mércores, decembro 24, 2008

Desolation Jones: Made in England



Warren Ellis é un autor interesante pero irregular. Na súa abondosa produción atopamos obras tan salientables e influíntes coma Planetary ou o primeiro volume de The Authority xunto a traballos prescindibles coma Mek, Red ou Dark blue. É por iso que mantiña unha actitude de prudencia ao achegarme a este Desolation Jones (Norma, 2007), obra non excesivamente popular na que o británico conta co sempre excelente J.H. Williams III aos lápices. E quer por esa actitude, quer porque a obra o vale, o certo é que a miña impresión é francamente boa, sendo este Desolarion Jones un dos traballos máis interesantes que lle teño lido a Ellis.

Resulta moi evidente que este primeiro arco argumental, composto por seis capítulos, estaba destinado a presentar un elenco de personaxes e bosquexar os rasgos dun particular universo coa intención de ser continuado en entregas posteriores. É moito o que se suxire deste detective albino e enfermizo e do seu entorno e relativamente pouco o que se amosa. Porén, os personaxes teñen carisma e a trama, unha revisitación en clave futurista (un tanto freak) do xénero criminal, está ben resolta. De feito, agradécese que o británico manteña unha certa contención sen renunciar á súa querencia pola extravagancia.

O traballo gráfico de Williams é, coma sempre, magnífico. O seu estilo é algo máis suxo e escuro que en Promethea, no que supón unha deliberada adaptación ao ton da historia, pero o que en calquera caso se mantén é a súa orixinalidade na composición e a súa perfecta caracterización de personaxes. Hai prometida unha continuación que aínda non chegou e alguén (cousa rara) mercou xa os dereitos para facer unha película. ¿Chegaremos a saber máis de Desolation Jones?

Entradas relacionadas – Warren Ellis
The Authority Vol.1

Entradas relacionadas – J.H. Williams III
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4
Promethea 5

Ningún comentario: