venres, xullo 20, 2007

Profesor Bell: Os bonecos de Xerusalén



Á miña confesa predilección por Joann Sfar debo engadir a debilidade que sinto, dentro das súas creacións, polo Profesor Bell. Son tantos os arquetipos ós que apela este personaxe que a súa ascendencia se dilúe nunca multitude que participa no esencial da narrativa fantástica e policial do XIX, pero tamén dos pulp do século pasado ou da máis recente reconstrucción (ou deconstrucción) posmoderna daqueles mitos.


Os bonecos de Xerusalén, segunda entrega da serie, reúne os elementos que sostiñan o episodio anterior, O mexicano de dúas cabezas, isto é, unha intriga entre policial e esotérica conducida cun alento un tanto irracional e con mostras dun sentido do humor caústico e penetrante. Ó anterior engádese, neste capítulo, un dos temas recurrintes na obra de Sfar e que, tratándose dun relato cuia acción se traslada a Jerusalén, non podía permanecer ausente: a relixión. O conxunto é unha obra animosa e desmitificadora, na que a solemnidade de figuras fantasmais e demoníacas se ve corroída pola distancia irónica e cuio espíritu lembra por intres a outra obra esencial do mesmo autor, A mazmorra.


No aspecto gráfico, o traballo de Sfar presenta unha factura algo máis coidada do que adoita. O trazo inacabado e un tanto desleixado propio das súas creacións máis recentes contrasta coa liña precisa, estructurada e ben definida desta obra, máis convencional se se quere, pero tamén de lectura máis doada.

sábado, xullo 14, 2007

Top 10



A invasión dun apartamento por unha colonia de super-ratos é combatida mandando unha manada de super-gatos ó contraataque. Da colisión entre ambas especies xurde un crossover de crises e guerras segredas que termina por afectar ó tecido temporal, mudando a continuidade e facendo que a familia afectada non queira pagarlle ó exterminador, por non lembrar nada do acontecido. Un exemplo do sentido do humor que destila o Top 10 de Alan Moore, irónico e intelixente, xenuinamente británico, un tanto distante e, en calquera caso, só apto para lectores cunha bagaxe previa.

Moore eleva a norma o extraordinario creando un universo no que todo o mundo é un superheroe con pixama. A partires de aí, os policías dotados de superpoderes da comisaría de Top 10 non deixan de ser xente normal que debe afrontar casos policiais comúns. Todo indica, nun principio, que non hai mensaxe alén do paródico: un mundo estrafalario e excesivo, un mosaico no que o lector pode empregarse a fondo na pescuda de referencias e homenaxes, e unhas aventuras sinxelas, tan enxeñosas como aparentemente intrascendentes.

Sen embargo, as distancias longas benefician á serie. Cando un chega á altura do décimo capítulo as tramas que parecían inocuas comezan a tomar forma ó servizo de fins superiores. Personaxes que resultaban case grotescos amosan agora un perfil ben definido e o lector, este lector cando menos, sorpréndese de se identificar con eles. O que parecía un mero xogo paródico adquire un tono máis serio sen necesidade de renunciar ós seus sinais de identidade.

Anque Moore traballou en productos de xénero (ciencia ficción, superheroes, terror), a súa tendencia natural parece ser a de interpoñer unha certa distancia e xogar coas convencións dos mesmos. Un xogo como éste, consistente en facerlle explícitas ó lector as costuras do medio, non resulta doado. De feito, á intelixencia e capacidade analítica imprescindibles para levar a cabo proxectos deste tipo hai que engadirlle unha considerable dose de talento para non caer nunha certa asepsia. Sen abandonarmos a producción de Moore, unha obra tan indicutible como Watchmen trunfa no terreo emocional sen perder forza como disección (¿autopsia?) do xénero superheroico; pola contra, un traballo tan apreciable como Supreme funciona só como exercicio de estilo, sumamente elegante e mesmo revelador, pero virtualmente incapaz de implicar emocionalmente ó lector.

Top 10, non estando á altura das obras mestras de Moore, consegue sobrepoñerse á súa vocación meramente lúdica e ofrecer momentos brillantes non só no enxeño devaluador propio da ironía, senón tamén na defensa duns personaxes e tramas cos que, en última instancia, o británico semella amosar un indiscutible cariño polo xénero superheroico. O resultado é unha pequena marabilla, unha obra que require paciencia e unha certa madurez para poder ser disfrutada ó máximo.

A definición gráfica da serie corre a cargo dun Gene Ha prometedor pero, daquela, con defectos evidentes. Poucas obxeccións se lle poden facer ó seu labor no deseño de personaxes, sendo quen de dotar de dignidade ó que noutras mans podería non pasar de simplemente extravagante. Sen embargo e malia a mellora que evidenciaron traballos posteriores, resultan frecuentes nesta obra problemas coas perspectivas e coa definición espacial que veñen a dificultar a súa lectura en momentos concretos.

xoves, xullo 05, 2007

Solo: Darwyn Cooke



Encomiable iniciativa a de DC comics coa súa serie Solo, na que se poñen 48 páxinas a disposición dun artista para que desenvolva con total liberdade creativa (poñéndolle os debidos matices ó adxectivo “total”) as historias que desexen, con ou sen personaxes da editorial. Pola súa banda, Darwyn Cooke é un valor en alza dende a súa volta ó medio, tras un tempo traballando en animación. Á súa indiscutible excelencia gráfica hai que engadir un considerable talento como escritor, ben representado en obras como O grande golpe de Selina ou especialmente DC: A nova fronteira.

Dito isto, non podo ocultar unha certa decepción co traballo de Cooke en Solo, dada a evidente asimetría entre a calidade gráfica e a argumental. No que ó debuxo se refire, o traballo de Cooke pode calificarse de auténtico alarde. A variedade de estilos, a perfecta composición, a mestría narrativa, o uso da cor, do claroscuro, etc, compoñen case un manual de recursos para debuxantes. As súas planchas invitan a unha contemplación demorada e recurrinte, atenta ós detalles, ós cambios de rexistro.

Sen embargo, a irregularidade das historias ven a estragar considerablemente o resultado final. A narración titulada Deja vu, protagonizada por Batman, na miña opinión a mellor do caderno, constitúe un bo exemplo do pouco que se precisa para aproveitar ó máximo o talento do autor. Trátase dunha historia lineal e simple, sen apenas contido literario, que o bo facer narrativo de Cooke troca nunha pequena xoia de precisión e coñecemento das entranas do medio. Sen embargo, nengún dos restantes capítulos chega a este grao de perfección. A historia A xanela do mundo, de contido aparentemente autobiográfico, non pasa de tenra e agradable, de igual xeito que Tolemia cotiá ou as Tiras cómicas se quedan en simplemente simpáticas; pola contra, O Rei de América (narración protagonizada por King Faraday e integrada na realidade de A nova fronteira) e The question (protagonizada por... The Question, claro) resultan abertamente decepcionantes. Por todo isto, o que se cadra cómpre para un mellor disfrute deste traballo é unha rebaixa das expectativas, especialmente no que atinxe ó contido argumental.

Entradas relacionadas
DC: A nova fronteira

martes, xullo 03, 2007

Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa



A pesares de tratarse de dous tomos consecutivos hai unha grande diferencia entre o segundo e o terceiro arco argumental da serie Sleeper. O primeiro deles, Todo é mentira, desenvolve o plantexamento inicial da serie e o leva á sua conclusión parcial co peche do primeiro volume e un sutil cambio de estatus do protagonista. Grande parte do interese da serie pivota en torno á súa suxerente premisa: Holden Carver, axente infiltrado nunha organización criminal queda á súa sorte cando a única persoa que sabe da súa condición de axente doble cae en coma. O instinto de conservación, o coñecemento íntimo do inimigo e o rancor cara quen o puxo nunha posición tan complicada lévano a cuestionarse as súas lealdades, nun proceso contradictorio que se complica a medida que na organización criminal medran as sospeitas de contaren cun infiltrado nas súas filas.

Ed Brubaker desenvolve con pulso firme a potencialidade deste escenario e faino co bo criterio de non prolongar as situacións máis do debido. As dúbidas de Carver e a súa posición ambivalente resólvense no número 12 da serie orixinal, capítulo final deste primeiro tomo e punto de partida para a segunda etapa da serie. Malia a dar por finalizada unha premisa que funcionaba correctamente, paréceme atinada a idea de non prolongala en exceso e, pola contra, someter á serie a unha evolución proveitosa.

Unha liña borrosa é o primeiro arco desta segunda etapa no que, co escenario, muda considerablemente o tono da serie. Perde forza o enfoque de xénero negro ó tempo que se lle da entrada a elementos ata entón prácticamente ausentes, como algún concepto de ciencia ficción. O resultado é, como a liña do título, un tanto difuso, perdendo a serie boa parte dos seus rasgos de identidade e caendo nunha certa indefinición. Conserva, iso si, a ollada cáustica e socarrona sobre as convencións superheroicas, explicitada nesas orixes dos personaxes narradas en terceira persoa.

O que se mantén inalterado dun a outro volume é o labor de Sean Phillips no debuxo, inconmensurable na tarefa de responder gráficamente ás esixencias do guión. Unha ollada ós traballos anteriores deste artista pon de manifesto ata que punto altera o seu estilo, especialmente no deseño de páxina, para dotar á serie dunha imaxe de seu.

Entradas anteriores
Sleeper: Á súa sorte

venres, xuño 29, 2007

Gotham Central: Corrigan II



Unha consideración preliminar. A primacía dos propósitos comerciais fronte ós creativos nos grandes crossovers fai que, en moitos casos, os resultados deixen moito que desexar. Cando, por riba, estamos ante “eventos mensuais” que non trascurren en colección aparte senón que afectan a todas as series dun universo, o normal é que a acción principal se concentre nunhas poucas cabeceiras mentres o resto cumplen con historias forzadas, que interrumpen o normal transcurso da serie e, nos máis dos casos, resultan perfectamente prescindibles.

Iso é o que lle acontece ó primeiro capítulo dos catro que compoñen este derradeiro tomo da serie regular de Gotham Central, no que os protagonistas deambulan sen un propósito definido por un escenario no que non se nos explica suficientemente o que acontece. Tratándose dunha serie considerablemente arredada do universo superheroico tradicional (anque formalmente integrada nel) o resultado é ainda máis insatisfactorio.

Cumplido este trámite, Greg Rucka e Kano afrontan o que será o arco final da serie, no que se resolverá unha subtrama que ven desenvolvéndose ó longo dos últimos números, o caso do axente corrupto Corrigan. O protagonismo céntrase, como non podía ser doutro xeito, na parella de policías que no transcurso dos capítulos previos se revelou como a máis carismática da comisaría de Gotham, Crispus Allen e Renee Montoya. Rucka articula un final aberto (de feito, ten tanto de final como de principio) que non termina de resultar satisfactorio. Guiada por unha evidente vontade de fuxir de tópicos, a conclusión consegue non resultar previsible, ainda que non se pode dicir o mesmo dos excesos dramáticos que a preceden.

En calquera caso, unha das mellores series dos últimos tempos atopa un final digno, algo que non resultaba doado dada a ausencia de dous dos seus tres (con Rucka) artífices principais: Ed Brubaker e Michael Lark. Se o traballo do guionista é correcto, non menos o é o de Kano cos lápices, ben secundado por Stefano Gaudiano e Lee Loughridge. A conclusión consegue ser, ademáis, respetuosa cos personaxes de Allen e Montoya. Chamados polas altas esferas de DC comics a ocuparen un lugar máis visible no seu universo superheroico, ambos se verán sometidos nun futuro próximo a unha inevitable desnaturalización devaluadora.

Entradas relacionadas
Gotham Central: Robin morto
Gotham Central: O alquimista
Gotham Central: Corrigan
Gotham Central: Caso sen resolver
Gotham Central: A vida está chea de decepcións


xoves, xuño 28, 2007

Promethea 1



Ainda que poida parecer outra cousa, a liña America’s Best Comics promovida hai uns anos por Alan Moore, non estaba exenta de riscos. Poucos artistas concitan o favor de crítica e lectores cun grao de unanimidade comparable ó do de Northampton. E sen embargo, a súa explícita intención de arredar temporalmente os seus proxectos máis persoais e adultos para crear unha liña de cómics dirixida ó grande público supuña en boa medida un reto, non só por entrar en competición directa coas grandes editoriais do mainstream norteamericano (anque finalmente a liña ABC sería editada por Wildstorm e, indirecta e imperceptiblemente, por DC), senón ademáis pola evidente dificultade que supón para calquera escritor guionizar ata media ducia de series mensuais. Feitas esas consideracións, transcurridos xa un feixe de anos dende a irrupción inicial de Tom Strong, Top Ten ou a Liga dos Cabaleiros Extraordinarios e pervivindo ainda a liña, anque con periodicidade variable e presenza escasa, pódese dicir que os resultados foron, tanto no comercial como no creativo, claramente satisfactorios.

