xoves, decembro 12, 2013

Powers: Dioses

























Os primeiros números de Powers respondían á idea de contemplar un xénero altamente formalizado, o dos superheroes, dende as claves formais doutro, o dos relatos policiais con parella protagonista. O primeiro arco argumental da cabeceira, Quen matou a Retro Girl?, era un whodunnit clásico, a resolución dun asasinato a cargo dunha parella de policías que se relacionaban seguindo os esquemas das buddy films. Sen facer historia, Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming desenvolvían unha premisa atractiva pola súa orixinalidade e eficaz dende o punto de vista narrativo, ao tempo que contribuían á cada vez máis nutrida deconstrución dos universos superheroicos. Os creadores mantiveron este esquema durante algúns ciclos argumentais máis, pero axiña comezaron a introducir cambios. Xa no primeiro volume da serie, Deena Pilgrim era suspendida do seu posto por ser sospeitosa dun crime, desfacéndose (cando menos formalmente) a parella de policías. Máis adiante, tanto ela coma o outro protagonista, Christian Walker, adquirirían superpoderes de forma sucesiva, consumando a transformación do título en algo sutilmente distinto do que era inicialmente.

Con Dioses (Planeta, 2013), o novo tomo da cabeceira, parece culminarse unha caste de volta ás orixes tras este delongado desvío. Por unha banda, o argumento recupera a centralidade da investigación criminal co caso dun asasino en serie de figuras seudo-divinas, unha crime story que, pola implicación de figuras superpoderosas, acada proporcións globais. Por outra, Deena retorna ao seu rol de investigadora, desta volta coma axente do FBI que actúa en paralelo con Walker e a súa nova compañeira. No remate da aventura, mesmo esa mínima distancia fica liquidada e ambos pasan de novo a traballar xuntos. Diríase que os autores pecharon un círculo e os personaxes están de novo nas posicións de saída.

Estamos perante un retroceso, o recoñecemento de que a reorientación da cabeceira non funcionou? O que está por vir confirmará en que medida podemos falar de volta ás orixes, pero polo lido ata agora coido, por unha banda, que unha cabeceira deste tipo non pode perpetuarse indefinidamente mediante unha acumulación de casos. A trama no seu conxunto debe dirixirse cara algún lugar e para que iso aconteza o escenario ten que transformarse e os personaxes evolucionar. Son partidario do cambio mais, por outra banda, é probable que a recuperación do enfoque inicial veña a demostrar de feito que as mudanzas introducidas non melloraban a proposta orixinal. Están os moitos cometidos de Bendis dentro do mainstream a pexar a súa produción máis persoal? Non o sei, mais si penso que, malia que os personaxes principais conservan en boa medida o seu carisma, o título perdeu hai moito tempo gran parte da súa frescura inicial.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Identidade secreta
Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos
Powers: Z

Ningún comentario: