martes, novembro 27, 2012

Rashomon


























Obras coma a recente Rashomon (Norma, 2012) mostran a evolución dun Víctor Santos que, sen renunciar aos que sempre foron os seus sinais de identidade, revélase agora coma un creador moito máis sólido e maduro. Os seus intereses temáticos apenas teñen mudado dende que se dera a coñecer hai máis de dez anos coma membro do colectivo 7 monos. Os seus traballos máis recentes confirman a súa tradicional querenza polo relato de acción nas súas distintas variedades de xénero (da fantasía canónica ao xénero negro, pasando polo pulp, as historias de yakuzas, o western...). Tamén este Rashomon co que se achega ao universo creativo do escritor xaponés Ryonosuke Akutagawa e que mestura o xénero policial cos tradicionais relatos de samuráis. Como fixera Akira Kurosawa coa película homónima de 1950, Santos reinterpreta varios relatos do autor xaponés, nomeadamente o coñecido como "Na fraga", conto breve e dunha singular frialdade formal no que Akutagawa emprega as formas do relato detectivesco (apenas consolidadas daquela, o texto data de 1922) para reflexionar sobre a procura da verdade material ao tempo que retrata a complexa orde social do Xapón feudal.

Os que me coñecen saben que é unha narración pola que sinto debilidade e sobre a que xa teño escrito, o que probablemente faga de min a persoa menos indicada para opinar sobre a adaptación dun Santos que, no canto de cinguirse ás estreitas marxes do texto orixinal, elixe  traducir o conto aos seus propios parámetros artísticos. As diferenzas entre unha e outra versión non son de simple detalle, senón que atinxen a elementos esenciais da arquitectura do relato. Tratándose da investigación dun crime, non parece precisamente accidental que Akutagawa optara por reducir o investigador a unha figura implícita, un xuíz ausente sen voz de seu. O lector accede ás declaracións das testemuñas e dos implicados sen a guía dese observador cualificado que é o detective. Santos, pola contra, introduce un comisario de creación propia, Heigo Kobayashi, acompañado dun arquetípico axudante. Consecuencia directa desta decisión é a perda da equidistancia fronte as versións dos feitos que dan as partes xa que o investigador, como non pode ser doutro xeito, manifesta as súas intuicións, chegando mesmo a suxerirse unha solución ao enigma nun epílogo engadido por Santos. O resultado non só é moito máis convencional que o do relato orixinal que, lembremos, ten xa noventa anos, senón que altera notablemente o efecto que produce a lectura. O texto de Akutagawa invitaba ao lector a ocupar a posición que o investigador (ausente) deixaba libre, calibrando sen intermediarios as declaracións contraditorias dos implicados e aventurando por que varios deles mentirían e non precisamente para seren absoltos, senón para inculparse. Mentres o relato orixinal esbozaba incógnitas e invitaba ao lector a facerse preguntas, a adaptación de Santos ofrece un enigma e insinúa unha solución. A obra conta, xa que logo, coa coherencia que lle dá a persoal visión do autor, malia o cal coido que a súa versión arrédase do seu referente precisamente nos aspectos que lle concedían máis singularidade e forza.

Coido que non debe deixar de salientarse o notable salto cualitativo de Santos coma debuxante. Aínda que as claves do seu grafismo seguen a ser as mesmas (trazo ríspeto e unha narrativa áxil e intuitiva), os seus deseños revelan agora influenzas perfectamente dixeridas, coma a de Michael Avon Oeming (lóxico) ou Mike Mignola. A variedade na posta en páxina, o amplo abano de recursos despregados e o perfecto aproveitamento do branco e negro invitan a recrearse na contemplación das páxinas deste álbum, ao tempo que demostran a madurez acadada polo seu autor.

Entradas relacionadas

xoves, novembro 08, 2012

Qadriños: "Primeiros encontros coa banda deseñada" no Museo de Pontevedra

























Octavio Bares, amigo e veciño deste blog, organiza O cómic no Museo, primeiros encontros coa banda deseñada, ciclo de charlas sobre cómic que terá lugar os días 27, 28 e 29 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e que contará con tres conferenciantes de primeira orde: Kiko Da Silva, David Rubín e Pepo Pérez. Unha magnífica iniciativa da que falo polo miúdo en Qadriños e da que se pode atopar máis información no blog de Octavio.

domingo, novembro 04, 2012

As viaxes de Marcopola

Marcopola, a illa remeira. As orixes de Marcopola
 
Xerais vén de publicar As orixes de Marcopola, primeiro álbum da serie Marcopola, a illa remeira de Jacobo Fernández Serrano, que supón ademais a estrea dunha nova colección, Merlín Cómic, consagrada á banda deseñada infantil e xuvenil. Cómpre lembrar que a editorial que dirixe Manuel Bragado levou a cabo no seu día un intenso labor de edición de BD, tanto de tradución coma de produción propia, que viviría a súa etapa máis vizosa nos anos 90 e que foi esmorecendo dende entón ata practicamente desaparecer na actualidade. Agardamos que este renovado interese de Xerais polo cómic permita que os moitos autores de talento que hai no país conten cunha nova canle de publicación para os seus traballos, contribuíndo á mellora das súas posibilidades de desenvolver unha carreira profesional.
 
A elección do título inaugural parece acertada, dada a longa traxectoria de Fernández Serrano no eido, xa sexa coma autor de banda deseñada (Os amigos de Archimboldo Roque), coma ilustrador (A filla do ladrón de bicicletas, As aventuras de Nunavut) ou mesmo coma escritor (Mil cousas poden pasar). Debuxante sutil e narrador experto, Fernández Serrano desenvólvese con comodidade no xénero infantil, cuxos códigos domina ata o punto de incorporalos a obras dirixidas a outro perfil de lector, caso de Aventuras de Cacauequi. As orixes de Marcopola foi publicado orixinalmente en castelán en 2009, sendo concibido xa inicialmente coma o primeiro dunha serie de álbums cuxa continuación, Os piratas da lúa, anuncia Xerais para a primavera do ano próximo.
 
A protagonista da historia, a illa Marcopola, aborrece da súa vida sedentaria no medio do océano e devece por viaxar e ver mundo. A súa sorte mudará o día que, tras desprenderse do fondo mariño, comeza a desprazarse polo mar coa axuda dun remo. Na súa andaina coñecerá xente e fará amigos, recibirá e dará axuda, saberá do perigo e confrontará os seus medos. A súa é a historia dunha aprendizaxe, a de alguén que quere abrirse ao mundo, medrar, e que no camiño termina recoñecendo o valor da amizade e da axuda mutua. Fernández Serrano envolve nunha engaiolante poética visual un relato que reborda imaxinación e sentido lúdico. No seu esforzo por facer a obra accesible aos lectores máis novos, o autor simplifica sensiblemente o seu trazo sen restarlle unha miga ao seu persoal carácter, completando uns deseños tan sinxelos coma atractivos. A viveza das cores, a linearidade do relato e unha narrativa gráfica perfectamente engraxada fan deste álbum un agasallo idóneo para rapaces que comezan a ler e no que os seguidores do autor atoparán moitos dos elementos que caracterizan a súa obra.
 
O presente volume pode considerarse representativo da produción recente de Fernández Serrano, cuxa madurez e calidade converten ao artista vigués nunha das voces máis persoais e interesantes da BD galega actual. Motivos para felicitarnos pola tradución ao galego desta primeira aventura de Marcopola e para agardar coas mellores expectativas o seguinte álbum da serie.
 

domingo, outubro 21, 2012

Escenas dun matrimonio inminente

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Breve e de pequeno tamaño, cun acabado gráfico sinxelo, próximo ao bosquexo, Adrian Tomine parece asumir que Escenas dun matrimonio inminente (Sin sentido, 2012) é un traballo menor, que cómpre servir case cru, sen moita cociña. A obra recolle un feixe de anécdotas sobre os preparativos do casamento do autor, visitando todos os lugares comúns deste tipo de eventos (os invitados, o lugar, a música, as flores...) e participando desa corrente tan actual na que o autor se sitúa a si mesmo no centro do relato, combinando o cotián co autobiográfico e procurando a identificación dun lector que se recoñece nas experiencias narradas. Poderiamos preguntarnos o porqué desta vaga de obras que abalan entre a autoficción e o exhibicionismo, relacionala coa sobreexposición da esfera privada nos medios e tamén coas modas e os novos perfís dos lectores de banda deseñada, mais non parece concibido este traballo para provocar profundas reflexións, senón para unha aproximación directa e unha dixestión inmediata. Dado o ton amable e o perfil lixeiro dos contidos, o protagonismo trasládase ao debuxo, cun Tomine que adopta un rexistro moi afastado do que predomina na súa traxectoria previa. Páxinas espidas, cun debuxo mínimo, de trazo urxente, todo un contraste coa cerebral planificación e o sobrio detallismo que nel resulta habitual. Aínda que a comicidade da maioría das situacións descritas revela case sempre un certo absurdo, Tomine abstense de adoptar unha perspectiva abertamente crítica, completando un traballo que non desentoaría en ningunha lista de vodas.
 
Entradas relacionadas

martes, outubro 16, 2012

Aventuras no planeta Zakfart

Sálpock. O val dos Cegos


Demo Editorial estreaba hai uns meses a colección Häinös, unha nova liña de publicacións consagrada á fantasía e a ciencia ficción. O primeiro título publicado dentro deste selo é Sálpock: O val dos cegos (Demo, 2012), obra que resultou finalista na edición de 2011 dos Premios Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación da Coruña. Dificilmente podería imaxinarse unha elección máis atinada, xa que este álbum escrito por Álvaro López e debuxado por Luís Sendón aposta decididamente polo xénero futurista na súa versión máis aventureira e xuvenil.

Sálpock, o protagonista do relato, cae do ceo ao planeta Zakfart, onde vivirá a súa infancia e mocidade baixo o xugo dun réxime tiránico. De neno escravo pasará a gladiador na mocidade, antes de fuxir e retornar para derrocar o tirano no poder. Os autores mostran a súa paixón polo xénero da ficción científica adheríndose a unha tradición de relatos que ten sido cultivada repetidamente dentro do mesmo, aquela na que un personaxe de perfil mesiánico encontra o seu destino liderando un pobo sometido na conquista da liberdade. A súa proposta invita ao lector a unha aproximación directa e sen prexuízos, que goce da aventura e a épica polas que os autores apostan con convicción, mais tamén da capacidade do relato para evocar outras sagas solidamente instaladas no imaxinario colectivo.

As primeiras páxinas do cómic, que os autores compartiron na rede coma adianto editorial, abondan para constatar a personalidade e a fluidez narrativa do debuxante Luís Sendón, pero permiten tamén poñer en relación os seus deseños cos de pezas clave do xénero, coma as sagas cósmicas de Jack Kirby, a versión Marvel do John Carter de Edgar Rice Borroughs ou mesmo clásicos da BD galega de ciencia ficción, coma Reimundo Patiño. Sendón consegue asimilar este caudal referencial integrándoo no seu persoal estilo, tan propio do cómic independente onde desenvolveu a parte máis significativa da súa carreira.
 
Malia que a extensión do álbum (60 páxinas) impide que algúns personaxes e situacións reciban toda a atención que poderían merecer, Sendón e López completan un traballo consistente e ben equilibrado, que ten nos lectores novos o seu destinatario natural pero que gustará tamén a calquera afeccionado á fantasía futurista. Como agasallo, o álbum contén un código que permite descargar da rede un xogo de rol inspirado na serie. Cómpre recoñecer, xa que logo, o labor de Demo Editorial, que non só segue a apostar pola produción propia e a edición en galego, senón que ademais se dirixe a segmentos de mercado ata o de agora pouco atendidos.

xoves, setembro 27, 2012

O código do cempés




















Unha obra das características de O código do cempés (De Ponent, 2012), de autores pouco coñecidos e sen os rasgos externos que a farían destacar de seu (zombis, vingadores...), corre o risco de pasar desapercibida dentro do catálogo de novidades que se publica cada mes. Unha mágoa, xa que Joaquín Rosado, Rocío Estepa e Víctor Araque desenvolven un traballo sólido e que ben merece máis atención da que probablemente recibirá. Coma en gran parte das súas publicacións, De Ponent opta neste caso por un formato grande, próximo á tradicional feitura dos álbums europeos, algo que favorece claramente o labor gráfico de Araque e tamén de Rocío Estepa, responsable das cores, decisión a agradecer dada a crecente popularidade de formatos máis compactos. 

