sábado, setembro 27, 2008

World War Hulk



Hulk nunca foi un personaxe moi do meu agrado. Demasiado forte e demasiado parvo (eufemísticamente poderíamos dicir "salvaxe"), o cal limita notablemente o número de boas historias que pode protagonizar. De feito, estes dous aspectos tan característicos da súa personalidade teñen sido obxecto de matizacións en momentos diversos, e de feito, alteracións desa caste teñen posibilitado etapas tan recoñecidas como a que no seu día escribiu Peter David.

Cae nas miñas mans o recopilatorio ianqui de World War Hulk (Marvel, 2008), que reúne os catro números que saíron baixo esa denominación e dous What if… Tras o periplo espacial de Planet Hulk, o xigante verde volta á Terra cun cabreo monumental e ganas de zoscarlle a certas figuras clave do Universo Marvel actual: Iron Man, Raio Negro, Reed Richards e o Doutor Estraño.

Efectivamente: Hulk destrozar.

Aparte de demostrar algo tan insospeitado como a fortaleza de Hulk, os guións de Greg Pak non parecen guiarse por outro propósito que o de sementar dúbidas verbo da integridade moral dos heroes mencionados, no que constitúe un rasgo moi proprio da Marvel pos-Guerra civil. John Romita fillo axeita o seu estilo gráfico aos requerimentos da historia, con páxinas que rara vez exceden das catro viñetas (e non poucas veces se compoñen de unha ou media) e unha limpa narración do que semella ser o atractivo esencial da miniserie: as leas. Non descubro nada se digo que estamos ante un cómic de consumo e sen pretensións, iso si, desenvolvido con corrección e profesionalidade. Non hai máis, pero tampouco menos.

sábado, setembro 20, 2008

Daredevil: Guerra de bandas



En páxina par, isto é, a volta de folla, contemplamos a Daredevil precipitándose ao vacío dende un rañaceos empurrado por Bullseye. A imaxe é espectacular, o lector vén de presenciar unha pelexa nun espazo pechado cando, ao pasar a páxina, o abismo xurde como unha forza que todo o atrae e o corpo do heroe semella suspendido por un segundo antes de comezar a caer. Trátase dunha viñeta do número 170 da serie orixinal de Daredevil que prefigura en boa medida unha das imaxes máis impresionantes do 300 de Frank Miller: aquela na que os espartanos guindan a un pozo aos emisarios persas que veñen a pedir a súa rendición. Tamén neste caso Miller prepara a escena creando un clima de tensión coa negociación entre Leonidas e o mensaxeiro persa. Entón, o lector vira a páxina e de súpeto aparece unha enorme fosa, unha boca, algo tan sinxelo coma unha circunferencia que detén o tempo antes de devorar ao emisario.

A comparación entre estas dúas imaxes evidencia o que ten depurado Miller a súa gráfica neste tempo (sepáranas máis de vinte anos de oficio), mais tamén dá testemuño do indiscutible talento que o autor demostraba xa nos seus primeiros traballos. En comparación co Miller maduro, o debuxante de Daredevil: Guerra de bandas (Panini, 2008) amosa fallos evidentes e resulta moito máis convencional nos seus plantexamentos, pero demostra tamén algunhas das virtudes que iría depurando cos anos: facilidade narrativa, dinamismo, vocación experimental, sentido da composición. Miller planifica as súas páxinas cuidadosamente pero tomando sempre a funcionalidade coma obxectivo fundamental. Moitas das súas solucións son complexas e merecen unha ollada detida, pero o normal é que, habitualmente, queden absorbidas pola narración e lle pasen desapercibidas ao lector, sinal da súa extrema funcionalidade.

Polo demáis, Miller altera a orientación da cabeceira e faino fundamentalmente a través dos villanos. Reinterpreta a Kingpin, ata entón antagonista de Spiderman, do que dá unha versión máis interesante e complexa; altera a relación entre Daredevil e Bullseye, mediante a introducción dunha compoñente persoal; recupera a unha Elektra de coidada ambigüidade (¿aliada? ¿rival?) que se incorpora poderosamente á galería de secundarios da serie. O último capítulo dos incluídos neste tomo introduce outro dos lugares comúns da obra de Miller, especialmente nestes anos, o mundo oriental, os ninja, as artes marciais. O arco que comeza no volume seguinte pode considerarse o primeiro 100% Miller.