O caso de Promethea pode ser, a este respecto, paradigmático. Nunha aproximación intuitiva podería pensarse que nos atopamos ante un cómic próximo ó xénero superheroico, con protagonista feminina e a maxia como leit motiv esencial, isto é, unha caste de mistura entre Doutor Estraño e Wonder Woman. E non sendo unha imaxe totalmente distorsionada, o certo é que semellante visión resulta simplista e, por tanto, insuficiente. E é que para Moore, crear un producto asequible non implica absterse de introducir elementos que lle confiran unha certa profundidade. Así, o personaxe de Promethea xurde da irmandade entre imaxinación e maxia, literatura e mito, temas todos eles recurrintes na obra de Moore. O que se presenta como lenda apócrifa remata nun exercicio de metaliteratura (ou metahistorieta), participando da idea apuntada polo autor en From Hell de que a veracidade pode emanar da fantasía e non necesariamente da verdade histórica. E todo o anterior baixo a apariencia dunha aventura pseudo-futurista, fluida e accesible.

Digno de mención resulta igualmente o labor de J.H. Williams III cos lápices. Coñecendo tanto a exhaustividade dos guións de Moore como o seu gusto polas simetrías, é posible que sexa tamén súa boa parte da responsabilidade no que atinxe ó acabado gráfico da serie. Non obstante, o bo gusto de Williams nas espectaculares composicións de páxina e no deseño de criaturas máxicas resulta o complemento idóneo para os guións do inglés, conferíndolle á serie unha imaxe de seu.

Os seis primeiros números da serie orixinal recollidos neste primeiro tomo editado por Norma abondan para constatar a súa sobresaínte calidade. Non está á altura das consabidas obras mestras de Moore (nen pretende estalo), pero si por enriba da meirande parte dos productos do mercado.

Entradas relacionadas
Cousa do Pantano: No pantano

mércores, xuño 20, 2007

Ex Machina: Realidade contra ficción



Contemplando cunha certa distancia o traballo de Brian K. Vaughan percíbense nas súas obras esquemas narrativos recurrentes. A narración simultánea de feitos presentes e pasados resulta esencial nunha obra como Ex Machina na que a caracterización do personaxe protagonista, Mitchell Hundred, toma como referencia constante o seu pasado como heroe enmascarado ou mesmo vivencias de mocedade, dun xeito semellante a como se explora de maneira habitual a xuventude de Yorick en Y o último home.

Este Realidade contra ficción non é unha excepción a este respecto, presentándose no pasado persoal de Hundred algunhas das claves de interpretación do que lle acontece no presente. Como era de agardar, a trama proporciona protagonismo a personaxes que foron presentados ó lector en capítulos precedentes, no que semella un exercicio de planificación coidadosa por parte do escritor. Sen embargo, por momentos semella que a serie quere xogar a dúas cartas a un tempo, sen que remate de definirse. Pártese da idea de que Hundred abandona a súa identidade superheroica para adicarse ó cargo de alcalde de Nova Iorque e nesa premisa, na preeminencia da faceta pública do protagonista, parece basearse a trama. Non obstante, en volumes como éste a faceta política de Hundred non pasa do anecdótico, mesmo aceptando que o tratamento non pretenda ser realista (que non o é en absoluto) mentres, pola contra, os seus superpoderes pasan a un primeiro plano. O punto forte da serie radica, ó meu entender, na caracterización e especialmente na capacidade de Vaughan para escribir diálogos enxeñosos, se cadra enxeñosos de máis para resultaren naturais.

Tony Harris segue na liña que ven marcando na serie, cun alto grao de artificiosidade e estatismo a consecuencia da utilización de modelos fotográficos. Non deixa de resultar paradóxico que aquelo co que se pretende acadar máis naturalidade e realismo veña a producir exactamente o efecto contrario.