Ambientado nunha vila do interior de Estados Unidos, o relato está protagonizado por un fato de rapaces que forman o típico club xuvenil, “Os Cempés”, cos seus ritos de acceso, un estrito código de conduta, un refuxio secreto e tamén un can. Os autores parten, xa que logo, dos ingredientes propios dunha aventura xuvenil, enfatizados polo debuxo de Víctor Araque, que se move sempre dentro dun rexistro amable, moi propio dun produto orientado a lectores novos. Mais cómpre non deixarse guiar polas aparencias, xa que a trama incorpora elementos sobrenaturais e macabros, valéndose da inocencia da ollada infantil para establecer un contraste cos aspectos máis desagradables do mundo adulto. O cruzamento de códigos é mais aparente que real, xa que a narración desemboca axiña e de forma decidida na tradición de relatos sobre pobos malditos. Malia a compoñente fantasiosa de boa parte da trama, o seu desenlace resulta coherente e a obra no seu conxunto acerta a transmitir unha sensación desacougante, sendo moi notable o equilibrio que os autores acadan entre a conveniencia de suxerir e a necesidade de amosar propia do xénero terrorífico.

Celebramos, xa que logo, a lectura desta obra orixinal e intensa, e anotamos o nome dos seus autores coa esperanza de que o mercado, sempre complicado, lles conceda futuras oportunidades de edición.

venres, setembro 21, 2012

Loura de verán





















 As catro historias que compoñen Loura de verán (La Cúpula, 2011) están protagonizadas por personaxes emocionalmente complexos. Todos eles amosan dificultades na súa relación cos demais, mais ningún deles renuncia á afectividade, o que os conduce inevitablemente a sentírense frustrados e adoptaren estratexias defensivas coma o engano, a agresividade ou a submisión. Adrian Tomine parte de estereotipos ben consolidados do imaxinario americano (o bloqueo do escritor, a angustia pola aceptación no instituto, a competencia entre o sedutor e o inadaptado social...), mais consegue sobrevoar os tópicos e darlle vida aos relatos. As súas historias retratan personaxes comúns en situacións cotiás pero, ao contrario que en versións máis extremas do slice of life, a acción conduce sempre a un momento crucial que transforma os protagonistas. Se algunha crítica se pode facer á súa obra non é a da irrelevancia do acontecido.

Peza esencial na construción de significados é o debuxo, frío e elegante, de trazo fino, coidadosamente planificado. A perfecta orde das viñetas, en sucesión case monótona, o cerebral sentido da composición e o predominio do branco transmiten unha certa asepsia, en sintonía co espírito melancólico dos relatos. Fálase sempre da raíz carveriana das historias de Tomine e da influenza gráfica de Clowes ou Burns. A min véñenseme á cabeza tamén Hopper (Edward) e Solondz. Seguro que hai máis. Coma outros tantos grandes autores, Tomine recolle unha longa tradición previa, pero non se limita a reproducila cegamente senón que a reconstrúe dende as súas propias coordenadas. O resultado é xenuinamente persoal, inconfundible.

luns, setembro 17, 2012

A imposible Patrulla X 2


Sabemos que Uncanny X-Men foi un dos títulos clave do tebeo superheroico na década dos 80. Chris Claremont, guionista da cabeceira practicamente dende o inicio da súa segunda andaina, non só redefiniu o universo mutante e deu lugar a unha das franquicias máis rendibles do cómic norteamericano, senón que desenvolveu un persoal estilo narrativo, baseado na caracterización dos personaxes, as relacións interpersoais e un intelixente encadeado de argumentos, que marcaría a tendencia a seguir para outros autores do seu tempo. Malia que os primeiros números brillaron pola súa frescura e axilidade sería a chegada de John Byrne ao apartado gráfico o que daría lugar a un indiscutible salto de calidade. Perfectamente complementado polas tintas de Terry Austin, o debuxo de Byrne representaba a modernidade, con deseños novidosos e unha narrativa máis arriscada e espectacular, en contraste co clasicismo do seu predecesor, Dave Cockrum. Pero, como se ten salientado recorrentemente, a súa aportación non se restrinxiu ao debuxo sendo igualmente importante a súa contribución aos argumentos da serie. Xa que logo, a estadía de Byrne no título introduciu un cambio de rumbo que tería importantes consecuencias na caracterización dos personaxes e no establecemento dos sinais de identidade da serie.