Entradas relacionadas
Daredevil: Marcado pola morte - Elektra

xoves, setembro 18, 2008

AIDP: Unha praga de ras



AIDP: Unha praga de ras (Norma, 2005) permite matizar unha idea tan asentada (e con tantos argumentos a prol) como que a habilidade de Mike Mignola coma debuxante é superior ao seu talento coma guionista. Non se trata de levar a contraria porque si, son o primeiro que pensa que a afirmación anterior resulta atinada no esencial. Orabén, o volume da produción de Mignola coma escritor é xa o suficientemente considerable como para respaldar unha solvencia que excede mínimos amplamente. A presente obra é un bo exemplo.

Os dous volumes previos do spin-off AIDP viñan xustificados pola idea de promiscuidade (Mignola deixaba aos seus personaxes en mans dunha ampla nómina de autores) e homenaxe (historias de perfil baixo e suma fidelidade ao canon establecido coma forma de respecto ao creador por parte destes), e os resultados, sen chegaren a decepcionantes, non pasaban de ser unha lectura agradable. Unha praga de ras semella ser a primeira oportunidade real dos membros da Axencia de Investigación e Defensa do Paranormal como protagonistas dunha historia de certa entidade. Mignola tece un relato perfectamente equilibrado, fiel aos seus sinais de identidade (isto é, coa esencia lovecraftiana no cerne da trama) co que profundiza na personalidade dun secundario tan principal como Abe Sapiens. El e os demáis axentes reivindícanse como capaces de soster unha cabeceira de seu. Supoño que era iso o que se trataba de demostrar.

Pero tamén o outro extremo do lugar común acerca de Mignola, a súa invulnerabilidade coma debuxante, merece ser posto en cuestión. E é que as súas creacións cobran unha nova vida nas mans de Guy Davis, excelente artista cuxo talento teño loubado aquí en non poucas ocasións. Davis, ben complementado polas cores de Dave Stewart, responde perfectamente ás esixencias da historia cun estilo algo máis limpo de que nel é habitual, cunha magnífica ambientación (xeniais os seus deseños de futurismo victoriano) e un soberbio tratamento dos personaxes.

Entradas relacionadas
AIDP: As terras ocas – A alma de Venecia e outras historias

sábado, setembro 13, 2008

AIDP: As terras ocas – A alma de Venecia e outras historias



O mérito de Mike Mignola e o seu Hellboy é evidente, mesmo inusitado. Moitos outros artistas, escritores máis talentosos e debuxantes de maior tirón popular que el, teñen probado sorte cunha serie de creación propria. E poucos teñen dado lugar a obras tan lonxevas e persoais como a que protagoniza o demo dos cornos recortados. Pode dicirse que Mignola non inventa nada con Hellboy, pero a súa amalgama de referencias ofrece un resultado persoal e recoñecible, sustentado nuns personaxes dun carisma que para outros autores resulta inalcanzable.

A serie AIDP xurde coma un spin-off da cabeceira principal de Hellboy cuxa finalidade non é só a de ampliar o imaxinario da serie matriz e conceder ós seus secundarios (Abe Sapien, Liz Sherman, Roger, Johan Kraus, Kate Corrigan) a oportunidade de seren protagonistas, senón tamén a de dar entrada a autores distintos do seu creador. Os dous primeiros volumes da serie, As terras ocas (Norma, 2004) e A alma de Venecia e outras historias (Norma, 2005) recopilan narracións breves, variacións insignificantes dos contos de fantasmas e vampiros, relatos pulp e historias extraordinarias que as inspiran. Constreñidas pola súa brevedade e por unha certa falta de ambición, o maior interese das máis delas reside no aspecto gráfico, no que artistas tan diversos e interesantes como Ryan Sook, Michael Avon Oeming, Guy Davis ou Scott Kolins xogan cun universo que semella condenado a non dar de si tanto como podería.

