 16, 2014

Elipses e sombras: Inventario de beleza cotiá

Catálogo oneroso de beleza gratuíta
 
Fran Bueno presenta estes días Catálogo oneroso de beleza gratuíta, un álbum intimista e de grande beleza plástica co que resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada 2013. A obra amósanos unha nova faceta na carreira do seu creador, a do artista que fala en primeira persoa e se presenta ante o lector sen intermediarios.

Fran Bueno é un autor cunha extensa traxectoria no eido da banda deseñada e a ilustración. Gañador de diversos certames de cómic a finais dos 80, a súa carreira profesional comezaría con obras coma O máxico arrecendo e varios cómics divulgativos de temática medioambiental elaborados para o Consello da Cultura Galega. Coa escritora Marilar Aleixandre crearía a serie infantil Os escachapedras, que vería a luz na revista Golfiño e sería publicada posteriormente na revista Oink!. Nos últimos anos ten traballado para o mercado internacional, colaborando co escritor Pierre Veys no serial Sales coups sur Strombo, aparecido na revista francesa Lanfeust, e posteriormente abríndose paso no mercado norteamericano con cabeceiras coma Causas nobres e Amor infernal, escritas ambas por Jay Faerber. Tamén colabora de forma habitual coa editorial Xerais, para a que ilustra de libros de narrativa infantil e xuvenil.
 
Non resulta estraño que Bueno se defina na súa web coma alguén que “consegue que lle paguen polos seus garabatos” e “que vai por aí presumindo de profesional, emitindo facturas e todo”. É probable que ata agora sexa precisamente a súa solvencia profesional, a súa versatilidade e capacidade para mudar de rexistro e axustarse ás esixencias de xéneros diversos, o que mellor define a súa traxectoria. Se cadra por iso, pola súa extensa carreira traballando ao ditado doutros escritores, poderiamos caer no erro de pensar que carece dunha voz de seu. De aí a relevancia do seu traballo máis recente, Catálogo oneroso de beleza gratuíta, que supón un rotundo desmentido desta idea, e non só por ser Bueno o autor único da mesma, senón tamén porque o seu principal propósito semella ser precisamente o de ceibar a súa voz e ofrecer unha visión do mundo de matiz marcadamente persoal. Como reza o título, Bueno fai inventario da beleza cotiá, lembrándonos que moitas das cousas que nos rodean poden contribuír a facernos felices, aínda que sexa só por uns intres. E faino en primeira persoa, dirixíndose ao lector directamente, sen intermediarios. Os lances narrativos son mínimos, case inexistentes. O que predomina é a voz do autor, a expoñerse diante dos lectores.
 
Catálogo oneroso de beleza gratuíta resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada que organiza a Deputación da Coruña. O xurado destacou, entre outros aspectos, a perfección técnica do desenvolvemento gráfico de Bueno, algo que está fóra de dúbida, e non só pola beleza dos seus deseños, senón tamén pola intelixencia con que relaciona imaxes e significados. Fronte as ilustracións que reproducen de forma literal a idea á que se refiren, atopamos outras que o fan de forma metafórica e, entre estas, as que máis destacan son aquelas que se valen da ironía. Bueno desprega un sentido do humor pícaro e retranqueiro que non só arranca sorrisos do lector, senón que funciona coma un atinado contrapunto ao ton intimista que predomina na obra.  
 
Tería visto a luz este cómic de non ter sido gañador do Premio Castelao? É moi probable que non, e non por un problema de calidade, senón pola súa escasa vocación comercial e polas reducidas dimensións do mercado da banda deseñada. Velaí un exemplo da importancia, mesmo da necesidade, deste tipo de certames, que contribúen a suplir as eivas do mercado e facer visibles obras que dificilmente serian publicadas doutro xeito. E neste caso, que nos permiten achegarnos a un autor que xa coñeciamos na súa versión máis xenuína e persoal.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 15 de decembro de 2014]

martes, decembro 02, 2014

The League of Extraordinary Gentlemen: Dossier negro

























A primeira miniserie da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios e a súa secuela participaban decididamente do propósito central da liña ABC Comics que Alan Moore lanzara ao mercado en 1999, isto é, ofrecer ao lector de cómic comercial norteamericano unha alternativa ao tebeo superheroico ou, se se prefire, imaxinar como sería o cómic popular de finais do século XX de non ter caído no monopolio de facto dos superheroes. Axudado polo vistoso debuxo de Kevin O'Neill, Moore, botaba man de figuras literarias fortemente asentadas no imaxinario popular para reconvertelos en protagonistas dunha aventura posmoderna, un crossover de tradicións literarias deliberadamente lixeiro e construído a partires da única idea de reunir os personaxes. Tanto a posterior triloxía Century (1910, 1969, 2009) coma a derivación máis recente coa dinastía Nemo coma protagonista (Corazón de xeo e As rosas de Berlín) van afastándose cada vez máis do concepto orixinal, acollendo a novos personaxes de perfís máis diversos (menos icónicos e populares case todos eles, e tamén máis vinculados á  tradición literaria anglosaxona), e engadindo unha sementeira de referencias e chiscadelas inabarcables para o lector medio.

As diferenzas entre estes dous momentos da cabeceira parecían aínda maiores pola ausencia de Dossier negro (Planeta, 2014), capítulo que marca a liña divisoria entre ambas etapas e que permanecía inédito ata agora por unha cuestión de dereitos legais. De feito, a súa lectura resulta totalmente esclarecedora, xa que a súa función semella ser a de dar por pechada a primeira etapa e dar paso á segunda. Ambientada a finais dos anos 50, a obra relata como dous membros do grupo orixinal, Mina Harker e Allan Quatermain, rouban o dossier do servizo de intelixencia británico  que fai referencia ás sucesivas encarnacións da Liga. A peripecia do roubo e fuxida dos protagonistas combínase con extractos do documento, no que se adiantan boa parte das aventuras que Moore e O'Neill desenvolverían posteriormente, ao tempo que se suxiren outras das que, nun retrouso borgiano, nada máis saberemos. Máis outra vez, Moore xoga á ventriloquia, reproducindo códigos, imitando voces e amoreando referencias: unha obra teatral presuntamente shakesperiana, capítulos perdidos da Fanny Hill de Cleland (con referencias a Swift e o seu Gulliver), un relato de ton humorístico no que o Jeeves de Woodehouse combate luras lovecraftianas, narracións pulp, escritura automática estilo beatnik... O tomo conclúe cunha reivindicación da fantasía e da capacidade transformadora da imaxinación humana, unha mensaxe que atopamos noutros traballos do escritor británico.

Se nas primeiras achegas Moore se abandonaba á aventura steampunk, desta volta elabora un aparatoso tratado intertextual que, lonxe de poñer as cousas doadas, esíxelle ao lector paciencia e flexibilidade para se adaptar aos continuos cambios de código, ademais dunha notable solvencia cultural. Alén da satisfacción que proporciona a identificación de referencias ou a descuberta de figuras ata agora descoñecidas (no meu caso, por exemplo, a de Bulldog Drummond, aquí baixo o nome de Hugo Drummond), a lectura pode chegar a resultar esgotadora. Malia a súa densidade, é posible que sexa en Dossier negro onde o concepto da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios cobra verdadeiro sentido e onde o autor fai xustiza ao legado cultural que manipula. Son as fantasías creadas polo ser humano as que vixían o devir do mundo, unha idea fermosa que Moore desenvolve cunha furia pouco habitual na súa produción recente.