O segundo tomo de Marvel Gold: A imposible Patrulla X (Panini, 2012) recolle a maior parte da etapa Claremont-Byrne (os números 122 a 143 da cabeceira) e sen dúbida as historias máis significativas, xuntamente cos Anuais 3 e 4 (debuxados por George Pérez e John Romita, respectivamente) e algúns números extra pertencentes a outros títulos. Nel atopamos aventuras xenuinamente superheroicas, como o enfrontamento con Arcade, a viaxe ao mundo de Arkón ou o descenso ao inferno de Rondador Nocturno. Sen embargo, relatos coma os que enfrontan os mutantes con Proteo ou co Club Hellfire marcan un ton diferente, máis escuro e intenso, nunha escalada de dramatismo que desembocará na coñecida Saga de Fénix Escura e máis concretamente coa morte do devandito personaxe. Sabemos que estes capítulos foron un auténtico acontecemento, con gran repercusión entre os lectores mais tamén con grande influenza creativa durante moitos anos. O material extra que recolle esta edición explica que a morte de Fénix foi decidida, como en tantas outras ocasións, pola dirección editorial e non estritamente polos autores. O que hoxe resulta máis sorprendente, case revolucionario, é que a motivación final da decisión non fose comercial senón un certo sentido da ética e da responsabilidade fronte os lectores. E malia que non se respectou a vontade inicial dos autores de indultar a Jean Grey, ninguén dubida hoxe da forza do relato nin do magnificamente que o desenvolveron Claremont e Byrne. Atopámonos, xa que logo, cuns capítulos que deberían constar en calquera canon do xénero superheroico e cuxa lectura actual ilustra perfectamente os principios sobre os que se erguía a industria, ao tempo que expón un revelador contraste coa deriva actual do mesmo.


Pero a contribución do tándem Claremont-Byrne non se esgota nesta saga xa que inmediatamente chegaría Días do futuro pasado, relato en dúas partes que resultaría esencial na construción do universo mutante. Hoxe identificamos o rexeitamento dos humanos cara o homo superior coma un dos elementos esenciais da mitoloxía mutante, pretexto para numerosos fíos argumentais e durante moito tempo sinal distintivo das cabeceiras X. Sen embargo, esa idea non sempre estivo aí; durante todo o primeiro volume da cabeceira aparece apenas suxerido e foi a chegada de Claremont ao título a que a trouxo a un primeiro plano. Mais non é ata esta historia que o lector asiste a unha representación completa da cuestión levada ao extremo, coa presentación dunha distopía futurista na que os mutantes e superhomes en xeral son cazados, recluídos en campos de concentración ou executados polos humanos. O feito de presentarse coma un futuro posible, case inexorable, marca un novo xeito de abordar a relación entre humanos e mutantes tanto polo propio Claremont como polos autores que o sucederían. Mais a influenza deste díptico non se esgota na caracterización da cabeceira mutante xa que, de feito, coa introdución da desconfianza do ser humano respecto dos seus “protectores” superpoderosos está a prefigurarse unha idea que máis adiante atoparemos en obras tan determinantes na evolución do relato superheroico como Watchmen ou Dark Knight returns e que máis recentemente pasarían das marxes á corrente principal do medio con eventos como a Guerra Civil.

Este tomo recolle, xa que logo, un feixe de relatos que son xa historia do tebeo de superheroes e que deberían interesar a calquera afeccionado ao xénero. A edición complétase con algúns capítulos soltos doutras cabeceiras (como Marvel Team-Up ou Bizarre Adventures) que, non sendo excesivamente relevantes, concordan co espírito completista desta compilación. Ademais, cubertas, textos dos autores, algún artigo de Raimon Fonseca e unhas poucas ilustracións extra. Un volume que ben merece o espazo que ocupa nos andeis, que non é pouco.

Entradas relacionadas
A imposible Patrulla X 1

domingo, setembro 09, 2012

Moscova, memoria da Unión Soviética


Nova Paisaxe de papel, desta volta centrada en Moscova. Sabemos que o cómic non foi ben visto pola oficialidade soviética e, consecuentemente, apenas atopamos representacións da ex-capital da URSS a cargo de autores rusos, sendo a recente Los hijos de octubre de Nikolaï Maslov unha das poucas excepcións. As restantes obras seleccionadas, todas elas co réxime soviético no cerne dos seus argumentos, comparten a orixe exterior da ollada, mais pretenden ser diversas tanto en procedencia coma en perspectiva. En Moscova, memoria da Unión Soviética atopamos paisaxes de André Juillard, Nick Abadzis, Dave Johnson e Killian Plunkett. A prancha que acompaña estas liñas pertence á excelente Lo que el viento trae de Jaime Martín, obra que non menciono no artigo por non casar tematicamente coas restantes.