sábado, setembro 06, 2008

The Surrogates



Unha obra como The Surrogates (Glénat, 2007) estaba abocada a pasar desapercibida. De autores descoñecidos (Robert Venditti e Brett Weldele), publicada orixinalmente nunha independente norteamericana (Top Shelf) e en España por unha editorial especializada en manga e cómic europeo, as súas opcións para facerse cun espazo de seu eran máis ben escasas. E porén, nos meses que seguiron á súa publicación recabou un feixe de boas críticas e non poucas recensións en prensa, blogs, etc., o que fala ben do criterio da editorial que preside Joan Navarro.

A imitación dos grandes clásicos da ciencia ficción, The Surrogates válese dun escenario futurista para reflexionar sobre a sociedade actual e a repercusión que nela teñen determinados avances tecnolóxicos. O anonimato e a conseguinte irresponsabilidade fronte ás proprias accións ou a posibilidade de ter outras identidades e levar outras vidas son cuestións tratadas con intelixencia na obra e a súa mensaxe, que inevitablemente soa a advertencia, non cae nunca en solemnidades ou moralismos vacuos. A narración discurre segundo a estrutura do relato policial, formato éste que tamén conta cunha significada tradición no ámbito da ciencia ficción, pero non estamos ante unha obra puramente referencial. Pola contra, hai nela unha vontade xenuina de lle dar novas pólas á rama da ficción na que se insire. Os resultados son magníficos.

Fálase xa de continuación. Tamén de adaptación ó cinema. Outra vaca no millo. Con Bruce Willis. Glups.

martes, setembro 02, 2008

The Authority Vol.4



O cuarto volume da serie The Authority (Norma, 2008) comeza como rematou o terceiro: sen unha idea clara acerca de cara onde dirixir a cabeceira. Robbie Morrison comeza coa rutinaria destrución de cidades enteiras (recurso esgotado por abuso), continúa cun ridículo enfrontamento entre meniñas (¿Jenny Quantum versus JennyFractal? ¿Vai en serio?) e remata cun fallido intento de profundizar no pasado persoal de Jack Hawksmoor.

A chegada de Ed Brubaker demostra que un escritor de talento pode crear boas historias mesmo nas peores circunstancias. No canto de enfrontar ó supergrupo á enésima ameaza global do espacio exterior, a proposta de Brubaker supón unha volta ás orixes, unha reflexión sobre o pasado dos personaxes e un evidente cuestionamento da súa evolución. A acertada recuperación de Henry Bendix, creador do supergrupo, é o pretexto do guionista para facer balance da súa traxectoria. E a conclusión deixa poucas dúbidas.

Brubaker recupera o pulso narrativo e trata ós personaxes con respecto, alonxándoos da caricatura lacónica na que foran trocando co tempo. Jenny Quantum deixa de ser un estorbo para se converter nun personaxe interesante, partícipe en boa parte do carisma da súa predecesora. O antagonista actúa dacordo cunhas motivacións que, por primeira vez en moito tempo, se xustifican debidamente. A súa ameaza, fronte as inmediatamente anteriores, parece real. A trama constitúe, en definitiva, un relato de acción e intriga perfectamente construido, con tempo aínda para as consabidas chiscadelas referenciais (homenaxes ós Freedom Fighters e a Iron Man), no que son os mellores episodios da serie dende a etapa de Warren Ellis.

Porén, o éxito de Brubaker non deixa de supoñer o fracaso da cabeceira. O discurso do escritor fai pasar a continuidade da serie polo desmantelamento dos seus sinais de identidade, no que supón a constatación dunha realidade que cómpre ir admitindo xa: unha cabeceira que se basea no cuestionamento do xénero superheroico non pode funcionar se se lle aplican as estructuras deste. The Authority arrancou con forza e supuxo unha interesante revisión da mitoloxía dos superheroes, pero a súa prolongación no tempo rematou axiña nunha calella sen saída. A idea do supergrupo proactivo que trascende as convencións superheroicas só funciona por contraste co modelo do que se pretende alonxar e, por tanto, esgótase en si mesma. Unha vez que se constata que ese camiño non leva a ningures só cabe recuar.

No epílogo da historia, a Enxeñeira afirma: “Algunhas caras son distintas pero en esencia estamos onde empezamos”. E así é.

Entradas relacionadas
The Authority Vol.1
The Authority Vol.2
The Authority Vol.3

luns, agosto 25, 2008

O Salón



Un pene, anaco insólito da fisonomía viril, fixo que O Salón (Astiberri, 2008) de Nick Bertozzi se vise envolto nunha abraiante polémica nos USA. Apenas un pene modesto e relaxado abondou para que se cuestionase non a adecuación da obra para o público infantil, senón a súa mera presenza en tendas de cómics nas que, xa se sabe, de cando en vez entran cativos. Ninguén poñería en cuestión esta obra, na que unha caterva de artistas se pon ata as cellas de absenta para se poder adentrar en pinturas impresionistas, se Bertozzi tivese obviado o pene de Picasso ou se, cando menos, lle tivese chantado diante unha folla de parra.

Pero non é da pequenez de certas mentalidades do que quero falar senón d’O Salón, obra coa que Bertozzi fai unha homenaxe informal á xeración de artistas (Picasso, Gertrude e Leo Stein, Toklas, Apollinaire, Matisse, Braque…) que compartiron inquedanzas no París de inicios do século XX. Informal porque, sen tratarse abertamente dunha parodia, o autor adopta unha ollada irónica e desmitificadora para desenvolver, en clave onírica, unha narración de trasfondo policial. O resultado é modestamente satisfactorio sempre e cando o lector estea disposto a baixar do pedestal ós personaxes implicados e admitilos como figuras pop. A iso e a non deixarse intimidar por un pene.

domingo, agosto 24, 2008

Río abaixo



O feito de que non poda falarse de Río abaixo (Norma, 2008) sen mencionar Enrugas (Astiberri, 2008) resulta, ó meu entender, abondo significativo. É certo que as dúas obras se publicaron case simultáneamente e que teñen en común algún rasgo, sobranceiramente o feito de teren ambas como protagonistas a anciáns. Pero non é menos certo que as semellanzas rematan aí e que ambos relatos discurren, polo demáis, por roteiros ben diferenciados. Xa que logo, ese factor común ha de ser ben escaso cando abonda de seu para emparentar estes dous traballos.

Non é nengún descubrimento. O papel subalterno que a nosa sociedade lle depara á terceira idade ten o seu correlato lóxico no eido da produción cultural. Non abundan as historias protagonizadas por vellos, nen na banda deseñada, nen no cinema, nen mesmo na literatura. Non son, semella, estéticos nen interesantes. Esta idea, que todos contribuimos a manter en maior ou menor medida, pode poñerse en cuestión cando se dá a difícil conxunción de talento artístico e valentía editorial. Así pasou con Enrugas e así pasa con Río abaixo (tampouco eu podo evitar emparentalas).

A obra de Pascal Rabaté que agora nos ocupa plantexa a posibilidade de afrontar a vellez sen resignación nen derrotismo. Emile, o protagonista da historia, chega a asumir que a súa posición nas marxes da sociedade non só é unha fonte de desvantaxes, senón tamén de liberdade. Non debe rendir contas a ninguén, nada lle impide abandonarse a disfrutar de calquera cousa que lle resulte pracenteira. Hai, xa que logo, unha mensaxe vitalista, mesmo hedonista, que ás veces se aproxima a un certo simplismo, pero interesante en tanto invirte a lóxica do fatalismo. Unha persoa para a que ninguén mira, ¿está desatendida ou é plenamente libre?

sábado, agosto 16, 2008

A conta atrás



Ainda fumegaba a denominada zona cero de Nova York e xa o patriarcado da literatura norteamericana (Updike, DeLillo, mesmo Auster) asumira a obriga de contar literariamente o suceso. De certo que non se tratou dunha manobra orquestada, pero non teño tan claro se foi unha coincidencia que xurdiu da vontade individual de cada un deles ou se a coincidencia responde a unha lóxica. ¿A simple necesidade de explicar os feitos, de comprendelos, de restablecer a orde? ¿Ou se cadra algo máis complexo, como a pretensión da novelística ianqui de se facer presente en todos os grandes acontecementos históricos do país?