Entradas relacionadas
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

venres, xuño 15, 2007

Shenzhen



É probable que o Pyongyang de Guy Delisle non tería sido unha obra tan redonda de non ter sido precedida por Shenzhen. Ambas comparten propósito e enfoque: a aproximación en clave autobiográfica e moderadamente humorística ó mundo oriental (Corea do Norte e República Popular de China, respectivamente) por parte dun quebequés. Shenzhen funciona como ensaio xeral, sólido e ameno, fondamente respetuoso cos “outros” (a pesares da incomprensión persoal ou a discrepancia co modelo político), sanamente gracioso, sempre comedido. E sen embargo, debe considerarse sutilmente inferior á obra que a seguiría.

É menor a súa capacidade de penetración na cultura chinesa, se cadra porque, dacordo co narrado, o autor estuvo máis illado, tivo menos contacto cos chineses e mesmo con estranxeiros residentes naquela cidade. Hai un distanciamento maior na súa experiencia que en boa medida se transmite ó lector. Mesmo os seus trazos teñen un acabado difuso pouco favorecedor.

Xa que logo, podería dicirse que, paradóxicamente, o maior defecto de Shenzhen é Pyongyang, motivo polo cal resulta recomendable ler as dúas obras na orde en que foron publicadas orixinalmente (a edición de Astiberri seguiu a orde inversa), de xeito que, ó ir in crescendo, o disfrute de ambas sexa maior.

Entradas relacionadas:
Pyongyang

luns, xuño 11, 2007

Lúas de papel



O novo traballo de Fermín Solís supón un importante xiro respecto á súa traxectoria previa. Lúas de papel é un relato de xénero, moi alonxado das historias intimistas ás que este autor nos tiña afeitos, cuia coidada edición a cargo de Dib·buks incorpora outro elemento novidoso: a cor.

Solís adopta unha estrutura tradicional, seis cadros por páxina, para unha historia inzada de tópicos de xénero. O propio nome do protagonista, Cornelius Moon, exemplifica o enfoque excesivo e próximo á parodia que se lle imprime a un relato que, por outra banda, resulta lineal e directo, correctamente perfilado anque excesivamente simple. Xa que logo, o proxecto parece esgotarse nas súas pretensións superficialmente revisionistas, funcionando mellor como primeiro ensaio nun terreo descoñecido ou como vehículo de afirmación da versatilidade do autor que como obra en si mesma.

Resulta estraño atopar problemas de narración, un tanto abrupta por momentos, nun autor tan solvente a este respecto como Solís. Sen embargo, é precisamente no aspecto gráfico onde menos peros se lle poden poñer a este traballo, a cuia perfecta definición estética hai que engadir un atinado uso das cores. Paradóxicamente e ó contrario do que sostiña respecto a O banyan vermello, da mesma editorial, o trazo simple de Solís vese favorecido cando o tamaño de páxina é menor. Manías dos lectores, que nunca estamos contentos.

Entradas relacionadas:
Non te quero pero...

xoves, maio 31, 2007

O banyan vermello



Un dos autores españois que máis premios e mellores críticas obtivo ó longo do 2006 foi Carlos Vermut, debido precisamente á publicación de O banyan vermello. E lendo a obra devandita un pode entender por que.

Vermut propón en O banyan... unha historia de inspiración oriental e tono fantástico, sinxela no contido e de lectura doada, na que destaca, por riba de todo un peculiar alento narrativo, un sentido da acción e da aventura que, salvando as distancias, lembra a Sfar, e que catapulta ó lector de páxina en páxina ata a súa conclusión. A economía de medios e o carácter directo dunha narración que se presenta lixeira de ornamentos inútiles non só resultan valiosos de seu, senón que, tratándose da primeira obra longa do autor, demostran unha madurez e contención pouco frecuentes. Gráficamente, Vermut tamén é quen de sacarlle o mellor partido ó seu estilo sintético, apoiándose nun uso intelixente da coloración (a ilustración de cuberta é unha boa mostra) e nunha narrativa dinámica e eficaz. Apreciando a obra no seu conxunto un ten a sensación de que o seu autor ten aínda moito e moi bo por ofrecer.

Cómpre felicitar a Dib·buks, unha editorial que na súa curta traxectoria xa ten demostrado un excelente criterio e un coidado exquisito no acabado dos seus libros. Non obstante, a obra que nos ocupa tería saído beneficiada se o seu tamaño fose maior ou, cando menos, se o das marxes fose máis reducido.