sábado, setembro 08, 2012

Contrato con Deus


Ninguén discute hoxe a significación histórica dunha obra como Contrato con Deus e menos aínda a relevancia do seu autor, Will Eisner, polo que a recente publicación da mesma por parte de Rinoceronte Editora (2012) é un motivo de ledicia, máis aínda se consideramos a magnífica tradución de Eva Carrión. A historia deste título é ben coñecida e, de non ser así, os dous prólogos do autor que recolle esta edición aportan a información esencial. O volume xurde dun propósito ambicioso de Eisner, o de demostrar a lexitimidade da BD coma medio de expresión cultural homologable a calquera dos que no momento de publicación orixinal (1978) gozaban de prestixio social. Tratábase de rachar as barreiras implícitas que reducían o cómic á condición de mero entretemento xuvenil e para iso, Eisner pretendía ofrecer un tipo de narración diferente, dirixido a un novo tipo de lector e tamén a un novo mercado. Sen entrar en máis detalles sobre a sorte inmediata da obra, si podemos dicir que o tempo rematou por darlle a razón a Eisner no esencial: malia que subsisten algunhas posicións resistentes, a lexitimidade cultural da BD asúmese hoxe maioritariamente.

Conforman o volume catro relatos: a parábola relixiosa da que o conxunto toma o título; O cantante da rúa, unha historia de perdedores; a lixeiramente ambigua e probablemente misóxina O súper; e a costumista Cookalein. Aínda que independentes entre si, todas elas representan un mesmo escenario, os tenements neoiorquinos dos anos 30, territorio da mocidade de Eisner que retrataría en varios traballos da súa produción. Mais esa coherencia de fondo non é o único elemento que vincula as historias entre si. Ademais, todas elas teñen en común o seu ton decididamente dramático e as fondas implicacións morais dos argumentos, aspectos que non podemos deixar de relacionar coas intencións últimas do autor. Diríase que á hora de reclamar respecto para o medio, Eisner decide ofrecer a versión máis solemne de si mesmo, desbotando outros rexistros que tamén soubo cultivar con mestría, como a sátira ou relato de xénero, e asumindo implicitamente a idea de que os argumentos dramáticos adoitan ser mellor tratados pola critica.


Se consideramos que o que Eisner reclamaba era a homologación cultural do cómic pode mesmo resultar paradoxal o diferente que Contrato con Deus resulta respecto das obras relevantes da literatura ou o cinema norteamericanos do seu tempo (lembremos, finais dos 70), atopando un encaixe moito máis doado entre os clásicos das dúas décadas anteriores. Talvez o imaxinario de Eisner reflicte as influenzas propias de alguén da súa xeración (non esquezamos que contaba xa máis de sesenta anos cando deu esta obra ao prelo) ou pode que o autor buscase deliberadamente darlle unha apariencia clasicista á súa obra, de novo coa respectabilidade coma obxectivo. Se cadra non hai nada disto e estamos ante o resultado dun simple acto de liberdade creadora.Como ilustrador, Eisner mantivo sempre unha actitude inquieta, reflexiva e mesmo próxima ao experimental. Toda a súa produción está repleta de achados gráficos e non menos interesantes son as súas opinións e teorías sobre a narrativa gráfica. En Contrato con Deus atopamos o despregue dun amplo abano de recursos que en ningún caso resulta ostentoso nin racha coa unidade formal da obra: enmarca as imaxes ou non, emprega globos de texto ou prescinde deles integrando o texto na imaxe, alterna entre splash pages a páxinas de cinco ou seis viñetas. O sentido funcional con que as distintas opcións son empregadas consegue que a narración flúa ata facer invisible a técnica narrativa. O debuxo de Eisner sempre demanda a participación dun lector que debe complementar a información, moitas veces deliberadamente escasa, que se lle presenta: siluetas, liñas que suxiren, bosquexos inacabados, ambientación teatral ou mediante detalles illados...

En definitiva, unha obra que xa é historia do cómic e que vén a sumarse ao aínda escaso catálogo de clásicos da BD dispoñibles en galego. Un pequeno paso para o home, un grande paso para a humanidade.