A catástrofe do Prestige foi, se se me permite a comparación, o noso 11-S. Un evento tráxico que non deixou víctimas mortais (se excluimos a Man, o alemán de Camelle, dito sexa sen retranca algunha), pero que resultou demoledor para o noso medio ambiente, golpeou a determinados sectores produtivos, abafou a poboacións enteiras e, por unha xestión política vergoñenta, afrentou a dignidade dunha cidadanía cuxo comportamento foi exemplar. E conseguintemente, voces tan destacadas para as letras do país coma Rivas ou De Toro deron a súa versión dos feitos, pero fixérono dende a análise, o testemuño, a reflexión, non dende a ficción.

Carlos Portela, escritor galego de solvencia máis que demostrada, propón unha nova achega a aqueles feitos cunha obra de ficción, A conta atrás (Factoría K, 2008), desenvolvida en colaboración co debuxante catalán Sergi San Julián. A catástrofe do Prestige non é nesta historia un mero telón de fondo senón o miolo mesmo da narración, o problema que se trata de desentranar cunha trama que avanza cara atrás no tempo na procura de causas. O protagonismo dilúese entre unha confraría de personaxes arquetípicos, representativos de cadanseu colectivo: o gobernante; os xornalistas, o honrado, a trepa, o hipotecado; os homes de mar, o emprendedor, o concienciado, o crédulo… A narración vai encetando feitos, explicando conductas, encadeando consecuencias a causas. Ás veces os personaxes destilan unha certa frialdade, se cadra por estaren supeditados a unha función arquetípica. Pero non pode discutirse nen o bo pulso narrativo, especialmente complicado nunha obra de estructura complexa como esta, nen a amplitude de espectro dun retrato social que resulta ben recoñecible.

Guía esta narración non só a necesidade de comprender feitos como aqueles, senón a conveniencia de non dalos a esquecemento, cuestión que Portela salientaba nunha entrevista recente. É por iso que a iniciativa dos autores e de Factoría K merece as maiores gabanzas, máis aínda polo feito de editar a obra en galego, non só en castelán. Agardamos xa a publicación do segundo e derradeiro tomo.

Entradas relacionadas – Carlos Portela
Os Heresiarcas: a alma baleira

venres, agosto 15, 2008

O local



Hai en O local (Sins entido, 2008), o último álbum do italiano Gipi publicado en España ata o de agora, un conflicto xeracional que poderiamos cualificar como de baixa intensidade. Os catro mozos que protagonizan o libro manteñen relacións convulsas cos seus proxenitores, pero non máis do que adoitan ser as relacións entre pais e fillos. Tanto a personalidade de cada un dos rapaces como as súas relacións familiares posúen rasgos proprios. O feito de formaren un grupo musical é o que todos eles teñen en común e o que lles permite superar as súas diferenzas.

Agradécese que o enfoque de Gipi trascenda a concepción da música como canle de evasión para adolescentes. De acordo co seu relato, o feito de compoñer cancións e ensaiar no local ó que se refire o título non é para os protagonistas un xeito de se arredaren da realidade senón, pola contra, unha forma de aproximación a ela. Estes mozos compoñen e tocan para comprender e interpretar o mundo en que viven. A súa creatividade non é un refuxio no que illarse do entorno, senón unha axuda para o día a día. Esta forma de concebir o que implica estar nun grupo ten pouco que ver coa música como producto, como o proprio autor explicita no texto.

Non estamos perante unha obra excesivamente orixinal e as reflexións que contén tampouco chegan moi lonxe. Porén, Gipi consegue que os seus personaxes se alonxen do tópico e a súa historia proporciona unha certa sensación de autenticidade. Non teñen lugar grandes acontecementos, senón sinxelas aprendizaxes conducentes a un final que é, ó mesmo tempo, un principio.

Entradas relacionadas – Gipi
S